A Xunta gábase da economía mentres medran as dificultades para chegar a fin de mes

Prezos e produtos nun establecemento de alimentación © Xunta

"O indicador de confianza dos fogares galegos mellorou case 13 puntos durante o último ano". "É o mellor dato nun cuarto trimestre dende que o IGE realiza esta estatística". "As perspectivas sobre a situación financeira persoal tamén evolucionan favorablemente". "As familias galegas prevén unha mellor evolución do desemprego e da situación económica de Galicia". Son algúns dos titulares difundidos no comunicado oficial da Xunta sobre os resultados da enquisa conxuntural aos fogares, que o Instituto Galego de Estatística fixo públicos este venres. Estas aseveracións, que responden á realidade e que o Goberno galego aproveita para encaixar na espiral de optimismo coa que pechou 2014, prodúcense nun contexto no que, non obstante, nas familias galegas aumentan tamén as dificultades para chegar a fin de mes.

Segundo o IGE case o 60% das familias do país, nomeadamente o 58,9%, din chegar a fin de mes "con dificultade" ou  "con moita dificultade", sete décimas porcentuais máis que no anterior trimestre, cando este indicador estaba no 58,18%. Se ben é certo que se reducen os fogares con "moitas" dificultades para facerlles fronte aos gastos non o é menos que se incrementan en máis de catro puntos as que aseguran estirar os cartos "con dificultade". Mentres, as familias nas que a chegada ao remate do mes se produce "con facilidade ou moita facilidade" pasan do 41,82% ao 41,10%.

Case seis de cada dez familias galegas manifestan problemas para chegar a fin de mes, máis que cando o Goberno admitía estar a transitar polo peor da crise

En termos interanuais a situación tampouco revela unha mellora especialmente significativa. A suma de fogares con dificultades e con moitas dificultades para chegar a fin de mes redúcese algo menos dun punto, pero non porque aumenten significativamente as familias sen problemas económicos. Así, os fogares con "moitas dificultades" baixan algo máis de 6,4 puntos e aqueles que manifestan ter "dificutades" aumentan case 5,7. Mentres, os fogares cunha istuación económica máis desafogada increméntanse en 0,75 puntos.

Así as cousas, e aínda sen chegar aos niveis máis altos, rexistrados a finais de 2011, a percepción dos problemas para chegar a fin de mes nos fogares do país é semellante á que existía, por exemplo, a comezos de 2010 e superior á de boa parte dos anos 2011 e 2012, cando Xunta e Goberno central si admitían, con máis ou menos matices, que Galicia e o Estado estaban a transitar polo treito máis duro da crise.

No que atinxe ao devandito índice de confianza das persoas consumidoras, ao que a Xunta se aferra, o certo é que mellora en termos interanuais pero algúns seus compoñentes, que miden o optimismo ou pesimismo da poboación en diversos aspectos da economía, se deterioraron no cuarto trimestre do ano. Así, por exemplo, avanzan as perspectivas da poboación a respecto da súa situación económica persoal e mais da situación económica xeral de Galicia, pero empeora a percepción a respecto de dispoñer de capacidade de aforro no futuro ou sobre a evolución do desemprego.

Só a poboación que ingresa máis de 3.000 euros ao mes se manifesta optimista coa situación económica

Así e todo, este índice sitúase en valores negativos, isto é, no ámbito do pesimismo económico, en todos os grupos de poboación agás no de ingresos máis elevados. Así, sempre segundo as cifras do IGE, a confianza das persoas que ingresan menos de 600 euros ao mes é de -32, de quen ingresan entre 600 e 1.000 euros, de -25 e entre 1.000 e 2.000 euros vai de -17 a -12. Tamén hai pesimismo, do -2,44, entre os habitantes de Galicia que cobran entre 2.000 e 3.000 euros ao mes e o optimismo só reina na capa de poboación con ingresos mensuais superiores aos 3.000, na que se sitúa por riba do 10.

Prezos e produtos nun establecemento de alimentación © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.