0 Gardados para despois

Alemaña parabeniza o Goberno español polos seus "impresionantes" recortes

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Hora de pasar revista. Nun coñecido hotel compostelán de catro estrelas, coñecido pola súa tranquilidade e o seu spa, o ministro alemán de Finanzas, Wolfgang Schäuble, revisoulle os deberes ao seu homólogo español, Luis de Guindos. Non se celebraba na capital galega un foro da Unión Europea ou do Goberno español, senón unhas xornadas da conservadora Fundación Konrad Adenauer baixo o título Reaxustando a relación entre Europa e os Estados nación - As leccións da crise. Para poñer a lupa sobre as tarefas do Executivo de Mariano Rajoy a entidade organizou unha mesa redonda específica, A axenda española de reformas e o seu impacto na UEna que compareceron De Guindos, a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría e o titular de Exteriores, José Manuel García Margallo. E Schäuble saíu "impresionado".

Tras coñecer detalles dos denominados Programa de Estabilidade e Programa Nacional de Reformas o enviado de Merkel non o dubidou. O que está a facer o Goberno do PP é "verdadeiramente impresionante". A reforma laboral, os recortes sanitarios e educativos ou as novas privatizacións que, adianta De Guindos, chegarán en cuestión de días, son para o ministro alemán a mostra do que "é necesario facer", medidas tomadas para que "o barco tome o rumbo adecuado" e que se enmarcan nunha axenda con carácter europeo. Así e todo "os mercados seguen nerviosos" e iso "non podemos modificalo", di Schaüble. A crítica situación económica só "cambiará", e farao "por si soa" se "conseguimos convencer os mercados da corrección das medidas tomadas, se os convencemos manténdonos firmes nestas decisións".

Schaüble ve "impresionante" o labor do Goberno central e rexeita "facer depender dunhas eleccións" a axenda de recortes

E é que para o ministro económico de Merkel non valen cambios, tampouco se as eleccións francesas -ás que o encontro celebrado en Compostela lles dedicou un apartado específico- sitúan o socialista François Hollande como novo presidente. "Os tratados que asinamos" na UE "respéctanse" e "non é o costume europeo facer depender isto dunhas eleccións, porque Europa non podería funcionar así", sentenza. Non obstante, e malia insistir en que non hai troco que valla, Wolfgang Schäuble engade que "agora chegou o momento de formular medidas de estímulo ao crecemento". "Non é ningunha novidade", insiste, aínda que lanza unha argumentación impensable hai poucos meses en calquera responsable dos conservadores europeos: "non só necesitamos consolidación fiscal, senón que a necesitamos para algo, para xerar crecemento sostible" porque é a mellor vía para "un emprego sostible", para que "poidamos superar o problema do desemprego xuvenil", exemplifica. Na mesma liña, o ministro español segue o explicado polo seu colega alemán. "Non hai  ningunha confrontación" entre a "ineludible" redución do déficit público e o crecemento, mantén. Os estímulos chegarán -trataranse no Consello Europeo de xuño- dende a UE pero tamén dende Madrid, "aí están as reformas económicas" do Estado. O seu obxectivo non é outro que "fomentar a competitividade" e "incrementar a flexibilidade" para a "recuperación do crecemento", asegura.

'Banco malo', novas "liberalizacións" e eloxios a Feijóo

De Guindos abre a porta ao 'banco malo', unha vía que Novagalicia xa aplicou a través da súa Unidade de Xestión de Activos Singulares

Pero mentres eses estímulos ao crecemento van chegando, a orquesta das reformas segue tocando. Ante Schäuble e a preguntas dos xornalistas De Guindos adianta, ao seu xeito, por onde pode ir o camiño nun dos cernes da cuestión, o sector financeiro. Unha das explicacións que lle deu ao ministro alemán foi a da reforma financeira e o seu "obxectivo de incrementar as provisións pola exposición ao risco inmobiliario" e de propiciar a "integración" de entidades pola vía da "fusión" ou da "adquisición". Neste escenario, e cunha "valoración correcta" do valor dos bancos e caixas, o ministro de Economía non desbota a "posibilidade de separar os activos inmobiliarios dos balances bancarios", isto é, sen dicilo, crear un dos coñecidos como banco malo, un artefacto financeiro que pode ter a forma legal de fondo de investimento e que queda, por exemplo, cos créditos hipotecarios que as entidades bancarias consideran de dubidoso ou imposible cobramento. Esta é a vía que empregou por exemplo a actual Novagalicia Banco. Traspasoulle ao seu banco malo, denominado Unidade de Xestión de Activos Singulares, os seus activos tóxicos e rematou 2011 con case 200 millóns de euros en perdas.

