O PP teima no cianuro e volve rexeitar o seu veto na minería en Galicia

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

A maioría absoluta do PP volveu rexeitar este martes unha proposta para prohibir o uso do cianuro nas explotacións mineiras galegas. Os votos populares botaron atrás a toma en consideración dunha proposta de AGE para reformar a lei galega de minería e garantir tamén as indemnizacións das empresas en caso de accidente. Os deputados conservadores teimaron en non vetar este perigoso produto, ao igual que fixeran hai xusto agora un ano, daquela votando en contra dunha proposta do BNG que, como nesta ocasión, tamén apoiara toda a oposición.

O PP cualifica de "irresponsable" a proposta de AGE apoiada por todos os grupos da oposición

Foi o deputado do PP Pedro Arias quen defendeu a negativa a unha proposta que cualificou de "irresponsable" e que, segundo dixo, suporía unha "lei mordaza". O parlamentario presumiu do canon mineiro aprobado pola Xunta e da "paralización" do polémico proxecto de Corcoesto para asegurar que non se pode prohibir unha técnica que é "legal" e que "pode ser útil en determinadas circunstancis e en doses axeitadas". Ademais, aludiu ao aval da Comisión Europea, que rexeitou non hai moito a proposta de resolución presentada polo Parlamento Europeo, que en maio pedía proscribir as "tecnoloxías mineiras a base de cianuro e eliminar calquera apoio directou ou indirecto a proxectos que supoñan o uso deste elemento".

A Cámara europea, tal e como lembrou o deputado de AGE Antón Sánchez, advertiu da "posibilidade de que ocorra un accidente en minaría con uso de cianuro" que "é só cuestión de tempo”. Segundo dixo, nos últimos 25 anos rexistráronse máis de 30 accidentes relacionados con esta técnica extractiva e “non existe ningunha garantía real de non se volva producir un accidente”. As reivindicacións ecoloxistas, informes de expertos de universidades, a Defensora del Pueblo e o Valedor do Pobo advertiran tamén dos riscos dunhah técnica que xa foi prohibida en Alemaña, República Checa ou Hungría. Pero o PP non ve motivos para o veto.

O Parlamento Europeo, movementos ecoloxistas e numerosos expertos optan polo veto ao cianuro na minería

"Nós imos defender a lei do bipartito (vixente na actualidade), os artigos que hai seis anos defendían o PSOE e o BNG, e que non obrigan a nada", insistiu Pedro Arias, quen marcou distancias co "ecoloxismo arcaico" e opúxose a apoiar "unha lei mordaza" para proxectos mineiros. "Non podemos pechar Galicia a un sector económico", sentenciou.

"Os arcaicos son vostedes", respondeulle Sánchez, quen advertiu ao PP de que "fai falta moita cara" para falar na Cámara de 'lei mordaza". "Os arcaicos son vostedes, que apostan polo modelo africano para este país", subliñou, para sinalar que a Comisión Europea "defende os intereses do lobby mineiro".

"Os arcaicos son vostedes, que apostan polo modelo africano para este país", di Antón Sánchez

Antón Sánchez insistiu en que as empresas mineiras optan pola extracción ao descuberto e con cianuro por dúas cuestións: porque lles sae "máis barato" e é "máis rápido", o que lles favorece debido á variabilidade do prezo do ouro nos mercados mundiais, un aspecto do que depende a súa "rendibilidade".

"O modelo de extracción de ouro por cianuro é un modelo de economía especulativa, moi destrutivo e que nin tan sequera crea moito emprego", sentenciou Sánchez, quen asegurou que non é este o modelo que quere AGE para "o futuro", xa que "enriquece" as mineiras con técnicas cunha substancia "moi perigosa" para o medio ambiente e a cidadanía. Para exemplificar os seus riscos, o deputado de Alternativa fixo referencia ao proxecto de Edgewater en Corcoesto, cuxo "pasivo ambiental" en forma de lixiviados permanecería na zona "cen anos", ou ao feito de que as empreas non se fagan cargo dos danos ecolóxicos, cuxos custos son asumidos pola sociedade, tal e como ocorreu na rotura das balsas mineiras do Monte Neme.

"Hai alternativas ao cianuro"

Pola súa banda, o parlamentario do PSdeG Abel Losada compartiu con AGE e co resto da oposición os riscos do cianuro, ao tempo que xustificou o apoio do seu grupo á proposta ao interpretar que "mellora" a norma que actualmente está vixente. Así, argumentou que o cianuro supón "un perigo" para o medio ambiente e os seres vivos polo que "non compensa" nunha análise de "custo-beneficio", e mostrouse convencido de que as explotacións deben basearse no concepto de que "quen contamina, paga".

O BNG lembra os accidentes e o "impacto na auga, o aire e o solo" que ten o cianuro

Losada manifestou as súas dúbidas sobre a "paralización" do proxecto do Corcoesto, ao igual que a parlamentaria do BNG, Ana Pontón, e do grupo mixto, Chelo Martínez, convencidas de que a falta de apoio do PPdeG a esta proposta evidencia que traballa en defensa "doutros intereses" que non son os de Galicia e o seu medio ambiente.

Tanto Pontón como Martínez destacaron, ademais, que existen "alternativas" para a extracción de ouro, pero que non se implantan, segundo a deputada do Bloque, porque "restrinxen" os beneficios das empresas. Ademais, ambas as dúas constataron, igual que Sánchez, o risco de accidentes, e Pontón relatou algúns rexistrados nos últimos anos en Nevada, Ghana ou Nicaragua, entre outros. "O cianuro ten impacto na auga, o aire e o solo. É un veleno para todos os seres vivos", rematou Martínez, para concluír que o seu uso só responde o enriquecemento" das mineiras.

O cianuro mata CC-BY-SA gzvideos.info
Antón Sánchez, voceiro de AGE CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.