Rajoy baleira de contido a lei de fundacións que prepara Feijóo para as caixas

Maqueta do Teatro Fraga, instalación da Fundación Caixa Galicia © Fundación Caixa Galicia

Novacaixagalicia é, polo de agora, unha caixa de aforros accionista dun banco, Novagalicia Banco. A aspiración da entidade que copresiden Julio Gayoso e Mauro Varela é a de ter un 10% das accións do banco encargado de xestionar o seu negocio financeiro. Desde que se consumou a nacionalización da entidade e a valoración desta por parte do Banco de España, Novacaixagalicia xa asumiu que o seu destino era o de cambiar a súa fórmula xurídica. O decreto de reforzamento financeiro (2011), que precipitou a súa bancarización, estableceu que a caixa única non podía seguir sendo unha caixa de aforros se non superaba en accións do banco aos investidores privados. Xa que logo, o novo marco legal que vén de aprobar o Goberno de Mariano Rajoy non impón novidades a este respecto en tanto prohibe que unha caixa que non teña máis do 25% das accións do banco debe deixar de ser unha caixa.

O decreto de reforzamento financeiro (2011) estableceu que a caixa única non podía seguir sendo unha caixa de aforros se non superaba en accións do banco aos investidores privados

Pero si que modifica substancialmente a finalidade, xestión e supervisión que terá Novacaixagalicia cando desapareza do mapa de caixas de aforros e pase a formar parte dun rexistro de nova creación: o de fundacións de carácter especial do Ministerio de Economía e Competitividade. A letra pequena do decreto de saneamento do sector de crédito tropeza frontalmente coas aspiracións que tiña a Xunta respecto das accións a desenvolver por Novacaixagalicia.

Cambios legais

A única razón pola cal Novacaixagalicia puido transferir o seu negocio financeiro a un banco (con accionistas e ánimo de lucro) foi polo decreto de reforzamento financeiro aprobado polo Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero. Nunha manobra legal semellante á que se fixo en Italia a mediados dos anos 90, e que supuxo a bancarización das caixas italianas, o Goberno español fixo posible que Novacaixagalicia segregase a súa actividade en dúas partes: a financeira (para NGB) e a benéfico-social (Novacaixagalicia). A caixa, convertida a fundación, pasaría a depender da Xunta de Galicia, xa non do Banco de España.

O ministro de Economía, Luis de Guindos, quere que as fundacións como Novacaixagalicia (cando se transforme) dependan directamente de Madrid, non dos Gobernos autonómicos

E con isto contaba o Goberno de Núñez Feijóo ata fai escasos días. Como xa recolleu Praza, e en resposta a unha pregunta escrita formulada polo BNG no Parlamento de Galicia, a Xunta indicou o seguinte: "O Goberno galego traballará para promover a continuidade da obra social de NCG [...] e presentar antes do inicio do próximo período de sesións un proxecto de lei regulador de fundacións de carácter especial". O período de sesións empeza a semana que vén, mais o Goberno central xa modificou a lei para que esta aspiración do Goberno galego quede sen fundamento.

E é que o ministro de Economía, Luis de Guindos, quere que as fundacións como Novacaixagalicia (cando se transforme) dependan directamente de Madrid, non dos Gobernos autonómicos. "Corresponde ao Estado a supervisión e control das fundacións de carácter especial ás que se refire o presente real decreto-lei, cuxo ámbito de actuación principal exceda o dunha comunidade autónoma, a través do Protectorado que será exercido polo Ministerio de Economía e Competitividade. Nos supostos de segregación considerarase ámbito de actuación da fundación de carácter especial o da entidade bancaria resultante da segregación", reza textualmente o segundo decreto lei da lexislatura de Mariano Rajoy.

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.