Os sindicatos esixen a devolución íntegra da paga extra suprimida aos traballadores públicos

Mobilización dos empregados públicos © CIG

O pasado xoves, ao tempo que se confirmaba que o salario dos e das traballadoras públicas galegas seguirá conxelado en 2015, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo anunciaba a devolución, en dous anos, do 25% da paga extra que fora suprimidada en 2012. Porén, o que o Goberno galego quería presentar como unha nova favorable para os intereses de traballadores e traballadoras, foi recibido con fortes críticas por parte dos sindicatos.

A primeira crítica diríxese contra a negativa da Xunta a devolver de inmediato esta paga de xeito íntegro, como si sucederá noutras comunidades autónomas e na administración central do Estado. Ademais, lembra a CIG, Feijoo "intenta vender como un acto de boa fe, o que é unha obriga, tal e como ditan os tribunais ao respecto". O sindicato sinala neste senso que no caso dos empregados laborais "fóronse gañando todos os conflitos colectivos onde se obriga á Xunta a pagar a parte devengada desa extra" e que no que respecta aos funcionarios e funcionarias, "como non hai posibilidade de conflito colectivo a CIG presentou varios contenciosos que abranguen todos os ámbitos para logo pedir a extensión de sentenza a todos os funcionarios da Xunta".

O STEG cre que con este anuncio a Xunta paga "o que se ían ver obrigados a pagar tras sentenza xudiciaria" e, ao tempo, "dan en vésperas de ano electoral a imaxe de que cumpren coas súas promesas"

O STEG salienta igualmente que a Xustiza obrigaría á Xunta a pagar esta extra, dado que o decreto que anulou o pagamento entrou en vigor o día 15 de xullo de 2012 e "a Constitución garante o principio da irretroactividade das disposicións sancionadoras non favorábeis ou restritivas de dereitos individuais". O sindicato cre que con este anuncio a Xunta busca "matar dous paxaros dun tiro", pagando "o que, segundo todos os indicios, ían verse obrigados a pagar tras sentenza xudiciaria" e, ao tempo, "dan en vésperas de ano electoral a imaxe de que cumpren coas súas promesas".

A CIG esíxelle á Xunta "que pague o que debe" pois "os empregados públicos galegos non queremos esmolas, queremos que nos devolvan o que nos roubaron, queremos que se nos pague o que nos corresponde polo noso traballo". O sindicato ofrécese a negociar o reintegro desta débeda, pero partindo dunha serie de condicionantes: recuperación das pagas extras recortadas de 2012, 2013 e 2014, recuperación do 5% dos últimos 5 anos, actualización das retribucións conforme ao IPC galego dos últimos 5 anos, e o pago no 2015 das pagas extras completas".

Mobilización dos empregados públicos © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.