Os 8 deberes que o informe do CES lle pon á Xunta

Xornada sobre 'Pobreza e exclusión social' organizada polo CES o mes pasado © CES

O Consello Económico e Social (CES) presentou este xoves a súa Memoria sobre a situación económica e social de Galicia correspondente ao ano 2014, un documento que analiza distintos aspectos da realidade social galega, e realiza unha serie de recomendacións dirixidas ás distintas admistracións para mudar aqueles aspectos nos que detecta maiores eivas. O informe salienta que "a mellora dos datos macroeconómicos ao longo do ano 2014 pon de manifesto un cambio de tendencia que debe ser apoiado dende os poderes públicos para acadar a súa consolidación" e tamén "para corrixir os desequilibrios que persisten na nosa economía, como a aínda débil actividade dos sectores, o elevado endebedamento e as persistentes taxas de desemprego".

Unha das críticas máis directas que o CES lle realiza ao Goberno refírese ao atraso na publicación de datos "en ámbitos especialmente sensibles" como os da Risga e as Axudas de emerxencia social, "nun contexto tan difícil como o actual"

Unha das críticas máis directas que a memoria do CES lle realiza ao Goberno galego refírese ao atraso na publicación de datos "en ámbitos especialmente sensibles" como os da Risga e as Axudas de emerxencia social, "nun contexto tan difícil como o actual onde hai un número elevado de fogares en dificultades e de persoas que levan máis de 2 anos en situación de desemprego". Porén, o informe fai suxestións e demandas noutras áreas.

Demografía: Para o CES, "a inercia demográfica galega necesita, para cambiar a súa tendencia, dun crecemento económico sostible, duradeiro e xerador de emprego, con atención especial ás áreas estratéxicas, asentado sobre políticas activas de conciliación familiar".

Economía: O CES reclama "unha maior atención para o sector industrial que frene a reducción do seu peso relativo". Así mesmo, lembra que "o sector agrario actúa tamén como instrumento de fixación da poboación no sector rural" e que "por iso, cómpre desenvolver políticas que sitúen ó sector primario como un dos sectores estratéxicos e de futuro da economía galega". Ademais, o CES considera necesario "apoiar a rexeneración do sector da construción a través da innovación, a recualificación da man de obra, a rehabilitación, a sostibilidade e a eficiencia enerxética". Finalmente, o CES pide "eliminar os obstáculos que persisten no acceso ao financiamento e dotar de créditos tanto ás empresas como aos fogares".

O CES considera "moi preocupante" a situación "dos parados maiores de 45 anos e dos parados de longa duración, en moitos casos con cargas familiares"

Emprego: O CES considera "moi preocupante" a situación "dos parados maiores de 45 anos e dos parados de longa duración, en moitos casos con cargas familiares", polo que insta aos poderes públicos "a que adopten medidas que palíen a situación actual e que fomenten a reinserción laboral". Ademais, ante os riscos de polarización e incremento das desigualdades laborais, o CES "considera fundamental potenciar unha oferta educativa e formativa que favoreza o aproveitamento de novas oportunidades e dinamice o mercado de traballo".

Sanidade e benestar: O CES insta a "garantir unha sanidade de calidade que faga frente á presión asistencial existente en Galicia derivada da súa estrutura demográfica e territorial". Insta aos poderes públicos a levar a cabo "as medidas necesarias para erradicar a crecente problemática da pobreza infantil". Tamén demanda "a creación de centros públicos para a atención a persoas con enfermidades mentais, dotando aos mesmos de prazas específicas para atención a menores, tanto para ingresos hospitalarios como para atención ambulatoria".

Demanda "a creación de centros públicos para a atención a persoas con enfermidades mentais, dotando aos mesmos de prazas específicas para atención a menores"

Risga e pensións: O CES critícalle á Xunta o atraso na publicación de datos "en ámbitos especialmente sensibles" como os da Risga e as Axudas de emerxencia social, "nun contexto tan difícil como o actual onde hai un número elevado de fogares en dificultades e de persoas que levan máis de 2 anos en situación de desemprego". De igual xeito, pide que se "tomen todas as medidas necesarias para que todas as persoas que teñan recoñecido o dereito a unha prestación por estar nunha situación de dependencia accedan á mesma, eliminando así a lista de espera existente". Así mesmo, o CES reclama "un maior compromiso para a sostibilidade e consolidación do sistema de pensións, baseado na solidaridade e a equidade".

Ensino: O informe alerta do importante abandono educativo temperán, pois no último ano en Galicia en torno a 18 de cada 100 mozos con idades entre 18 e 24 anos non remataron a segunda etapa da ESO e non seguen ningún tipo de estudo. E salienta que "a educación universal debe ter como elementos de base a equidade, o fomento da igualdade de oportunidades e da conciliación familiar, para o que os programas de bolsas e axudas públicas concedidas polas diferentes administracións son esenciais".

Alerta que "despois de catro anos de severas restricións á contratación e á promoción por mor da taxa de reposición en todo o sector público, a calidade da investigación e da docencia está sufrindo fortes presións"

Universidade: En canto á universidade, o informe destaca que o seu valor "está asociado á excelencia profesional do seu profesorado". E destaca que "despois de catro anos de severas restricións á contratación e á promoción por mor da taxa de reposición en todo o sector público, a calidade da investigación e da docencia está sufrindo fortes presións que se prolongarán durante moitos anos", apostando por "deseñar un programa de captación de talento cun estándar internacional".

A Memoria do CES destaca que "o gasto interno en I+D en Galicia, público e privado, volve a reducirse no ano 2013"

I+D: No apartado dedicado a investigación e tecnoloxía, a Memoria do CES destaca que "o gasto interno en I+D en Galicia, público e privado, volve a reducirse no ano 2013, último dispoñible, situándose en 468,7 millóns de euros, case un 4% inferior en relación ao ano anterior" e que "este descenso está motivado tanto pola caída do gasto en I+D das empresas, que se reduce un 4,2%, como do gasto público, que cae un 3,7%". Sinala que, en consecuencia, a porcentaxe de gasto sobre PIB redúcese ata o 0,86%, fronte ao 0,89% do ano anterior, sendo a porcentaxe do 1,24% no conxunto do Estado e do 2,02% na UE-28, moi lonxe do obxectivo recollido na Estratexia Europea 2020 (3%) e mesmo do obxectivo do Plan galego I2=C de acadar o 2% do PIB para 2015.

Xornada sobre 'Pobreza e exclusión social' organizada polo CES o mes pasado © CES

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.