A Deputación de Lugo, primeira entidade provincial en traballar coa banca ética

Imaxe das xornadas celebradas este venres e sábado en Lugo Dominio Público Fiare GZ

Fiare Banca Etica é a maior entidade cooperativa de crédito de Europa, un proxecto con máis de 11 anos de percorrido no Estado Español, un traballo que culminou o pasado 1 de outubro co inicio das súas operacións como entidade bancaria dirixidada a clientes particulares. A diferenza con outras ofertas de banca ética é o seu carácter de de cooperativa, de xeito que os seus clientes e clientas son en realidade persoas socias, que como tales participan dos procesos de toma de decisión do banco en condición de igualdade.

Fiare conta con máis de 5000 socios e socias en España; tanto persoas individuais coma entidades sociais e algunhas institucións, como concellos, ao redor de dúas ducias, entre eles o de Manzaneda

Fiare conta con máis de 5000 socios e socias en España; tanto persoas individuais coma entidades sociais e algunhas institucións, como concellos, ao redor de dúas ducias, entre eles o de Manzaneda. As administracións públicas locais fanse socias de Fiare como mostra do compromiso en construír unha banca ética desde a cidadanía organizada que impulsa unha intermediación financeira baseada nuns valores como a responsabilidade, a solidariedade e o respecto pola contorna. Donostia, Errentería, Ordizia, Azpeitia, Hernani, Oñati (Euskadi), Burlada, Ansoain, Berriozar, Villaba, Huartepa (Navarra). Prat de Llobregat, Sabadell, Cambrils (Catalunya), RivasVaciamadrid (Madrid) ou Albuixech (Valencia) son outras das localidades comprometidas co proxecto.

A pasada semana a Deputación de Lugo converteuse na primeira entidade provincial en formar parte da banca cooperativa, grazas ao convenio asinado con Fiare Banca Etica. A deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, fixo este anuncio durante a inauguración dunhas xornadas técnicas e informativas, celebradas o pasado venres e sábado no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, nas que participaron o responsable do Grupo Local de Lugo de Fiare Banca Etica, Xabier Bruña, e o director de Operacións de Fiare Banca Etica, Juan Garibi.

García Porto subliñou que esta aposta por unha banca alternativa á convencional responde ao obxectivo da Deputación de Lugo de “situar as persoas no centro de todas as políticas públicas”

García Porto subliñou que esta aposta por unha banca alternativa á convencional responde ao obxectivo da Deputación de Lugo de “situar as persoas no centro de todas as políticas públicas”, así como ao de traballar sempre de xeito transparente. A achega económica da Deputación pasará a formar parte do capital social de Fiare Banca Etica e estará destinada, ao igual que o capital achegado por todas as persoas socias, a financiar proxectos que prioricen o respecto ao medio ambiente e a creación de postos de traballo en ámbitos como a prestación de servizos ou outras actividades produtivas.

Os proxectos son avaliados localmente por unha comisión que en Galicia está formada por cinco persoas elixidas asembleariamente e que cumpren unha serie de requisitos: manter o equilibrio rural-urbano, de xénero, e representar as distintas sensibilidades que conforman Fiare: o mundo ecoloxista, do sindicalismo agrario, de cooperación e do comercio xusto. García Porto concluíu que “as novas maneiras de facer políticas públicas tamén pasan por comprometerse coas persoas, apoiando o nacemento de proxectos locais cun positivo impacto social”. Este mesmo verán Fiare anunciou a aprobación do seu primeiro proxecto financiado en Galicia. Trátase do Sindicato Labrego Galego, un dos colectivos que hai anos impulsou esta entidade de banca ética, e que hai uns meses recorreu a Fiare Galiza na procura de financiamento, en lugar de buscar un préstamo nunha entidade bancaria tradicional.

 

Un novo Fiare

Fiare viña funcionando até agora como entidade de apoio aos actores da economía social, cunha área para particulares mínima, suxeita á lexislación italiana e con moitas limitacións operativas e técnicas. A novidade é que a partir de agora poderá ofrecer de verdade servizos a particulares con toda a carteira básica: banca por Internet, caderno de aforro e a prazos -entre 12 e 60 meses-, xiro de recibos, tarxeta de débito de Servired (caixas rurais) e todas as garantías que teñen as clientas de calquera outra entidade, incluída a cobertura do Fondo de Garantía de Depósito. A prioridade inicial é ofrecer os servizos ás persoas socias que xa son clientas a pesar das dificultades que existían (ao redor de 2.300), dirixirse logo ao resto de persoas socias (outras 3.000) e empezar a abrirse fóra da súa base social coincidindo coa entrada de 2015.

A prioridade inicial é ofrecer os servizos ás persoas socias que xa son clientas a pesar das dificultades que existían, dirixirse logo ao resto de persoas socias

A participación das persoas socias na toma de decisións, destacan os seus responsables, non vai en detrimento da profesionalidade, como demostra a experiencia en Italia de Banca Popolare Etica, que concedeu créditos por valor de 1.800 millóns e ten unha morosidade do 2% cando na banca convencional española está a superarse o 13%. 

Imaxe das xornadas celebradas este venres e sábado en Lugo Dominio Público Fiare GZ

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.