A industria láctea mantén a "chantaxe" e xa deixa de recoller leite a varias cooperativas

Baleirado de leite dun camión cisterna Dominio Público @GandeirosGal2

Varias cooperativas galegas sofren xa esta semana o "boicot ao paquete lácteo" que están levando a cabo as industrias e que volve golpear o sector gandeiro do país. Cando menos media ducia de explotacións recibiron xa a comunicación de que non se lles recollerá o leite. Pero poden ser moitas máis nos vindeiros días. Centos de produtores e millóns de litros afectados que sofren a "chantaxe" dunhas compañías que pagan o litro por debaixo dos custo de produción, que incumpren cos contratos asinados e que só deixan unha alternativa ás granxas: aceptar os insultantes prezos ou tirar o produto.

Media ducia de cooperativas, con centos de produtores e millóns de litros, foron informadas xa de que non lles recollerán o leite

Así de dura é a situación que está a sufrir o sector lácteo galego. Unha problemática que vén de moi lonxe e que se repite ciclicamente pero que se agudiza nos últimos tempos. "As industrias utilizan os gandeiros; néganse a recoller a 30, 32 ou 34 céntimos o litro e presentan un contrato a 20 céntimos por un ano que saben que ninguén acepta; o seguinte paso é ofrecer outro acordo a 26 durante tres meses, que saben que se ha asinar aínda perdendo cartos porque non hai quen recolla o leite... 'Senón, busca quen cha recolla', dinlles". Quen pon o exemplo é Xabier Gómez Santiso, coordinador do sector gandeiro do Sindicato Labrego Galego (SLG). 

As cifras poden variar un chisco, pero o procedemento é semellante en moitos casos. E ao final, nin tan sequera se cumpre o precario prezo acordado, senón que se paga menos. De non someterse ao seu ditado, a industria non recolle o leite. Así llelo advertiron xa a varias cooperativas que abranguen zonas como Mesía, Vilasantar, Boimorto, Oza-Cesuras, Curtis, Monterroso, Lugo ou concellos da Terra Cha. 

"O que quere a industria é comprar barato porque se está forrando a costa de destruír o sector lácteo galego"

"O que quere a industria é comprar barato porque se está forrando a costa de destruír o sector lácteo galego", insiste Gómez Santiso, que como no caso de Unións Agrarias (UUAA) advirte dun pacto entre as industrias contra o paquete lácteo instaurada polo Ministerio de Agricultura e que obriga a ofrecer contratos dun ano e a prezos por riba dos custos de produción. Pero nin o cumpren nin teñen intención de cumprilo. E nin a millonaria multa imposta por Competencia os arreda das súas intencións. "Este debe ser o único lugar do mundo onde a única solución aos problemas é impoñer sancións que se recorren ou compensan en lugar de corrixir a situación", engade o coordinador do SLG. 

Os sindicatos insisten no pacto entre industrias para "boicotear o paquete lácteo" do Goberno, que deixou sós os gandeiros

"O paquete lácteo non era perfecto, nin moito menos, pero podía servir; non obstante, o Ministerio decidiu poñerse nunha situación neutral e mandounos a xogar o partido sen regulamento e co poder só dun lado", explica Gómez Santiso. Xa a semana pasada, os sindicatos agrarios solicitaron a anulación de todos os contratos asinados nos últimos meses a tarifas por debaixo dos custos de produción. Insisten en que foron asinados baixo "coaccións" e que os hai que non chegan aos 20 céntimos por litro, moi inferior ao pactado. 

Denuncian que se impoñen as condicións sen negociación ningunha, a imposicion da renuncia a contratos dun ano -que debe ser aceptada voluntariamente polo gandeiro pero que xa é entregada xunto a oferta- e a "chantaxe" que supón ofrecerlles prezos anormalmente baixos a un ano para obrigalos a asumir unha mínima suba pero con acordos por meses ou trimestres. Porque o xogo é sempre o mesmo. E a alternativa que teñen algunhas cooperativas ás que xa ameazaron con non recoller o produto é vendelo como leite en po pero por debaixo de prezos do mercado. 

"Non temos outra saída se Xunta e Estado non fan nada. Estamos desarmados e a única solución que temos é vender as vacas"

Os sindicatos insisten en que "as administracións interveñan". "Non temos outra saída se Xunta e Goberno central non fan nada. Estamos desarmados e a única solución que temos é vender as vacas", asegura Gómez Santiso, que cre que o obxectivo a longo prazo é "que haxa 120 explotacións no sur do Estado e Galicia e o Cantábrico queden fóra... Queren un modelo ianqui", insiste. 

Ao tempo, Núñez Feijóo presume de que a Xunta foi o único goberno que denunciou a situación do lácteo ao organismo estatal de defensa da competencia e que agora a súa misión é controlar "as cisternas que veñen de Portugal". Pero os sindicatos e os gandeiros seguen reclamando axuda. Meditan xa mobilizacións -duras e simbólicas- pero antes queren esgotar outras vías e manteñen xa xuntanzas con alcaldes de diversas localidades afectadas e onde o sector lácteo é clave e presionar a Medio Rural. 

Feijóo presume de que a Xunta foi o único goberno en denunciar a situación do sector lácteo

Pero mentres, a industria segue coa súa estratexia de presión, instaurando o temor entre os gandeiros, aos que intentan convencer a base da ruína de que os contratos non valen nin son rendibles. Acabar co paquete lácteo para volver deixalos na máxima indefesión, a non ser que as administracións dean un golpe da mesa que aínda se agarda. 

Baleirado de leite dun camión cisterna Dominio Público @GandeirosGal2
Protesta sindical polos prezos do leite © Sindicato Labrego Galego

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.