Un xulgado admite o abuso das preferentes pero non as anula porque non se van repetir

Manifestación dos afectados polas preferentes CC-BY-SA Praza Pública

Hai dúas semanas, un xulgado da Coruña ditou sentenza tras unha demanda colectiva contra as cláusulas abusivas e a posible publicidade enganosa das participacións preferentes emitidas pola antiga Caixa Galicia.

Logo do xuízo celebrado en febreiro, a xustiza ditaminou en contra dos demandantes afectados por estes polémicos produtos e argumentou que non se pode considerar que existisen cláusulas abusivas nas devanditas participacións ao considerar o xuíz que estas clásulas abusivas son "a propia definición do produto" e tras considerar tamén que non existe publicidade enganosa, xa que o folleto informativo que informaba sobre as preferentes fora aprobado pola Comisión Nacional do  Mercado de Valores (CNMV).

A xustiza ditaminou que as cláusulas abusivas "son a propia definición do produto"

O ditame xudicial considera tamén que ese folleto non se pode considerar publicidade en si mesmo, malia que como destaca Adicae nunha información sobre a sentenza enviada aos afectados e á que tivo acceso Praza, neste caso editáronse trípticos nos que se aclaraba que as preferentes se podían amortizar en cinco anos e que tiñan unha rendibilidade fixa.

A polémica sentenza recoñece que existiron prácticas abusivas xeralizadas na comercialización das preferentes e que as prácticas comerciais poden ter os mesmos efectos de cara a nulidade que as condicións xerais dun contrato. Non obstante, en lugar de declarar nula esta venda de preferentes, aclara que xa non hai risco de que se volvan producir esas prácticas grazas á nova lexislación e pola intervención do FROB en Caixa Galicia. 

O ditame recoñece prácticas abusivas, pero déixaas impunes coa escusa de que a nova regulación impedirá que se volvan repetir

Xa que logo, o xulgado decide neste caso non declarar nula a venda pasada de preferentes, e malia recoñecer prácticas abusivas, déixaas impunes baixo a escusa de que non se van volver repetir, algo que, como destacan moitas asociacións de usuarios e plataformas de afectados, non é seguro. A sentenza, considerada impropia e "inxusta" polos afectados, será recorrida en segunda instancia á Audiencia Provincial. 

Protesta de afectados polas preferentes CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.