A Xunta evita revelar canto leva aforrado co recorte ao persoal público

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

O pasado 16 de febreiro o Consello da Xunta daba luz verde á Lei de Medidas Temporais en Determinadas Materias do Emprego Público, o primeiro gran recorte que a Xunta lle aplica ao seu cadro de persoal. O xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enmarcaba a norma na súa vontade de que Galicia siga a a ser unha "comunidade solvente" e aseguraba que a decisión evitaba futuros plans "máis drásticos". A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, concretaba aínda máis: "estas medidas permitirán un aforro anual duns 80 millóns de euros". Máis de dous meses despois da entrada en vigor da norma o grupo do BNG tentou, a través de Alfredo Suárez Canal e Tareixa Paz, coñecer "o aforro" que a lei leva producido e o "número de persoas afectadas" polo recorte. E a concreción de febreiro xa non é tal.

O pasado febreiro a Xunta mantiña que as medidas suporían un aforro de 80 millóns de euros ao ano

Nunha breve resposta parlamentaria Facenda constata que a normativa foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 2 de marzo e entrou en vigor ao día seguinte e resume nunhas poucas liñas algúns aspectos básicos do seu funcionamento, tales como que "as medidas adoptadas en relación á incapacidade temporal, prórroga do servizo activo e redución de xornada precisaban desenvolvemento regulamentario para a súa aplicación". Ese desenvolvemento, no caso cando menos da redución dos pagamentos durante as baixas por enfermidade xa está en vigor, como adiantou Praza Pública, dende o 7 de maio. Ademais, engade, "en canto [á redución das] axudas do Fondo de Acción Social aínda non se publicou a súa convocatoria".

Neste contexto o departamento que dirixe Elena Muñoz considera que aínda é "moi cedo" para ofrecer cálculo ningún do aforro producido. Aínda non é posible "cuantificar" as "accións habilitadas legalmente", din. Non obstante, dende a Xunta zánxase a resposta asegurando que "non hai dúbida" de que "nos próximos meses" os recortes "revelarán a súa eficacia para lograr o obxectivo de redución do déficit público autonómico". Malia telo preguntado explicitamente, os parlamentarios quedan tamén sen saber o número de traballadores afectados por esta decisión.

Esta escueta resposta contrasta coa extensión notablemente superior das explicacións ofrecidas o pasado domingo por Facenda sobre as súas previsións para a xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira, o órgano que xunta o Ministerio de Facenda coas autonomías que se reunirá o vindeiro xoves. É previsible que nese encontro Muñoz si expoña con máis amplitude o impacto do recorte ao persoal público xa que, avanzan, xa lle comunicaron ao Estado que Galicia cumprirá os obxectivos de estabilidade e "seguirá sendo unha comunidade que mantén un control estrito do déficit público". Nesta liña, ratifican que o recorte a aplicar neste 2012 será de "tan só 69 millóns de euros", 0,4% do que recortará o conxunto das autonomías.

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.