A RISGA será compatible con ingresos por traballos esporádicos

Xuntanza do Consello da Xunta deste venres © Xoán Crespo

A futura Lei de Inclusión Social, que substituirá a norma de 1991, permitirá que as persoas que estean cobrando a Renda de Integración Social poidan ter ingresos por traballos esporádicos ou de pequena contía, até un límite de 865 euros mensuais. O obxectivo é incentivar o acceso a un emprego, procurando sinerxías entre os servizos de emprego e os sociais, así coma loitar contra a "cronificación" da situación de exclusión social. O Consello da Xunta aprobou este venres o proxecto de lei, que agora comezará o seu trámite parlamentario.

No 2011 uns cinco mil galegos e galegas solicitaron a percepción da RISGA, un 20 por cento máis que o ano anterior e o dobre que antes do comezo da crise. A nova RISGA (Renda de Integración Social de Galicia), que pasará a denominarse Renda de Inclusión Social e promoverá o acceso ao mercado de traballo proporcionándolle ao beneficiario unha contía a maiores se cumpre un itinerario de inserción laboral. Quedará dividida en tres tramos para adaptarse a cada caso: o persoal e familiar; o de inserción; e o de transición ao emprego. 

A futura Lei de Inclusión Social, que substituirá a norma de 1991, permitirá que as persoas que estean cobrando a Renda de Integración Social poidan ter ingresos por traballos esporádicos ou de pequena contía, até un límite de 865 euros mensuais

O primeiro tramo, o “persoal e familiar”, garante unha contía mínima destinada á cobertura das necesidades básicas da persoas. Este tramo é prorrogable anualmente sen límite, e non como ata o de agora no que había un prazo máximo de 4 anos, que agora se elimina. A contía desta prestación amplíase no caso de presenza de maiores ou menores  na unidade familiar. A contía básica é a mesma que existía ata agora (399,38 euros), pero as porcentaxes nas que se amplía segundo haxa máis membros na unidade familiar son maiores que as actuais.

O segundo tramo, de “inserción” ofrecerá unha contía a maiores se o beneficiario cumpre un itinerario orientado á inserción laboral, no que se inclúen tamén accións formativas. Este tramo ten unha duración de 18 meses. Os usuarios deste tramo percibirían un total de 665,63 euros. O último tramo é o de transición ao emprego, co fin de acompañar os beneficiarios que accedan a un posto de traballo. Para isto, percibirán durante os primeiros seis meses de traballo unha contía que irá diminuíndo gradualmente ata extinguirse. O que se percibirá –entre o emprego e a RISGA- terá un límite de 865 euros.

Xuntanza do Consello da Xunta deste venres © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.