Galicia sufriu cinco desafiuzamentos diarios durante o verán

Concentración de Stop Desafiuzamentos en Compostela CC-BY StopDesafiuzamentosCompostela

O terceiro trimestre do ano, o do verán, adoita ser no que se practican menos lanzamentos, menos desafiuzamentos, por mor da ralentización que as vacacións estivais provocan nos órganos xudiciais. Esta circunstancia non impide, no entanto, que durante o pasado verán se producisen case cinco desaloxos ao día no país e que o seu número total, 439 fose lixeiramente maior ao do terceiro trimestre do ano 2013, cando foron seis menos nun contexto no que os lanzamentos en propiedades alugadas -os máis numerosos- descenden mentres incrementan os desafiuzamentos derivados da imposibilidade de facerlles fronte ás hipotecas.

Segundo os datos facilitados este venres polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) entre xullo e setembro de 2014 contabilizáronse en territorio galego 439 lanzamentos, un 1,4% máis que no mesmo período de 2013, ano dende o que se dispoñen de datos homoxéneos sobre esta problemática. O número de verán é, con todo, inferior ao do segundo trimestre. Daquela rexistráronse 722 lanzamentos, cun incremento interanual do 8,9%. No primeiro trimestre o cómputo foi de 614, o que implicaba unha caída do 4,5% a respecto do mesmo trimestre do ano anterior.

Como vén sendo habitual a maioría destes lanzamentos son "derivados da lei de arrendamentos urbanos", isto é, de alugueiros. Neste caso foron 268, case 30 menos que no verán de 2013. Así as cousas, parte do incremento da cifra global vén pola suba dos desafiuzamentos hipotecarios. Estes, indica o CGPJ, foron 135, un 11,6% máis que un ano antes. O terceiro grupo de lanzamentos, os que derivan doutros procedementos como laudos arbitrais ou conflitos familiares, subiu máis aínda: os 36 deste verán foron un 140% máis que os do pasado.

Descenden os desaloxos en propiedades alugadas pero aumentan os hipotecarios; dende 2013 contabilizáronse 4.200

Todas estas cifras compoñen un retrato no que, desta volta, Galicia sae mellor parada que o resto do Estado. O incremento global estatal dos lanzamentos neste período foi do 7,3% interanual, case seis puntos máis que en territorio galego. Mentres, no segundo trimestre os desafiuzamentos incrementaron no Estado un 3,7% e en Galicia, un 8,9%. Nos primeiros tres meses do ano, pola súa banda, os lanzamentos descenderan en España un 5% con relación ao ano anterior mentres que en Galicia a baixada foi un chisco inferior, do 4,5%. 

Feijóo retrucou á demanda de "vivenda digna" lanzada por Cáritas que hai prazas libres "nos albergues" para persoas sen teito

Así as cousas, dende comezos de 2013 o número total de desafiuzamentos chega en Galicia aos 4.228, case sete ao día. Isto sucede nun contexto no que colectivos como Stop Desafiuzamentos reducen á categoría de "mentira" medidas como o plan presentado pola Xunta para evitar os desaloxos e cando, asemade, Cáritas alerta da necesidade de accións políticas inmediatas para garantir dereito á "vivenda digna". Ante a chamada de atención procedente da ONG católica o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, retrucou que aínda existen prazas libres "nos albergues" para as persoas sen teito.

Manifestación contra os desafiuzamentos en Ferrol © Susete Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.