O estancamento na recadación por IVE desmente a "recuperación do consumo" que vende a Xunta

Feijóo, coa conselleira de Traballo este mércores no Parlamento © Ana Varela

O presidente da Xunta tivo que responder este mércores, por segundo pleno consecutivo, a respecto do estancamento económico de Galicia que revelan os diferentes indicadores do ano 2014. "Segue pensando que coas súas políticas Galiza está en mellores condicións para ser unha das primeiras comunidades en saír da crise?", cuestionouno o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, parafraseando o discurso de investidura de Alberto Núñez Feijóo en 2012. Ante as acusacións de estancamento o xefe do Executivo esgrimiu datos como a leve baixada do paro rexistrado ou o comportamento do PIB para sentenciar que a economía do país vai por bo camiño. A oposición, di Feijóo, debe "aceptar" que os números xa permiten observar que "estamos recuperando o consumo", un dos principais termómetros do dinamismo económico que, malia á afirmación presidencial, está practicamente paralizado.

Se ben é certo que, en rigor, o consumo si se recuperou un chisco en Galicia durante 2014 non o é menos que esa recuperación é tan leve que dá lugar a unha fotografía practicamente plana e que, ademais, deixa o país no furgón de cola das comunidades autónomas. Así, por exemplo, o IGE acredita que a achega do gasto en consumo final ao produto interior bruto galego durante o cuarto trimestre de 2014 experimentou unha levísima suba do 0,2%. Do mesmo xeito, un dos principais espellos do consumo, a recadación por IVE, amosou unha clara atonía.

O Goberno gábase da recuperación do consumo, aínda que a tendencia é practicamente plana

Os datos da Axencia Tributaria amosan que durante o pasado ano se recadaron en Galicia 2.480,6 millóns de euros en concepto de IVE, apenas 80 millóns e medio maís que un ano antes. Esta suba de apenas un 3% fai que a recadación galega do IVE sexa o segunda que menos se incrementa no conxunto do Estado, só por diante de Murcia. Ademais, unha ollada en perspectiva debuxa unha tendencia practicamente liñal. Non en van, a recadación do pasado ano foi practicamente a mesma que en 2013 e un 1,6% menos que en 2012.

A recadación semellante en 2012, 2013 e 2014 malia á suba do imposto amosa a atonía do consumo

A comparación entre estes tres últimos anos resulta especialmente elocuente porque foi en 2012 cando entrou en vigor a última suba do IVE. En virtude da decisión do Goberno central o tipo xeral deste imposto pasou do 18% ao 21% e o reducido, do 8% ao 10%. Ademais, o IVE cultural saíu do tipo reducido para incorporarse ao xeral e produtos como o material escolar sufriron unha escalada de 17 puntos, pasando do tipo superreducido, que ficou no 4%, ao xeral. Malia todos estes incrementos a recadación de 2013 e 2014 foi semellante á de 2012, o que amosa o estancamento do consumo.

Si houbo crecemento na recadación, no entanto, no 2012 a respecto de 2011, último ano completo co IVE xeral ao 18%, e tamén se produciu unha suba relevante entre 2009 e 2010, ano no que se aplicou a anterior suba do imposto, do 16% ao 18%, ditaminada polo Goberno do PSOE ante o risco de rescate inminente. Nos anos anteriores, entre 2007 e 2009, a recadación do IVE en Galicia experimentara tamén notables caídas.

Feijóo, coa conselleira de Traballo este mércores no Parlamento © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.