"No sector eólico galego, privatizáronse as ganancias e socializáronse os problemas"

Vista dun parque eólico en Galicia CC-BY Ignorant Walking

Xavier Simón dirixiu a investigación sobre o impacto económico da enerxía eólica en Galicia elaborada polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (Gieea) da Universidade de Vigo. No seu último informe queda clara a escasísima renda que os parques eólicos deixan no medio rural do país. Os propietarios dos montes onde se asentan estas instalacións perciben tan só un 1,4% da facturación total das compañías. O economista galego acusa o marco regulador e á escasa información que os donos das terras recibiron desde que as firmas enerxéticas chegaron a Galicia para quedar de vez. 

Por que o sector eólico é tan pouco rendible para o agro galego?

A causa é o marco regulador. Tal e como foi definido pola Xunta, os propietarios do monte participan en pouca medida nos rendementos. Ademais, os plans industriais deberían ter un impacto económico positivo sobre as zonas, pero non se desenvolveron. Si que tiveron algún impacto, pero puxéronse en  marcha empresas de ensamblaxe ou de execución de obras e incluso de vixilancia, pero non no ámbito tecnolóxico, por exemplo. O impacto económico non foi o que debería ser.

Faltou información entre os propietarios dos terreos ou houbo mala fe por parte das empresas eólicas?

Cando foi o boom eólico, a información que circulaba entre a comunidade de propietarioas era baixa ou nula. Esta falta de coñecemento sobre o funcionamento do sector eólico por parte dos propietarios das comunidades rurais contrapesábase co forte coñecemento do sector que tiñan as empresas que estaban chegando a Galicia. A posición era totalmente asimétrica e nin a Xunta, nin os sindicatos, nin os ecoloxistas nin a Universidade estiveron a altura das circunstancias para que a posición dos propietarios ante as compañías fose mellor, de máis fortaleza, menos asimétrica.

"Nin Xunta, nin sindicatos, nin ecoloxistas, nin Universidade estivemos á altura para que a posición dos propietarios fronte ás eólicas fose máis forte"

Hai solución a esta falta de rendemento para os propietarios?

O que está feito está feito. As autorizacións administrativas non teñen data de caducidade. Os parques eólicos chegaron ao rural para quedar. Nalgúns casos, as empresas adquiriron as terras e noutros teñen contratos asinados por trinta anos. Non hai moitas posibilidades ou ningunha de cambiar as posibilidades económicas dos propietarios dos terreos onde se asentan as eólicas. 

No estudo fálase da necesidade de unión entre os propietarios. Hai un problema de individualismo na idiosincrasia do galego que dificulta esa colaboración?

Iso é un falso mito porque no medio rural coopérase moito. O problema foi froito do descoñecemento previo e da falta de divulgación ou de espallamento dos datos que os propietarios deberían ter sabido. Houbo grupos de propietarios que si estiveron maís informados, que se uniron e que se enfrontaron á situación dun xeito máis seguro.

"O Estado ou a Xunta deberían participar máis no negocio eólico; fortalecería o sector e a economía"

Di que o marco regulatorio non é o axeitado, pero temos unha chea de exemplos para melloralo...

Por suposto. Hai normativas noutros países que regulan moito mellor a participación dos propietarios, que adoita ser maior. Ademais, a participación do Estado tamén é maior na maioría dos casos, mentres aquí se optou claramente por un mercado privado. Privatizáronse as ganancias e socializáronse os problemas.

É vostede do partidario dunha maior participación das administracións no negocio eólico?

Sen dúbida ningunha. Creo que o estado e a Xunta deberían participar máis nun negocio coma este, un negocio cun longo percorrido e que vai seguir producindo enerxía, por que non? Ademais, encaixaría dentro do marco xurídico español, da Constitución, e fortalecería o sector e a economía.

Equivocouse Galicia co sector eólico desde o principio?

Desde finais dos anos 90 o desenvolvemento eólico en Galicia foi moi acelerado, demasiado acelerado. Ademais, é ineficiente porque o tamaño medio dos aeroxeradores é o mais baixo da España peninsular, o que evidencia que houbo un empurre inicial moi forte pero de menor eficacia e eficiencia que noutras zonas. Os aeroxeradores agora están obsoletos, malia seguir sendo lucrativos.

Non se primaron os intereses políticos sobre os do sector?

Ese vaivén político e de marco regulador seguramente ralentizou o desenvolvemento do sector eólico porque a estabilidade do marco xurídico é fundamental.

E hai agora seguridade xurídica?

Agora hai un marco que non está recorrido. Claro que podería ser mellor, pero é o que hai. Os cambios normativos ralentizan esta industria e iso é un problema. Claro que si.

Xavier Simón Fernández Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.