As diferenzas entre empresas e Adif nas obras do AVE levan por diante centos de empregos

Protesta de traballadores nunhas obras do AVE CC-BY-SA CIG

As diferenzas entre o Adif e as unións temporais de empresas (UTE) que traballan nas obras do AVE a Galicia están a levar por diante centos de empregos, así como as condicións laborais mínimas esixibles nestes labores. Así o denuncia a CIG e o confirmarían varios documentos que esta firma está a difundir no conflito que mantén co administrador ferroviario. 

Desde xaneiro, 200 traballadores foron despedidos en máis dunha decena de tramos entre Zamora e Ourense

Desde o pasado xaneiro, e segundo o sindicato nacionalista, foron despedidos máis de 200 traballadores en máis dunha decena de tramos entre Zamora e Ourense. Na última vaga de despedimentos, foron uns 70 os operarios expulsados polas empresas en Galicia. Outros 200 máis foron despedidos nos traballos que se desenvolve na parte castelá. E as obras, tal e como recoñece o Adif, acumulan atrasos e seguen ralentizándose desde principios de ano. 

A xustificación das empresas adxudicatarias para explicar estas masivas rescisións céntranse no remate da carga de traballo da especialidade ou pola imposibilidade de realizar alguhas obras antes de que se aproben cambios técnicos. Pero a CIG insiste en que non son máis que "problemas de contratación pública" entre o Adif e as UTE. E o que cada vez parece máis obvio é que o intento das adxudicatarias non é outro que forzar cambios técnicos nos proxectos que supoñen o incremento do custo no seu beneficio. Mentres esta liorta sucede, centos de traballadores van ao paro ou ven amezados os seus postos de traballo. 

A CIG culpa as UTE de intentar forzar cambios técnicos para obter máis beneficios para o que paraliza obras que supoñen despedimentos

"Antes tiñamos a sospeita, pero agora emos a confirmación; este é un problema de contratación pública que non pode arrastrar os traballadores á rúa cada vez que os implicados teñan diferenzas", explica Anxo García Torres, secretario de Organización da CIG en Verín e A Limia, que denuncia tamén as condicións laborais "miserentas e de terceiro mundo" que están a sufrir os traballadores. 

Así, a CIG explica como tres meses despois de que unha das UTE do tramo Cerdedelo-Prado comezase a despedir todos os traballadores, a unión de empresa envía unha comunicación sobre os motivos desta decisión á Comisión Paritaria do Convenio Colectivo para o sector da construción co que, segundo a central, "procura legalizar, a touro pasado, as infraccións laborais" que tería cometido. Anuncia mesmo un "inexistente" compromiso de readmisión.

Unha das adxudicatarias intentou "legalizar" o despedimento de decenas de obreiros tres meses despois ante a Comisión do Convenio Colectivo

O caso é que a empresa argumenta a existencia dunha "causa imprevisíbel" que tería obrigado a firma a despedir os traballadores. Pero faino tres meses despois, algo que tornaría "en nula de pleno dereito" a acción segundo a CIG, e xustificando o despedimento masivo nunha "causa allea á vontade do empresario" dificilmente xustificable

"A suspensión dos traballos deriva dunha decisión unilateral, produto da negociación dun contrato público do que o empresario fai parte e non dunha situación de forza maior ou caso fortuíto; senón da lóxica da negociación", insiste a central nacionalista, que lembra que se isto se fixese da maneira esixida, a compañía tería que ter activado un ERE. "Estamos ante o que podería ser un peche patronal ilegal", denuncia García Torres. 

Ademais, e en canto ao compromiso de readmisión ao que agora alude a UTE, unha carta de despedimento desta empresa enviada a un traballador hai un mes ao que tivo acceso Praza demostra que, cando menos por escrito, non houbo promesa ningunha de reincorporación. 

A CIG reclama a intervención de Fomento e xa presentou catro denuncias ante a Inspección de Traballo

Por todo isto, a CIG reclama que o Ministerio de Fomento interveña, ao tratarse dunha obra pública da que é último responsable. "Non estamos falando dunha obra dunha casa, senón dunha obra pública enorme na que o Estado ten que garantir que non acontezan estas cousas", insiste García Torre, que lembra que pouco antes da guerra civil, en 1936, houbo dúas folgas na construción da vía do tren na mesma zona polas "condicións miserentas" nas que traballaban os operarios. "Sería tremendo que no século XXI volvese pasar o mesmo", di. 

Agora, a CIG presentará denuncia diante da Inspección de Traballo -será a cuarta xa-, neste caso por infracción en materia laboral dos dereitos dos despedidos. Ademais, presentará demanda de conflito colectivo perante os xulgados do social da provincia, reclamando o pagamento dos salarios xerados desde xaneiro de 2015 dos operarios despedidos e a súa alta na Seguridade Social por "considerar fraudulentas as exticincións de contrato" ao agocharse baixo a aparencia de fin de contrato que "deberían ter sido vehiculizadas por medio dun ERE, con suspensión de contratos e cotización". Ao tempo, reclamará ante a Subdelegación do Goberno para que o Executivo "tome as medidas precisas". 

Á marxe, o sindicato insiste en denunciar "condicións laborais inconcibibles" que incumprirían calquera lexislación en materia de seguridade laboral. Ademais, nos vindeiros días catro ex obreiros de Cerdedelo terán que enfrontarse aun xuíza rápido logo dunha denuncia por unha presunta sabotaxe que foi interposta pola construtora. A CIG asegura que é "unha represalia" para "meter medo" a outros empregados que pensen en denunciar, como os que se queixaron por falta de auga potable na obra, falta de condicións saudábeis ou xornadas excesivas. 

Protesta de traballadores nunhas obras do AVE CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.