0 Gardados para despois

"A Xunta non ten plan para a industria, e a súa capacidade para reactivala é escasa"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Os últimos datos do Índice de Produción Industrial (IPI) en Galicia volven ser devastadores. Cae un 11,7% en termos interanuais, dous puntos máis que a media estatal, e acumula xa unha taxa negativa de 9,9 puntos no que vai de ano. Os números cantan e o país vive unha situación crítica. Xan López Facal, enxeñeiro industrial e prestixioso economista, coñece como poucos a industria galega. Nesta entrevista analiza a súa complicada situación, tal e como fai máis exhaustivamente para diversos organismos.

Está nunha situación crítica a economía galega?

Neste momento, está claro que si. Indicadores como o Índice de Produción Industrial (IPI), a EPA ou a evolución do PIB así o indican porque miden o pulso da actividade económica, pero tamén é certo que só din parte da verdade. Serven para medir a conxuntura económica, pero partindo da hipótese de que a economía é un continuo de altos e baixos. A situación é máis grave, non só para Galicia, senón para toda Europa e España.

"Os indicadores económicos son realmente duros para a economía galega"

Reflicten os últimos datos a dureza da crise?

O IPI rexistra datos realmente duros, xa que o impacto da crise en Galicia sobre a actividade industrial é máis duro que no conxunto de España. Isto tradúcese en desemprego, EREs e caída da facturación. Teñamos en conta que o último IPI positivo en termos interanuais é de agosto de 2010, polo que a caída da actividade económica é constante desde hai case dous anos. É un dato moi preocupante. No entanto, o paro é o que pode percibirse como o máis duro polo que afecta á cidadanía e non se ven moitos signos de recuperación na economía que nos fagan pensar que a cousa vaia cambiar pronto, a non ser que se relaxe a dura política imposta por Alemaña e que é claramente de dereitas.

Que se fixo mal na política industrial de Galicia?

Estamos asistindo a un cambio estrutural de enorme dimensión en Galicia. Hai moitas cuestións que actuaron en contra do país nos últimos anos. Un dos peores negocios que fixo a comunidade foi que non se aprobase o plan eólico aprobado polo bipartito, máis aínda cando logo de ser recorrido polo PP demostrouse que era plenamente legal. Perdéronse dous anos definitivos, sobre todo cando logo se suprimiron as primas ás renovables. Perdeuse a oportunidade de levar un plan de investimento masivo e dar lugar así a unha actividade importante, non só nas compañías eléctricas, senón tamén en toda a industria auxiliar. Foi unha enorme eiva e ademais gratuíta porque a Xunta buscou un problema onde non o había.

"Un dos peores negocios que fixo a Xunta foi suspender o plan eólico do bipartito; perdemos unha grande oportunidade"

E no resto das industrias, hai esperanza?

Todos os sectores relacionados coa construción, como o da rocha, o granito ou a lousa, están nunha crise profunda por falta de demanda. Tratan de loitar contra o problema coas exportacións, pero iso non cobre a facturación mínima do sector, o que se traduce tamén en EREs e peche de empresas. Algo semellante pasa noo naval, sobre todo tras a cancelación do tax-lease. Toda a ría de Ferrol e a de Vigo atópanse nunha crise moi fonda e complicada á que se unen crises de tipo empresarial nalgunhas compañías e a conseguinte inmobilización do metal e de todas as empresas auxiliares. 

Resiste algunha industria en Galicia?

Resiste malamente o sector do automóbil, á baixa, pero Citroën segue sendo Citroën. Hai algúns signos positivos noutros ámbitos, pero os sectores de transformación da madeira tamén están en serias dificultades, como Finsa, que se atopa nun proceso de reestruturación. Na alimentación tampouco a cousa vai demasiado ben, ao igual que o téxtil, que tamén está en malas condicións, agás Inditex, que é un caso especial por ter mercados moi diversificados que lle permiten capear o temporal.

Resumindo?

Pois resumindo, a crise do sector naval, máis a imposibilidade do sector enerxético, máis a caída de toda a industria ligada á construción dan lugar a un panorama moi difícil de superar.

Pódese dar algunha mensaxe positiva?

Unha mensaxe positiva pode ser a posible entrada do naval nese concurso da mexicana Pemex, pero está por ver como acaba todo porque será un concurso aberto no que México tamén esixiría unha contraprestación. Repito que a situación é crítica.

Está de acordo, como din moitos expertos, en que a Xunta non ten plan industrial para Galicia?

