0 Gardados para despois

O naval clama na rúa contra os "incumprimientos" e o desleixo da administración

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


Os datos da Confederación Intersindical Galega (CIG), que cifran en máis do 90% as auxiliares do naval en concurso ou preconcurso de acredores, dan boa mostra da situación pola que atravesa un dos principais sectores produtivos de Galicia. O contador de novos contratos está practicamente sen estrear este ano, a excepción de estaleiros como Armón. Empresa, por certo, que opta por non facer públicos os novos pedidos. "Logrou pactar a construción de máis de dez barcos novos", apuntan fontes do sector de Vigo. "Ten unha política empresarial moi definida, de ir negociar fóra e non esperar a que chamen á porta", engaden. Visión subxectiva pero correcta, tendo en conta a testemuña de varios traballadores de auxiliares contactados por Praza, que indican ter carga de traballo "para varios meses". O caso de Armón, con todo, é excepcional. Á dramática situación de Vulcano, Hijos de J. Barreras ou Factoría Naval de Marín súmaselle agora a de Navantia Ferrol-Fene. "Para despois do verán non temos nada", lamenta Ignacio Naveiras, de UGT. É a primeira vez en décadas que a antigua Astano afronta unha situación como esta. Os delegados sindicais en Ferrol e Fene inician hoxe un particular camiño de reivindicación. Chegarán o xoves á cidade da Coruña coa intención de reunirse co delegado do Goberno, Samuel Juárez.

De norte a sur, a situación do naval en Galicia é un camiño empedrado. Os estaleiros privados, situados na súa maioría na cidade de Vigo, levan meses contando horas sen carga de traballo. A suspensión do sistema de bonificación fiscal, coñecido como tax lease, só engadiu máis preocupacións. En xuño de 2011 o comisario europeo de Competencia, o socialista Joaquín Almunia, comunicou que este sistema quedaba suspendido á espera dunha investigación formal por parte de Bruxelas. Empresarios e Goberno autonómico consideraron, desde ese momento, que a supresión do tax lease poñía en serio perigo a supervivencia da industria naval galega. Non obstante, e antes de que a Unión Europea decidise investigar esta modalidade fiscal, a carteira de novos pedidos era nula.

Evolución contractual

Así o repiten con insistencia empresarios da industria auxiliar, que optaron por non aparecer mencionados nesta nova. Segundo a súa opinión, "non se pode afirmar que a supresión do tax lease sexa a culpable de todos os males. O sector estaba en crise moito antes", aseveraron a preguntas de Praza. "A xestión de moitos estaleiros foi nefasta malia ter recibido moitas subvencións públicas". E os datos confirman ese extremo.

 

Segundo os datos de Gerencia del Sector Naval (Gernaval), recompilados por este diario, a carteira de novos contratos de Vulcano, Factoría Naval de Marín, Hijos de J. Barreras ou M. Cíes (en liquidación) era a mesma en xaneiro de 2010 que a día de hoxe: cero buques. "Foise sobrevivindo co que xa estaba en carteira sen preocuparse pola falta de planificación", engaden as mesmas fontes da auxiliar.

Estaleiros e auxiliares

O colapso contractual provocou un auténtico cisma entre os estaleiros e as auxiliares. "Por que Caixanova deixou de ser acredora dun dos grandes estaleiros galegos, que si debe millóns de euros ás pequenas subcontratas?", pregúntase un empresario dunha empresa de mecánica naval. Fontes expertas consultadas destacan que as reconversións do sector forzaron á desaparición de estaleiros con cadros de persoal numerosos, que pasaron a traballar en auxiliares e mesmo a crealas de cero. "Eran traballadores expertos que comezaron a traballar subcontratados". De aí que en concursos como o de Barreras saia á luz un cadro duns 300 traballadores, lonxe dos máis de 2.500 que traballan directamente para este estaleiro.

Os empresarios das auxiliares reclaman que os xestores dos grandes estaleiros sexan apartados da administración destas empresas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Unha historia de "incumprimentos"

Con pesar mais sen resignación, a voz de Ignacio Naveiras (UGT en Navantia Ferrol) é ilustrativa. "A nosa é unha historia de incumprimentos", condena. Xunto co resto de delegados sindicais de Navantia, inicia hoxe unha marcha cara a cidade herculina coa intención de facer aínda máis visible unha condena social que nunca deixou de reclamar a supervivencia do estaleiro. A actividade de Navantia ten data de caducidade. Están pendentes de entregar tres barcos: unha fragata e dous LHD. "Todos se entregan no verán", indica Naveiras. Vése de reollo a un único barco máis que está na grada ferrolán. "Serve para dar un pouco de ocupación". Pero "o de aceiros non teñen nada", lamenta.

Preguntado polo tax lease, Naveiras asegura que non afecta de maneira significativa ao estaleiro ferrolán e de Fene. "Tócanos menos, o problema dos compañeiros de Vigo é moi particular", dí. O responsable sindical arremete, non obstante, contra o mesmo destinatario: a administración. "Nós temos falta de apoio insitucional". Pon como exemplo unha das últimas negociacións de contratos. "Competíamos con Francia, pero nese país a negociación a levou directamente Nicolás Sarkozy. Aquí deixouse de lado e os negociadores non foron do primeiro nivel". Malia que o produto galego era "o mellor", o contrato foi para os galos.

Desde Navantia reclaman a construción dun dique flotante. "Iso nos permitiría reparar buques de maior porte e ter carga de traballo para 800 persoas durante dous anos, polo menos".

A caída no investimento público

O gasto en investigación e desenvolvemento en Galicia só superou o 1% do PIB nominal durante dous anos: 2008 e 2009. A partir de aí os recortes (públicos e privados) minguaron a aposta polo I+D. O naval é un dos sectores que máis investimento precisa "para non perder en innovación respecto da competencia" europea e asiática, destacan desde o sector das auxiliares. As empresas asiáticas, entre as cales están xigantes como Daewoo ou Mitshubishi, utilizan man de obra barata en firmas subsidiarias do leste asiático.

 

No conxunto do Estado o gasto en I+D tamén padeceu un moderado retroceso en 2010, o que evidencia que o investimento nesta partida considérase máis un gasto corrente que unha aposta de futuro.