Os colectivos que defenden a continuidade de ENCE na ría celebran o apoio do PP

Factoría de Ence en Pontevedra © Ence

A continuidade ou non de ENCE no seu actual emprazamento de Lourizán máis aló de 2018 vai camiño de converterse nun dos grandes temas das eleccións municipais en Pontevedra. O apoio expresado o pasado venres polo candidato do PP, Jacobo Moreira, completando o cambio de posición do seu partido sobre a cuestión, foi saudado con euforia polos colectivos que traballan pola continuidade da pasteira no interior da ría. A denominada Plataforma de apoio á Industria na Comarca de Pontevedra cualificou a toma de posición de Moreira de "correcta e valente".

Tras unha xunzanza entre Jacobo Moreira e a plataforma de empresarios, o vicepresidente da entidade, Agustín Nogueira, salientou que ata agora "parecía" que a aposta pola continuidade de ENCE ás portas da cidade esra compartida unicamente por un "grupúsculo pequeno de empresarios", pois só Ciudadanos e Todos por Pontevedra (o partido da ex concelleira do PP María Biempica) se manifestaran con claridade neste senso.

Tamén se reuniu con Moreira o comité de empresa de ENCE, cuxos representantes destacaron que "por fin, alguén se pronuncia dunha forma sensata". Tras esta xuntanza, o candidato do PP reiterou a súa aposta polo mantemento da actual situación: "teño que traballar para o futuro de Pontevedra, coas luces e as sombras que tivera a empresa, pero baixo o meu punto de vista creo que neste momento o mellor é que a empresa siga".

Antón Masa: "ENCE segue a destruír emprego no complexo de Lourizán, segue incumprindo a lexislación en materia de vertidos á Ría e ten unha responsabilidade fundamental na destrución dos recursos marisqueiros e pesqueiros"

Estas visións contrastan coa expresada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) a través dun artigo de Antón Masa, no que despois de sinalar que "dubido moito que houbese alguén na comarca agardando outra posición que non fose a que, na práctica, veu defendendo sempre o PP: a defensa dos intereses da empresa por riba de calquera outra consideración", lembra que "ENCE segue a destruír emprego no complexo de Lourizán, segue incumprindo a lexislación en materia de vertidos á Ría e ten unha responsabilidade fundamental na destrución dos recursos marisqueiros e pesqueiros". Ademais, Masa subliña que "o rexeitamento á presenza de ENCE-ELNOSA en Lourizán segue sendo maioritario", pois todas as forzas políticas –agás o PP e aqueles grupos que coma o de María Biempica ou Ciudadanos aspiran a rabuñarlle votos ao partido hexemónico da dereita- seguen apostando polo fin da actividade do complexo na Ría".

De igual xeito, UGT e CC.OO. criticaron o cambio de postura do Partido Popular nun asunto -o traslado de ENCE a outra localización- no que se acadara un consenso practicamente unánime. Ramón Vidal, responsable de UGT na comarca de Pontevedra, sinalou que "as administracións tiveron tempo máis que suficiente" para "buscar alternativas e unha solución que garantise estes postos de traballo e a calidade do emprego".  José Luis García Pedrosa, por Comisións, foi máis duro, e cualificou de "cutre e vomitivo que se poida estar xogando coas persoas e cos traballadores de ENCE desta forma", a pesar de que o sindicato apoiou o mantemento da factoría en Lourizán.

Factoría de Ence en Pontevedra © Ence

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.