Os afectados das preferentes en Galicia cifran en 1.200 os millóns "secuestrados"

Emilio Botín, presidente do Banco Santander © Banco Santander

"Con data 8 de maio de 2007, Caixanova Emisiones, S.A.U. acordou emitir 1.500 participacións preferentes serie B, de 50.000 euros de valor nominal cada unha, sen prima de emisión e garantidas polo Grupo. Ditas participacións terán un carácter perpetuo, no entanto, transcorridos cinco anos desde a data de desembolso, a sociedade poderá amortizar as participacións en calquera momento con autorización previa do Banco de España e do Grupo". Esta frase aparece no Informe de Auditoría de Novacaixagalicia correspondente a 2010. Enunciado que se repite máis veces con outros dous suxeitos: Caixa Galicia Preferentes S.A.U. e Gallego Preferentes S.A. Este produto financeiro, descoñecido para moitos usuarios, é o protagonista dun novo episodio das "fraudes" da banca. Unha historia de malas novas para ata 100.000 galegos, segundo a plataforma Adicae, que comezou no ano 2003 no caso dos impositores de Caixa Galicia e Caixanova.

Tendo en conta a cifra de Adicae, que estima en 700.000 persoas as afectadas, vése que non estamos a falar dun problema de elites

Pero, que son as participacións preferentes? E por que forman parte do vocabulario de tantos usuarios? A crise financeira que rebentou en 2007 en Estados Unidos converteuse, co tempo, nunha clase maxistral de termos financeiros complexos: credit default swaps (CDS), prima de risco, débeda soberana... Instrumentos ou baremos antes descoñecidos para o chamado gran público, pero que deixou de ser, sen pretendelo, unha xerga só comprensible para os expertos dos números, a banca e os negocios. Só tendo en conta a cifra de Adicae, que estima en 700.000 persoas as afectadas polas participacións preferentes, resulta evidente que non estamos a falar dun problema de elites

Que son?

As participacións preferentes son produtos cualificados como "complexos" e, o máis importante, non teñen data de vencemento. Trátase dunha emisión de débeda que coloca, neste caso, unha entidade financeira, e que non ten data de caducidade. Caixas e bancos comercializaron durante anos este tipo de produto, que resultaban moi rendibles nos chamados anos de bonanza económica. Por que? Porque están directamente vinculados aos resultados da empresa que as vende. Isto é, a rendibilidade depende de se hai beneficios ou non os hai. Nalgúns casos, as preferentes ofrecían aos clientes un rendemento próximo ao 7%, moi por riba dos depósitos ordinarios (e garantizados).

A rendibilidade depende de se hai beneficios ou non os hai

Cómpre diferenciar entre as preferentes (renda fixa) e as imposicións a prazo fixo. Non son o mesmo, para desgraza dos afectados das primeiras. Basicamente porque os depósitos a prazo fixo, as contas de aforro ou as correntes están respaldadas polo Fondo de Garantía de Depósitos (FGD). No caso de impago dunha entidade, o FGD cobre ata 100.000 euros por conta e entidade. A única razón pola cal as preferentes se chaman así é porque, en caso de cobrar, van antes que as accións ordinarias. "Como se está investindo no propio banco, pódese non cobrar intereses se este ten perdas, ou se o banco decide que os beneficios deben ser utilizados para reforzar a súa solvencia e os seus recursos propios", explican desde Adicae.

A única vía que permite aos afectados desprenderse destes produtos é que alguén os compre pola totalidade do seu valor

En tempos de abundancia, as feiras están concorridas. Nos de seca, os mercados ás veces nin abren. Isto é o que sucedeu coas participacións preferentes. A única vía que permite aos afectados desprenderse destes produtos é que alguén os compre pola totalidade do seu valor. Isto é, que alguén estea disposto a asumir a débeda perpetua coa rendabilidade determinada de cada empresa de crédito (se existe). No chamado mercado secundario antes comercializábanse. Un vendía e outro mercaba, coa garantía única da súa rendibilidade e a esperanza de que a bonanza non ía ser pasaxeira. Pero remataron os tempos da gratitude financeira.

Afectados en Galicia

As diferentes plataformas sociais de afectados en Galicia por este tipo de produtos (Adicae, Stop Galicia ou Plataforma de Afectados do Morrazo) cifran en ata 100.000 as persoas "atrapadas" nestes contratos a perpetuidade. Segundo as súas estimacións hai "1.200 millóns de euros secuestrados pola banca". A meirande parte deles forman parte da inxente rede de clientes de Novagalicia Banco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.