0 Gardados para despois

Os afectados polas preferentes e o BNG, en contra da "arbitraxe" proposta por Feijoo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Despois de meses negándose a recibir os representante das 43 mil persoas que en Galicia se viron afectados pola graude das participacións preferentes, finalmente o presidente da Xunta mantivo este venres un encontro con eles. Alberto Núñez Feijoo propúxolles que se acollesen á arbitraxe de consumo para tentar solucionar o conflito, polo que estas persoas teñen os seus aforros retidos (uns 900 millóns de euros en total) nas entidades financeiras, principalmente Novagalicia Banco, que por distintas vías e sen proporcionarlles a información completa os convenceu para que adquirisen participacións preferentes, unha caste de accións.

Juan Nogueira, un dos seus voceiros, reclamoulle a Feijoo que "medie" ante as entidades financeiras, que ofreza outras solucións e que "actúe contra os culpables do seu sufrimento"

Porén, os afectados apresuráronse a rexeitar a única solución proposta polo presidente da Xunta, que impediría que puidesen recorrer á vía xudicial para realizar as súas reclamacións. Ademais, non poderían recuperar o 100% dos seus aforros. Juan Nogueira, un dos seus voceiros, reclamoulle a Feijoo que "medie" ante as entidades financeiras, que ofreza outras solucións e que "actúe contra os culpables do seu sufrimento". A Xunta sostén, con todo, que ao redor de 800 afectados aceptaron acollerse á vía da arbitraxe, pola que tanto a entidade coma o aforrador están obrigados a aceptar o que dicte o laudo arbitral.

Novagalicia decidiu esta semana o peche temporal das súas tres oficinas en Moaña polos problemas coas constantes protestas dos aforradores afectados na zona. Este venres ao redor dun cento de persoas manifestouse en Vigo entre o Calvario e Porta do Sol, bloqueando a actividade de cinco sucursais da entidade.

 

"Feijoo non asume as súas responsabilidades"

De igual xeito, Francisco Jorquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta, rexeitou a solución proposta por Feijoo, que para o nacionalista significa non "asumir responsabilidades". Jorquera afirmou que o presidente "volveu dar unha demostración de absoluta impotencia" para resolver un problema que "afecta a milleiros de galegos". O nacionalista considera que Feijoo debe asumir as súas responsabilidades, na medida en que "permitíu a bancarización das caixas" e pídelle que obrigue as entidades financeiras "a responder por un auténtico corralito".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.