A sinistralidade laboral sobe en Galicia, onde morreron 59 persoas traballando en 2014

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Galicia rexistrou no ano 2014 un total de 23.214 accidentes de traballo en xornada laboral, o que supón un incremento do 3,79% (+848) con respecto aos que se detectaron en 2013, segundo datos que vén de facer públicos a Xunta de Galicia. Son máis de 63 accidentes ao día durante o pasado exercicio. 

Os accidentes laborais increméntanse case un 4% en Galicia con respecto a 2013

Deste total, 22.726 foron de carácter leve, 429 foron graves, e 59 foron mortais. Segundo aclara o Goberno galego, supón que o 97,9% do total dos accidentes foron leves, un 1,85% correspóndense con sinistros graves, e o 0,25% cos mortais. No caso dos falecementos, o maior número de sinistros correspondeuse cos accidentes de buques e afundimentos no sector pesqueiro.

Por provincias, produciuse unha redución dos accidentes de traballo na provincia de  Pontevedra (-3,45%), pero rexistrouse un incremento no resto das provincias: A Coruña (+7,61%), Lugo (+11,39%), e Ourense (+2,98%).

Ademais, e mentres os accidentes laborais descenderon na agricultura (-0,25%) e a industria (-0,16%) si aumentaron na pesca (+5,65%), na construción (+5,71%), e nos servizos (+5,88%).

Durante 2014, faleceron 59 persoas en accidente laboral en Galicia

Para medir a sinistralidade laboral tamén se emprega o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de persoas traballadoras coas continxencias profesionais cubertas (número de accidentes de traballo dividido pola poboación afiliada e multiplicado por 100.000). Neste caso, o índice de incidencia incrementouse en Galicia no 3,58% en comparación co ano anterior.

Respecto dos accidentes in itinere (os ocorridos durante os desprazamentos ao ir ou volver do traballo) no 2014 producíronse 2.755, 63 menos que no 2013 (2.818) o que supón unha redución dun 2,24%.
 

Enfermidades profesionais

Durante o ano 2014 foron comunicados 588 partes de enfermidades profesionais que causaron baixa. Por sexos, 256 foron homes e 332 mulleres. Isto supón un incremento con respecto ao ano anterior de 67 novas comunicacións. Os sectores da industria e dos servizos son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais con baixa. En concreto, na industria correspondéronse en maior medida co colectivo masculino, mentres que en servizos co feminino.

Por grupos de enfermidades con baixa, o maior número de casos foron provocados por axentes físicos (433), seguido do grupo das enfermidades producidas por axentes biolóxicos (56).

Sen baixa, comunicáronse un total de 536 enfermidades profesionais en Galicia.

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.