Escotet, dono de Abanca, tivo contas no HSBC de Suíza

Escotet, durante a súa xuntanza co presidente da Xunta © Xunta

Juan Carlos Escotet tivo cartos no banco HSBC de Xenebra, segundo se reflicte na lista Falciani e tal e como adianta El Confidencial. O vicepresidente de Abanca e dono do grupo venezolano Banesco, que comprou ao Estado as antigas caixas galegas, tiña 4,5 millóns de dólares na entidade suíza a título persoal e outros 7 a nome da entidade latinoamericana. Así se tira dos documentos desvelados por unha investigación internacional coordinada polo Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ) e Le Monde, na que participa este diario español en exclusiva para o Estado. Estas cantidades son moi pequenas para a fortuna de Escotet, cifrada por Forbes en 3.200 millóns de dólares, e este tería asegurado xa que son coñecidas polo Goberno venezolano, que á súa vez tiña 12.000 millóns nesta entidade, tal e como xa é sabido.

Escotet tiña 4,5 millóns nunha conta persoal e outros 7 a nome de Banesco, cantidades moi pequenas tendo en conta a súa inmensa fortuna

Estas cantidades dividíanse nunha conta persoal aberta en 2005, onde alcanzou unha cantidade máxima de 4,57 millóns de dólares no período 2006-2007, e outra a nome de Banesco con outros 7,04 millóns. Esta última foi aberta en 2004 e Escotet era tamén apoderado dela. Finalmente, hai unha terceira conta a nome de Luis Javier Luján, antigo socio de Escotet en Banesco, con outros 1,8 millóns.

Juan Carlos Escotet non é residente fiscal en España, senón en Venezuela. Segundo un portavoz del a El Confidencial, "as contas en HSBC correspondentes a 2006-2007 están declaradas ao regulador venezolano e á autoridade fiscal de Venezuela". Do mesmo xeito, explica que a conta a nome de Banesco é unha conta de custodia de valores na cámara de compensación e liquidación Euroclear, basicamente para operar con bonos venezolanos e necesaria para a operativa mundial deste tipo de activos.

Xunta de accionistas de Abanca © Abanca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.