Povisa mantén os recortes laborais a pesar de obter beneficios millonarios

Rolda de prensa do comité de empresa de Povisa, este martes © CIG

Povisa é unha curiosa anomalía no sistema sanitario público de Galicia. Grazas a un convenio co Sergas, este policlínico privado é o centro sanitario de referencia para uns 140.000 pacientes potenciais da sanidade pública na área de Vigo. Este convenio supón a entrega cada ano de 75 millóns de euros do orzamentos da Xunta, ao redor de 535 euros por cada unha das tarxetas sanitarias das que o centro se fai cargo. Entre 2011 e 2014 o orzamento do Sergas viuse reducido en 270 millóns de euros (un 16% menos), co agravante de que os cartos restantes cada vez se empregan nunha proporción maior para pagar externalizacións e servizos privatizados (absorben ao redor da metade do orzamento, uns 1.900 millóns de euros).

Povisa tivo ao redor de 11 millóns de euros de beneficios no último ano, grazas en boa medida ao concerto que mantén coa Xunta

Povisa tivo ao redor de 11 millóns de euros de beneficios no último ano, grazas en boa medida ao concerto que mantén coa Xunta, que ademais aínda lle debe pagar 19 millóns polo incremento da actividade entre os anos 2005 e 2008. Porén, como denuncia o comité de empresa do hospital, o centro pretende realizar o vindeiro ano "duros axustes laborais ao cadro de persoal". A representación dos e das traballadoras anuncia que lles remitirán escritos ao presidente da Xunta, á conselleira de Sanidade e ao xerente do Sergas para que investiguen o destinos dos fondos públicos que recibe o centro médico.

O comité explicou este martes en rolda de prensa que hai dez días foi convocado pola empresa para facilitarlle a información económica que levaba tempo reclamando e que o centro se viu obrigado a entregar a requerimento da Inspección de Traballo. A dirección de Povisa anuncioulles unha serie de medidas que vai adoptar, como a amortización de postos de traballo “baleiros de contido”, a modificación de quendas, horarios e funcións, a externalización de servizos e a negociación dun novo convenio. Denuncian que dos 1.390 traballadores e traballadoras que compoñen o cadro de persoal, ao redor de 500 teñen reducida a súa xornada laboral e lembran que o concerto do Sergas está vinculado ao mantemento do emprego.

Nos últimos anos foron frecuentes os conflitos laborais abertos en Povisa, o máis recente este mesmo mes de setembro, polo despedimento de 14 traballadores. O pasado verán as e os traballadores levaron a cabo unha folga para protestar pola aplicación do convenio laboral provincial e a rebaixa dos seus salarios nun 40%. Finalmente, a Xustiza deulle a razón ao cadro de persoal, que mantivos o seu convenio e desconvocou as mobilizacións.

 

Povisa, unha necesidade xerada

A área sanitaria de Vigo está moi necesitada de camas e de centros, á espera da construción do novo hospital, na que o sector privado estará presente de xeito moi relevante. Calcúlase que Vigo necesita, cando menos, 1.450 camas máis, unha situación que serve para xustificar o concerto existente co privado Povisa (que achega 400 camas) ou a derivación de pacientes a outras áreas sanitarias, coma a de Santiago. O polémico novo hospital de Vigo, un proxecto de financiamento público-privado, achegará unicamente 900.

A distorsión xerada por Povisa era tal que a Xunta adoitaba proporcionar dúas medias globais de espera, unha con Povisa (83,4 días en 2013) e outra sen Povisa (69,3 días)

Todo isto levou nos últimos anos a que a área de Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, fose a que rexistrase listas de espera máis elevadas, en boa medida por mor do efecto Povisa. A lista de espera media no CHUVI situábase en 2012 nos 88,4 días (só por detrás do Hospital da Costa e do CHUAC coruñés) e en Povisa nos 212,4 días. En 2013 o CHUVI seguía sendo o segundo centro público con máis espera, con 87,1 días (só por detrás do CHUAC), situándose Povisa nos 176,1.

De feito, a distorsión xerada por Povisa era tal que a Xunta adoitaba proporcionar dúas medias globais de espera, unha con Povisa (83,4 días en 2013) e outra sen Povisa (69,3 días). Isto foi así até este ano 2014; as dúas últimas ocasións que o Goberno galego ofreceu información sobre as listas de espera xa non ofreceu esa media global que inclúe o centro privado vigués. Así, o pasado mes de outubro, os datos do terceiro trimestre ofrecían unha media de espera do conxunto dos hospitais galegos (sen Povisa) de 81,5 días, e unha espera media en Povisa de 199,9 días.

Povisa é tamén un dos principais motivos de queixa dos galegos e galegas nas súas reclamacións ao Valedor do Pobo

Povisa é tamén un dos principais motivos de queixa dos galegos e galegas nas súas reclamacións ao Valedor do Pobo. Ao redor do 70% das queixas teñen que ver coa atención sanitaria, e dentro delas as xeradas por este centro hospitalario privado co que a Xunta mantén un concerto son maioritarias, sobre todo as motivadas pola súa asistencia, pola súa política de persoal e polas súas elevadísimas listas de espera.

Rolda de prensa do comité de empresa de Povisa, este martes © CIG
Protestas ante o centro médico de Povisa CC-BY-SA CIG
Vista das instalacións de Povisa © UVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.