Na mesma axenda reformista inclúe de Guindos as novas "liberalizacións" que poucas horas antes anunciara a vicepresidenta Sáenz de Santamaría dun xeito pretendidamente casual á súa chegada a Santiago. Vanse "liberalizar determinados servizos de transporte" e "infraestruturas" para que "sexan moito máis económicos para os cidadáns" e "poidan continuar nunha senda de modernización na liña do que fixeron outros países europeos". Pouca explicación máis pola banda da vicepresidenta e tamén pola de De Guindos que, non obstante, ao ser cuestionado polas palabras de Sáenz de Santamaría, pronunciou unha das verbas tabú. Trátase de "liberalizacións" pero tamén de "privatizacións", que tentan "facer máis eficiente o sector público" pero tamén "dinamizar a actividade do sector privado" pola vía do "investimento" en ámbitos que antes estaban "pechados", restrinxidos ao sector público, evidencia.

O ministro de economía admite que as reformas en infraestruturas e transportes inclúen "privatizacións"

Fronte á leve discordancia no lanzamento do globos sonda, ambos ministros si argumentaron de xeito máis harmonioso á hora de eloxiar o presidente da Xunta ante a prensa galega. A menos dun ano das eleccións autonómicas Sáenz de Santamaría define a Alberto Núñez Feijóo como un "pioneiro" que está "á vangarda" da austeridade. Pola súa banda, De Guindos, abonda na gabanza. A Xunta "aplicou con seriedade e rigor os principios de equilibrio fiscal", non ten "debedores acumualados", pódese seguir endebedando e non precisa que o Estado lle inxecte "liquidez". "Unha posición bastante única", asegura.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

De Guindos insta a agardar a setembro para falar de Novagalicia e evita dar por feita a poxa

Alóngase a agonía. Os xornalistas forzaron o ministro de Economía, Luis de Guindos, a abordar ante o seu homólogo alemán o delicado futuro de Novagalicia Banco. Despois de que o Banco de España lle dese á entidade dirixida por José María Castellano un empurrón máis cara á poxa o ministro evita confirmar que isto acontecerá. De Guindos lembra que "nunca comenta" casos de entidades concretas, se ben explica que, no caso de NCG a súa "confianza" é "plena" nos "actuais responsables" -o banco está controlado polo Estado en máis dun 90%- e insta a agardar ata finais de setembro para dar máis detalles.

Será nese momento cando "expire" a "opción de compra da participación do FROB", isto é, o coñecido como Plan Castellano, a través do cal a entidade prevé obter fondos privados que eviten a poxa. O proxecto segue vivo, pero a duras penas, dado que o Banco de España xa amosou as súas dúbidas sobre o encaixe legal que podería ter e ademais o gobernador do regulador, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, xa adiantou que, aínda que o Goberno central e a UE lle desen luz verde, non lle concedería o Esquema de Protección de Activos -un mecanismo ante posibles perdas-, mecanismo que NCG Banco tamén prevé para saír adiante.

Así as cousas, a dilación pola que aposta o ministro para ver as "alternativas dispoñibles" semella unha chamada a manter as augas calmas mentres NCG Banco se precipita á poxa, a mesma pola que pasarán Banco de Valencia e Catalunya Caixa antes do verán. Con todo, De Guindos asegura estar "convencido" de que Novagalicia "seguirá a xogar un papel moi importante" na economía galega.

 

Evento da Xunta no Gaiás para falar de "austeridade" e sanidade

Un ministro de Economía convidado á Cidade da Cultura para falar de Sanidade. O que hai poucos anos podería semellar un erro nunha convocatoria oficial materializouse este luns no monte Gaiás de Santiago. O Goberno galego organizou no inacabado complexo deseñado por Peter Eisenman un evento, con escenario, atril e paneis deseñados ao efecto, para presentar o Plan Innova Saúde, un proxecto de 45 millóns de euros -máis de 31 deles fondos europeos tramitados a través do Goberno central- para inserir medios tecnolóxicos no Servizo Galego de Saúde.

