A Xunta descarga no Goberno central a decisión sobre o futuro de ENCE

Planta de ENCE en Pontevedra © ENCE

"A última palabra sobre o futuro de Ence en Pontevedra é allea á Xunta", así o asegurou no Parlamento o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, preguntado por Montse Prado (BNG) sobre se o Goberno galego ía exercer as súas competencias para evitar a permanencia da factoría en Lourizán. A Xunta de Galicia debe emitir un informe sobre as actividades da planta e o seu impacto que será determinante para a concesión ou non dunha prórroga de 50 anos para a continuidade de ENCE na súa actual localización.

Hai dúas semanas entrou en vigor o Regulamento da nova Lei de Costas que lle pode permitir a ENCE permanecer en Lourizán até o ano 2068

"Determinante, non vinculante", reiteraba este mércores na cámara Francisco Conde, botando balóns fóra sobre a responsabilidade da Xunta. Hai dúas semanas entrou en vigor o Regulamento da nova Lei de Costas que lle pode permitir a ENCE permanecer en Lourizán até o ano 2068. En principio, a partir deste momento a Consellería de Medio Ambiente dispón dun prazo de tres meses para redactar un documento centrado principalmente no control de parámetros de carácter ambiental relacionados coa Autorización Ambiental Integrada (AAI) que a empresa actualizou en decembro do pasado ano. E, en efecto, o Ministerio pode desestimar as conclusións do informe que elabore a Xunta, en base "ao interese xeral"

No debate Francisco Conde tamén botou man da recente orde da Audiencia Nacional, que a instancias do Tribunal Supremo instou á Administración Xeral do Estado a incoar o expediente de caducidade da concesión que goza Ence, tras a denuncia presentada polo colectivo Salvemos Pontevedra. Conde asegurou que "hai un novo escenario" para a empresa, polo que, dixo, até que se resolva no se pode tramitar o procedemento de prórroga. En efecto, no novo regulamento aprobado dise que se se "aprezan causas de caducidade do título vixente ou se está tramitando un procedemento de caducidade do título concesional", o procedemento de prórroga "deixarase en suspenso”. E o recurso presentado por Salvemos Pontevedra e estimado polo Tribunal Supremo obriga o Goberno a revisar a posibilidade da prórroga de ENCE en virtude dos incumprimentos da concesión vixente

O recurso presentado por Salvemos Pontevedra e estimado polo Tribunal Supremo obriga o Goberno a revisar a posibilidade da prórroga de ENCE en virtude dos incumprimentos da concesión vixente

Este mércores, no debate parlamentario, o BNG acusou o Goberno galego de "tentar de todo" para que a empresa quede máis aló de 2018 no lugar que ocupa na actualidade: "tentaron de todo, dende desligar a empresa do dominio público, a súa incorporación ao Porto de Marín, a declaración de supramunicipalidade e a modificación da Lei de Costas", dixo. Pola súa banda, Francisco Conde afirmou que "botar a Ence sen máis" sería "absolutamente ilegal" e dixo que o Bloque "pretende que a Xunta de Galicia invada as competencias estatais". O conselleiro asegurou finalmente que a Xunta emitirá o seu informe "cun profundo respecto á lei" e atendendo á conservación do medio ambiente e ao desenvolvemento económico da zona.

Montse Prado lembroulle que a Xunta "ten as competencias para impedir a consolidación" da empresa en Lourizán, e instouno a adoptar unha "decisión política"

Conde, preguntado pola "posición política" do PP e do seu Goberno sobre este asunto, afirmou que o programa do Partido Popular para as eleccións autonómicas de 2012 recollía "a pretensión de que Ence abandonase a ría", sempre e cando se asegurase a súa "irrenunciable" continuidade "na comarca de Pontevedra". Montse Prado lembroulle que a Xunta "ten as competencias para impedir a consolidación" da empresa en Lourizán, e instouno a adoptar unha "decisión política" e a aclarar "se teñen a intención ou non de dar un golpe na mesa e de non permitir que o Goberno os ningunee". A deputada defendeu que varias sentenzas do Tribunal Constitucional ratifican as competencias da Xunta neste asunto.

Planta de ENCE en Pontevedra © ENCE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.