A UE di que o Estado non pediu axudas para a transición post-veto do naval en Ferrol

O sector naval ferrolán é un dos máis damnificados nestes anos CC-BY-NC-SA CIG

Desde o pasado 31 de decembro, rematou o veto á construción civil que afogaba Navantia. Os estaleiros da ría ferrolá atópanse así liberados das súas limitacións e abertos a un mercado no que espera atopar novas oportunidades. Hai menos dun mes, a compañía asinou unha "carta de intencións" para facer tres buques. Un preacordo pendente de confirmación con Ondimar Transportes para tres petroleiros que se repartirían entre Cádiz e Galicia. A eólica mariña é outro dos sectores de onde recibiu encargos en Fene para o futuro, mentres segue a construírse -aínda que con moitos menos traballadores dos previstos e entre críticas de precariedade- o flotel de Pemex. 

Pero o panorama non é demasiado bo. E tampouco parece que se tomasen medidas para facilitar a transición de cara á apertura á construción civil logo dunha década de veto. Así se deduce da resposta que a comisaria europea responsable de Competencia, Margrethe Vestager, lle vén de dar ao Bloque, que presentara unha pregunta a través de Jon Juaristi, europarlamentario de Bildu que compartirá o escano no Europarlamento coa nacionalista Ana Miranda. 

O grupo Verdes/ALE, a través do BNG, preguntara se o Goberno español solicitara fondos europeos para a transición despois do veto  á contrución civil

O grupo Verdes/ALE, no que se integra o BNG, preguntara á Comisión se o Executivo español comunicara ás autoridades comunitarias o uso de fondos europeos para "apoiar medidas de apoio ecónómico e de modernización tecnolóxica" para o estaleiro e co fin de "facilitar unha entrada no mercado que non sexa discriminatoria polo impacto da devandita restricióno e para a súa adaptacón para competir en igualdade de condicións con outros estaleiros europeos e de terceiros países que non sufriron esta limitación". 

A Comisión xa lle respondera que as autoridades edpañolas deberían "comunicar as súas intencións a través das canles axeitadas" no caso de que quixeran facer uso dos fondos públicos da UE para tal efecto. 

A Comisión aclara que "non recibiu ningún proxecto de concesión de axuda estatal para apoiar a transición de actividade de construción naval no ámbito civil"

Agora, a comisaria Margrethe Vestager aclara que, "logo de finalizar o período" de veto, a Comisión "non recibiu ningún proxecto de concesión de axuda estatal a fin de apoiar a transición de actividade de construción naval de Navantia no ámbito civil; nin ningunha outra solicitude de axuda por parte desta empresa con cargo a fondos europeos de apoio económico ou de modernización tecnolóxica". 

"A Comisión confírmanos que o Estado non solicitou axudas transición ou modernización post-veto do naval en Ferrol", advertía a voceira do BNG en Europa na súa conta de Twitter. 

O sector naval ferrolán é un dos máis damnificados nestes anos CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.