O sector público deixará de ter "preferencia" na atención a persoas dependentes

Unha muller en situación de dependencia, en cadeira de rodas © ensociedad.es

Nas dúas xornadas electorais das pasadas eleccións presidenciais de Francia moitos usuarios de Twitter naquel país botaron man do humor e, co hastag #RadioLondres, difundían a información das sondaxes que lles chegaban dende fóra das súas fronteiras. Salvando as distancias o proceso de recortes e reformas emprendido polo Goberno de España ben podería encaixar nun fenómeno semellante, unha caste de #RadioBruxelas. Non en van, mentres dende Madrid o mutismo sobre posibles novos recortes é case absoluto, o programa de reformas remitido polo gabinete de Mariano Rajoy ás autoridades da Unión Europea permite bosquexar o que acontecerá en ámbitos tan sensibles como a atención ás persoas en situación de dependencia, no que a prestación de servizos directamente a través do sector público xa non será unha prioridade.

"Será potenciado o papel do sector privado" e revisaranse "as contías das axudas previstas no sistema de atención á dependencia"

Como noutros sectores o Goberno central tamén enmarca as súas modificacións na aplicación da Lei de Dependencia nun proceso de "racionalización e modernización", unha "reforma integral" na que será "potenciado o papel do sector privado na prestación de servizos". Fronte á concepción inicial da lei, que levaba consigo a extensión dunha rede pública de atención á dependencia, as novas directrices asan por "eliminar as trabas ou preferencias polo sistema público presentes" nesa norma e tamén "nos seus desenvolvementos polas normas autonómicas", isto é, as autonomías tampouco poderán primar o público fronte ao privado.

Coas portas abertas ás empresas privadas os plans descritos á UE tamén avanzan, entre descricións máis ou menos eufemísticas, que nos vindeiros meses -o plan cínguese ao ano 2012- poderían chegar novas doses de repagamento no sistema de atención á dependencia. Así, a idea é "avanzar na aplicación efectiva da contribución económica do usuario ao sistema". Como no caso do repagamento farmacéutico, tratarse que as autonomías non escapen ás ordes; realizarse un "desenvolvemeno coordinado da normativa" nas "distintas comunidades autónomas". Isto acontecerá mentres se confirma o atraso na atención ás persoas que sofren unha dependencia máis moderada, as consideradas de "grao I". No caso destes dependentes a "incorporación ao sistema" será "demorada ata o exercicio 2014". No caso de Galicia isto supón que unhas 2.000 persoas terán que agardar ata esa data, inchando máis as xa avultadas listas de agarda.

Segundo os documentos enviados a Bruxelas o obxectivo destas mudanzas é "mellorar a sostibilidade do sistema ante o progresivo envellecemento da poboación e conseguir unha mellor atención e utilización de dito sistema". Para isto, advirten, "revisarase" o "calendario e nivel de aplicación" das prestación saos dependentes "para acompasalo ás capacidades financeiras da Administración Xeral do Estado e das comunidades autónomas". Do mesmo xeito revisaranse "o sistema de altas na seguridade social dos coidadores non profesionais", isto é, as axudas para os familiares que se dedican a tempo completo a atender as persoas dependentes e as "contías das axudas por prestacións económicas previstas no sistema de atención á dependencia", quedando polo tanto aberta a porta a reducir as prestacións económicas para financiar a asistencia.

Os recortes nos coidados sociosanitarios aumentan o risco de sufrir estrés e depresión © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.