Sería inxusto cargar as tintas todas na dirección política. Sería simplista e demagóxico, pero é certo que a Xunta nunca recoñeceu a gravidade da situación. Non hai proposta ningunha para afrontar a crise económica e industrial nin para debater claramente entre todos os partidos e atopar así solucións paliativas. É certo que non hai plan, pero a capacidade do Goberno galego para actuar sobre as grandes variables da industria galega é mínima. O necesario supera con moito a súa capacidade financeira para actuar; teñamos en conta que o orzamento da Consellería de Industria é mínimo e debe distribuírse entre aquelas empresas en problemas que esixen actuacións urxentísimas, polo que quedan poucos cartos, ánimos e programa para preparar saídas de futuro. É certo que non hai plan, pero a capacidade da Xunta e dos gobernos autonómicos é relativamente pequena.

"É certo que a Xunta non ten proposta ningunha para refrotar a industria, pero sería inxusto cargar as tintas na dirección política"

Houbo un erro de planificación histórico?

A Xunta nunca foi excesivamente sensible á actividade industrial. Antes e agora tirouse sempre por obras públicas e gastos indignos de todos sabidos, pero non se impulsaron programas de fomento da exportación, de reforzamento da capacidade financeira das empresas... Foise deixando e agora non somos capaces de afrontar os problemas. Pasoulle á maioría das autonomías, pero hai excepcións como Euskadi ou Navarra, con industrias modernas e exportadoras. Galicia, pola contra, depende de moi poucos centros de produción: enerxéticas, Inditex, Citroën e pouco maís. O resto é moi fráxil e a Xunta nunca tivo como prioridade encarar a industrialización do país a longo prazo. 

E que se debe facer agora?

Quen pense que o problema industrial ou económico de Galicia se resolve con subvencións ou achegas públicas é que non entende o problema. Nin a Xunta nin o Goberno poden facer fronte ao problema da construción naval, por exemplo. Viría moi ben algún encargo da Armada, pero o Exército non ten capacidade para facelo. Non hai fondos, non hai cartos nin para mobilizar o único portaavións que teñen.

Pero cal sería a solución, ao seu parecer?

Hai alternativas e as solucións, sen esquecer que fai falta reorientar as actuacións das administracións para a actividade económica produtiva, basearíase en dúas cousas: a exportación e a competitividade, que son claves. Na internacionalización cónstame que a Xunta ten algo feito a través dos programas do Igape e das cámaras de comercio. A economía española deu un gran pulo ao comercio exterior e as empresas están gañando estabilidade a través das exportacións. Isto debe ser o que salve as compañías. Ademais, temos que ser máis innovadores e competitivos, é dicir, colocar produtos no mercado de mellor calidade e a un menor prezo. Se se seguen comprando Audis, Mercedes e BMW non é por ser baratos, senón por ser os mellores. Temos que gañar prestixio en produtos industriais de alta calidade e cun prezo limitado. Esa é a competitividade e ese é o noso problema.

"Alemaña debería facer xusto o contrario que España: aumentar os salarios para que o sur gañe en competitividade"

Pero o contexto é o que é...

Efectivamente, hai que ter en conta a variable europea, porque España está sumida nun axuste ou devaluación interna moi importante. Non consiste máis que en deprimir os nosos salarios e baixar os nosos prezos para gañar competitividade no exterior. Alemaña debería facer xusto o contrario: aumentar os salarios para que o sur gañe competitividade. Debería deixar a política de axuste duro e comezar con políticas expansivas. Se Alemaña tira da demanda vía exportacións, axudaría moito a España, pero a situación é un complexo de cousas.

"O PP acusou a Zapatero, pero nin el nin a Virxe de Fátima podían co problema, que o superou"

Demasiado complexo?

Claro. O que non se pode ser é simplista. O PIB, que é unha magnitude que suma todo o que produce Galicia, non pode movelo unha palanca tan fráxil como un Orzamento galego que destina a maioría do seu gasto a Sanidade e Educación. O problema é a correlación de forzas en Europa, a política alemá, a competitividade, o custo da débeda... Dá para discutir horas, pero hai que ser sensato. A miña posición propia é que neste contexto económico galego a Xunta ten a súa parte de responsabilidade, pero unha parte moi importante tena o contexto internacional. O PP tampouco o quixo recoñecer antes, cando acusaba a Zapatero de gastar. Estivese Zapatero ou a Virxe de Fátima, o problema superábao moito. Os políticos adoitan facernos crer que son Merlín pero non teñen variña máxina ningunha.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.