Coa escenografía das grandes ocasións o presidente situou este plan como a mellor "proba" de que os recortes e a "austeridade" non só "non poñen en cuestión" os servizos públicos, senón que os "fortalecen" e mesmo os "melloran". Cómpre "rebater dous equívocos", di Feijóo, que o xeito en que os gobernos afrontan a crise "pode levar por diante os servizos públicos" e que a férrea redución do déficit "cercena calquera posibilidade de crecemento económico". "Galicia nin pode nin quere renunciar a mellorar o seu sistema público de saúde", proclamou Feijóo no Gaiás, senón que se está a "esforzar" para garantir o seu "futuro". Nesta liña, o xefe do Executivo gaba tamén o Goberno central e defende implicitamente a súa controvertida reforma do copagamento farmacéutico. O gabinete de Mariano Rajoy, asegura, está traballando para "apuntalar os fundamentos do sistema sanitario".

Pola súa banda, Luis de Guindos aproveitou a súa intervención na Cidade da Cultura para adiantar parte da explicación que horas máis tarde ofreceu á prensa, tras reunirse co seu homólogo alemán. A economía é como "un barco", exemplifica o ministro, e o Goberno do que forma parte está a "endereitar" o seu rumbo e a traballar para que "manteña" a dirección correcta.

 

Recortes á beira do spa

"Din que nestas xuntanzas informais é onde se decide todo". Un experimentado xornalista deixaba este comentario nun dos corredores do hotel compostelán que a Fundación Konrad Adenauer elixiu como sede das súas xornadas Reaxustando a relación entre europa e os estados nación - Leccións da crise. Unha viaxe familiar dun dos responsables da que podería ser considerada como a FAES alemá -a fundación está ligada á CDU, partido de Angela Merkel- foi a orixe, segundo contan dende a instalación hostaleira, de que Compostela fora o destino do que se converteu nun mini cumio hispano-alemán. Durante esas vacacións, ese político e a súa familia aloxáronse no tranquilo hotel de catro estrelas, ubicado nunha rehabilitada fábrica construída a finais do século XVIII ao sur da capital galega e coñecido polos seus servizos de spa.

Tratábase, pois, dun evento privado emprazado nun espazo privado, pero con abondosos presenza de responsables públicos e, polo tanto, de non poucos recursos públicos en forma de seguridade. Efectivos da Policía Nacional, da Garda Civil e do servizo de seguridade asignado aos membros do Goberno alemán blindaban o complexo e parte da urbanización que o circunda. Tratábase de illar o máis posible un evento cuxa publicidade semellou  non estar prevista por parte dos seus organizadores. O pouco interese en saltar aos medios ficou demostrado nos indisimulados xestos de contrariedade que espertou a presenza de medios de comunicación na xornada do domingo, a primeira do encontro, cando nin a Fundación Adenauer nin o Goberno central convocaran á prensa, algo que si fixo a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Turismo.

Quizais foi esta inesperada saída á luz a que motivou a convocatoria, a última hora do domingo, do único acto público das xornadas, a rolda de prensa conxunta do ministro de Economía, Luis de Guindos, e o seu homólogo alemán, Wolfgang Schäuble, cuxas verbas de austeridade e contención de gasto contrastaban cos paneis anunciadores do propio hotel, ante os que foron situados nunha mesa á que Schäuble, que se despraza en cadeira de rodas, non puido chegar sen axuda, dado que só era posible acceder á sala a través dunhas escaleiras. Os abondosísimos escoltas esforzáronse en que a prensa gráfica non puidese captar a axuda que lle era prestada ao ministro alemán polos seus asistentes, os mesmos que non evitaron deixar escapar o riso cando un dos micrófonos da sala de prensa amagou con fallar. "Todo se arranxa", tranquilizou de Guindos á concorrencia. Esa comparecencia remataba cando xa pasaran vinte e catro horas dende o inicio das xornadas, cuxa extensión chega ao mártes, 1 de maio. Ata ese momento, o futuro de Europa seguirase debatendo. A porta pechada.

