9 gráficos e mapas que amosan a realidade das pensións en Galicia

Concentración convocada polo Movemento Galego pola Defendsa das Pensións en febreiro © MODEPEN

Este sábado 17 os e as xubiladas volverán saír ás rúas, en demanda de pensións dignas, dándolles continuidade ás protestas do pasado 22 de febreiro, que conseguiron poñer o tema no centro do debate público. Están convocadas 17 concentracións en toda Galicia (Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Noia, Pontedeume, Ribadeo, Sarria. O Carballiño, O Grove, Vilagarcía, Sanxenxo, Cangas e Tui), que continúan un ronsel de mobilizacións tamén convocadas polos sindicatos. Critícase de forma inmediata a perda de poder adquisitivo das pensións, que están a subir só un 0,25%, moi por debaixo do incremento anual do IPC pero sobre todo ponse sobre a mesa o debate sobre as pensións do futuro e a súa contía, en risco polo baleirado do fondo de reserva, o alongamento do número de anos de cotización esixidos e a propia precariedade laboral. De feito, Victoria Portas -voceira do Movemento Galego en Defensa das Pensións- alertaba en entrevista con Praza que "a xeración máis prexudicada pola crise das pensións é a que hoxe ten entre 50 e 60 anos".

O futuro das pensións preocupa porque xa na actualidade a súa contía é moi limitada, con achegas mensuais que en moitos casos non acadan os mínimos necesarios para unha vida digna. Moito máis no caso de Galicia -con pensións moi por debaixo da media española- e máis aínda no que respecta ás mulleres, con pensións moito máis reducidas que as dos homes. 

Entre as pensións máis baixas do Estado

O importe medio das pensións contributivas das persoas residentes en Galicia é de 879,89 euros mensuais, unha cantidade que se reduce cando se toman en conta o conxunto das pensións xestionadas en Galicia (788,49 euros mensuais). A contía é en todo caso case 150 euros inferior á media española, un diferencial que se mantén inalterable dende hai anos.

O 40% non chega a 8.500 euros anuais

Ademais, a inmensa maioría dos e das pensionistas fica por debaixo desas cantidades, sobre todo as mulleres. En concreto, 7 de cada 10 xubilados e xubiladas galegas non chega aos 12.673 euros, unha porcentaxe que supera o 80% no caso das mulleres. O 39% non chega a 8.500 euros anuais (pouco máis de 700 euros en 12 pagas), pero de novo a porcentaxe entre as mulleres elévase moito máis, ata o 45%.

As mulleres cobran moito menos

Existe unha gran fenda de xénero nas pensións, cunha diferenza de máis de catro mil euros anuais entre o que reciben os e as xubiladas galegas que, ademais, vaise facendo máis grande nos últimos anos. "A esixencia de vidas laborais prolongadas limita o acceso das mulleres a unha pensión", dicía Victoria Portas nesta entrevista.

Oito de cada dez pensionistas por viuvez, en situación de pobreza

As pensións de viuvez están entre as máis baixas, situándose en 2016 nos 543 euros mensuais, máis de cen euros por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. Isto fai que en Galicia oito de cada dez pensionistas por viuvez estean por debaixo do limiar da pobreza

Perda de poder adquisitivo

As pensións foron conxeladas nos peores anos da crise e na actualidade están a subir un 0,25% anual, moi por debaixo do incremento do IPC. Esta perda de poder adquisitivo afecta sobre todo a aquelas persoas con pensións máis reducidas.

Os e as novas pensionistas comezan a cobrar menos que os e as que se xubilaron antes da crise

Entre 2008 e 2013 as novas pensións creceron 240 euros mensuais. Dende entón están conxeladas, movéndose entre os 1.139 euros de decembro de 2015 e os 1.171 euros que rexistraron no último dato publicado, o pasado mes de decembro de 2017. No último ano a contía media creceu moi lixeiramente (15 euros), pero está aínda por debaixo dos datos de decembro de 2014. A situación é semellante no conxunto de España, cun máximo en 2015 (1.342,94 euros mensuais) e dende entón dous anos de descenso, ata os 1.318,47 euros de media en 2017.

Diferenzas tamén por concellos

Tamén entre uns e outros concellos de Galicia existen diferenzas importantes no que respecto ás contías medias que cobran os seus e as súas pensionistas, en función sobre todo da idade (as persoas máis maiores cobran menos) e tamén do sector no que traballaran (os e as empregadas na industria cobran máis). As pensións máis altas localízanse nas zonas urbanas e tamén en lugares cunha importante presenza industrial. Vimianzo, Val do Dubra, Tordoia, Sarreaus, Santa Comba, Baltar, Ramirás, O Irixo, Padrenda, Quintela de Leirado e Avión teñen as pensións máis baixas

Un país con cada vez máis pensionistas

No conxunto do Estado hai xa menos de dous cotizantes por cada pensionista (1,92), un ratio que en Galicia é moi inferior (1,29). Porén, esta situación é aínda máis extrema nas provincias máis envellecidas e en proceso de despoboamento, como poden ser Lugo e sobre todo Ourense. De feito, Ourense encadea 9 anos con máis pensionistas que cotizantes. Esta realidade converte a Galicia na segunda comunidade autónoma na que o cociente entre xubilados e traballadores é máis pequeno, superando unicamente a Asturias.

Máis da metade dos concellos galegos teñen máis pensionistas que cotizantes

Hai 167 concellos nos que os e as pensionistas son xa maioría (datos de decembro de 2016) e tan só 146 nos que aínda hai máis traballadores e traballadoras. Vilas como Ames, Oroso, Arteixo, Cambre, Culleredo, Barbadás, Teo, Salceda de Caselas, O Porriño, Oleiros, nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo ou próximas a Compostela e Ourense, teñen o dobre de traballadores que de pensionistas. Pola contra, 11 concellos xa teñen o dobre de pensionistas que de traballadores/as. En toda a provincia de Ourense hai só 13 localidades con máis cotizantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.