0 Gardados para despois

A Xunta cre que o paro ou os cartos non inflúen na decisión de ter fillos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Inflúe a situación económica en xeral e o feito de ter ou non un emprego en particular á hora de decidir ter ou non fillos? Segundo a Xunta, non ou, cando menos, non directamente. A conselleira de Benestar, Beatriz Mato, entregou este venres no Parlamento o Plan para a Dinamización Demográfica de Galicia, un documento que se incorporará aos traballos da comisión na que deputados de todos os grupos políticos traballan á procura de solucións para a perda e envellecemento da poboación. O plan que agora se discutirá na Cámara inclúe ata "cincuenta medidas" de diverso tipo nas que, non obstante, non se inclúen as axudas económicas directas ás familias. Segundo Mato, isto non acontece pola falta de recursos nas arcas públicas, senón porque, na súa opinión, "a decisión da natalidade non está vinculada á situación económica ou ao desemprego de forma directa", é dicir, a cidadanía decide ter ou non descendencia independentemente dos seus ingresos.

Beatriz Mato: "A decisión da natalidade non está vinculada á situación económica ou ao desemprego de forma directa"

A particular sentenza da conselleira chega tras tres anos nos que boa parte das medidas do Goberno galego para fomentar a natalidade soaron con acento netamente conservador xa que estiveron asentadas en boa medida na lei promovida polo Foro Español de la Familia e na Lei de Familia. Entre outros preceptos estas normas inclúen, tal e como ten informado Praza, a posibilidade de financiar campañas antiabortistas con fondos públicos, unhas accións publicitarias que teñen cabida tamén no novo plan. Non en van, a conselleira explica que o plan inclúe "campañas de fomento do crecemento demográfico" ou unha "guía informativa de recursos de apoio á maternidade", recursos que, atendendo ás normas vixentes, inclúen o asesoramento da chamada Red Madre, organismo que por lei recibe apoio loxístico e económico da Xunta.

Segundo Mato estas campañas levaranse adiante porque a poboación "non é consciente" demográfico que sofre o país. Esta afirmación aséntaa a conselleira nos datos dunha enquisa realizada como paso previo á elaboración do plan coa intención de "obter unha radiografía do problema". A través de 1.200 entrevistas a persoas de entre 15 e 65 a consellería tirou datos como que só o 18% dos galegos e galegas considera a demografía o principal problema de Galicia e concluíu que "o factor máis importante á hora de retraer a decisión da maternidade/paternidade é non ter estabilidade de parella", cuestión que, aseguran, "supera a outros criterios como non contar con servizos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral. "Preguntados sobre os factores que impulsan á decisión de ter fillos, case o 60% falou dun obxectivo persoal como principal factor, seguido pola estabilidade económica", di o Goberno.

Incentivos fiscais "en función do número de fillos", "redución de xornadas para compatibilizar a vida laboral coa familiar" ou "axilizar os trámites de adopción nacional e internacional" son algunhas das medidas dun plan que convivirá con outras accións máis polémicas, tales como considerar as persoas "non nacidas" como "membros da unidade familiar" en actos administrativos como a solicitude de axudas para a vivenda. Todo isto, di Beatriz Mato, é unha "folla de ruta" para "inverter a dolorosa tendencia demográfica" que indica que nos vindeiros 10 anos Galicia perderá 147.000 habitantes e, en 40 anos, 1,7 millóns, isto é, o 37% da poboación.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.