 

 

"Manifesta a submisión aos ditados de Merkel"

Unha "mostra de submisión" que, ademais, mestura o institucional co partidario. É a interpretación que os grupos da oposición parlamentaria galega fan da xuntanza celebrada pola Fundación Konrad Adenauer en Santiago. Dende o PSdeG o seu voceiro, Abel Losada, lembra que a "fundación conservadora" que organiza o evento "vén colaborando co PP" de maneira periódico, polo que os conservadores volven amosar a súa "capacidade de mesturar o institucional e gobernamental co partidario". Na xuntanza de Compostela o Goberno español pretende aparecer como "o alumno máis aventaxado da clase", di Losada, unha "característica común" de Rajoy e Feijóo, que "fixo o mesmo nos tres anos que leva gobernando". "Lamentablemente esta imaxe de alumnos aventaxados na ortodoxia máis liberal ten un custe social moi importante", censura.

Pola súa banda a voceira do BNG na Cámara, Ana Pontón, ve neste encontro un novo sinal de que "quen goberna en Europa é Alemaña e o Goberno español asume con claridade as súas directrices". "Non veñen negociar nada, senón a escoitar directrices", di a nacionalista, quen reprocha que o Executivo central obvie que "a política de recortes e a obsesión polo déficit está xerando desemprego, desigualdades e unha situación desesperada en toda Europa.

Dende fóra do Parlamento Máis Galiza posicionouse tamén publicamente sobre o encontro da Fundación Adenauer. Fíxoo anunciando que tentaría entregarlle ao ministro alemán de Finanzas un libro sobre o economista John Maynard Keynes. "Cunha lectura demorada desta obra poderá concluír que a política de austeridade que está impoñendo Alemaña ao conxunto da Unión Europea traerá consigo máis paro, máis desigualdade e máis destrución de riqueza", din dende o partido.

As autonomías perderán as competencias sobre impostos cedidos se non cumpren co déficit

"No caso de que resulte necesario para dar cumprimento aos compromisos de consolidación fiscal coa UE, as competencias normativas que se atribúan ás autonomías en relación aos tributos cedidos pasarán a ser exercidos polo Estado". Con esta frase incluída nun dos documentos dos plans de estabilidade que o Goberno central entregou hoxe a Bruxelas, o Executivo insiste en apertar o cinto ás comunidades autónomas.

Falando claro, as autonomías perderán as competencias sobre impostos cedidos no caso de que non cumpran cos obxectivos de déficit marcados. Xa o insinuara o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, nunha sesión parlamentaria de hai poucos días e ante as protestas do grupo mixto. O cumprimento da Lei de Estabilidade Presupostaria é clave para o Executivo, que onte advertiu tamén que poderá intervir autonomías a partir do mes de setembro, aínda que non cre "que sexa necesario"

Segundo o Executivo, todas as comunidades "teñen capacidade real" para cumprir cos obxectivos de déficit e, en todo caso, poderán solicitar antes unha "intervención voluntaria", algo ao que ningunha automía fixo referencia aínda. Calquera eventual intervención é unha posibilidade recollida na Lei de Estabilidade Orzamentaria que vén de publicar o Boletín Oficial do Estado (BOE) para a súa entrada en vigor este martes.

Ademais, tamén finaliza o prazo para que as comunidades autónomas presente os seus plans económicos e financeiros para reconducir as súas desviacións. De acordo coa nova Lei, a partir dese momento o Goberno ten 15 días para darlles a súa aprobación, antes dar paso a outras medidas. En caso de non presentaren o plan ou incumprilo, a administración debe constituír un depósito retribuido do 0,2% do seu PIB nominal, que ao seis meses poderá converterse en multa no caso de que os incumprimentos sigan. Pasados nove meses, o Ministerio de Facenda poderá enviar unha delegación para valorar a situación económico-orzamentaria da administración.

Con todo, no caso de que esa administración obviase incluso a creación do devandito depósito, o prazo da intervención reduciríase a tres meses, por iso é polo que o prazo para as primeiras intervencións se sitúan no mes de setembro.

   Según sus cálculos, todas ellas "tienen capacidad real" para cumplir con los objetivos de déficit y, en todo caso, podrán solicitar antes una "intervención voluntaria", de la que ninguna de ellas ha hablado hasta el momento.