O SLG pode denunciar Logística Alimentaria por incumprir contratos e pagar por debaixo de 21 céntimos

Concentración do SLG ante Logística Alimentaria o pasado 22 de maio © SLG

O Sindicato Labrego Galego da comarca de Ordes vén de convocar unha asemblea das granxas afectadas polos incumprimentos de Logística Alimentaria nos contratos, "incumprimentos que aínda están a facer máis miserables as condicións de compravenda de leite que tiña pactadas este primeiro comprador coas explotacións que lle venden", denuncia o sindicato. A xuntanza terá lugar este venres no local do SLG en Ordes.

O SLG explica que Logística Alimentaria lles fixo asinar contratos ás granxas que lle fornecen de leite "baixo unhas condicións leoninas": 26 céntimos por litro para o 80% da produción, e o 20% restante a un prezo variable segundo a cotización do leite en po. Porén, denuncia, a empresa nin sequera respectou "estes prezos ruinosos que non dan nin para cubrir os custes de produción", e pagou o leite de maio e xuño cun prezo base de 21 céntimos para o 80% da produción, e de 18 céntimos para o 20% restante, incumprindo "flagrantemente" o contrato

Na asemblea deste venres, o SLG acordará cos gandeiros e coas gandeiras afectadas as medidas legais a emprender, entre as que se baralla denunciar a Logística Alimentaria diante da Interprofesional Láctea (Inlac), que é o mediador acordado nos contratos; ou mesmo diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA).

Concentración do SLG ante Logística Alimentaria o pasado 22 de maio © SLG
Concentración do SLG ante Logística Alimentaria o pasado 22 de maio © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.