A creación de empresas en Galicia cae o dobre que no Estado

Dominio Público Praza Pública

E seguen os pésimos datos para Galicia, que se está afacendo a superar con moito a media estatal en todos os indicadores económicos negativos. Agora tócalle á creación de empresas. O número de novas sociedades mercantís caeu un 12,64% en marzo no país con respecto ao mesmo mes de 2011, o que supón un descenso que duplica a taxa española (6,3%). Así, na comunidade constituíronse 380 novas compañías no mes de marzo, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

No conxunto do Estado, o número de novas empresas creadas chegou ás 8.773, cunha caída de máis do 6% que racha con sete meses seguidos de ascensos en valores interanuais. En canto a Galicia, o capital subscrito para a creación das novas 380 sociedades baixou até os 11,63 millóns, o que supón un acentuado o descenso do 75,5%

O capital subscrito para a creación de empresas baixou un 75,5%

Por tipo de empresas, dúas das novas sociedades naceron baixo a fórmula de sociedade anónima (fronte ás oito que o fixeron no mesmo mes do ano pasado), cun capital subscrito de 127.000 euros (un 84,5% menos que en marzo de 2011). As outras 378 novas sociedades mercantís son sociedades limitadas (un 11,47% menos que un ano atrás), cun capital subscrito de 11,5 millóns (un 75,39% menos). Ademais, o instituto estatístico indica que o capital medio subscrito para a creación de empresas en Galicia situouse en marzo en 30.603 euros, unha cantidade un 72% inferior á do mesmo mes do ano pasado.

Máis disolucións

En canto ás empresas que ampliaron capital en marzo, foron 147, o que representa un 15,03% de descenso. O capital total foi de 73,24 millóns, un 14,73% menos que un ano antes. Do total de sociedades mercantís con ampliacións de capital, seis son sociedades anónimas e 141 sociedades limitadas. No terceiro mes do ano disolvéronse un total de 144 sociedades mercantís (un 28,57% máis que en marzo de 2011), das que 101 fixérono de maneira voluntaria, nove por fusión e 34 por outras causas.

Os datos do INE indican que catro sociedades desembolsaron dividendos pasivos en marzo en Galicia, fronte a unha única que o fixo no mesmo mes de 2011. O capital desembolsado alcanzou os 951.000 euros. Pola súa banda, outras 27 empresas reduciron capital (foron 31 un ano antes).

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.