0 Gardados para despois

Almunia aprema o Estado a que presente xa unha alternativa para o naval

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


“Calquera que sexa o novo modelo de incentivos para o sector naval ten que garantir que os estaleiros galegos poden competir en igualdade de condicións cos estaleiros de calquera outro Estado membro da UE". Así de clara se manifestou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, durante a súa xuntanza deste martes co vicepresidente e comisario da Competencia da Comisión Europea, Joaquín Almunia no Parlamento Europeo.

A eurodeputada do BNG insistiulle a Almunia na “necesidade” de dar “unha resposta urxente” ao sector naval, que recordou que se atopa “nunha situación crítica”. O comisario europeo respondeulle botando balóns fóra, ou máis ben cara ao Goberno central. Segundo o ex líder do PSOE, unha vez que o Executivo español presenta a proposta definitiva, a Comisión estarán en disposición de poder emitir unha valoración inmediata en menos dun mes. Ata o de agora, non hai máis que consultas previas por parte de Madrid. Segundo o Bloque, “quedou confirmado que o Estado non fixo chegar un texto definitivo para someter ao criterio da Dirección Xeral da Competencia”.

E mentres Almunia e o BNG critican a falta de premura do Goberno central, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recalcou que a Xunta "non descansará" ata que haxa "unha solución xusta, equitativa e comprometida" sobre o sistema de bonificacións fiscais para que a industria naval galega volva competir en igualdade de condicións" co resto de Europa.

Feijóo cre que "máis que nunca é necesario insistir" en que o naval galego "é un futuro seguro", e fronte ás dificultades polas que atravesa o sector avogou por un "optimismo prudente, realista". Na inauguración da cuarta Feira Internacional do Naval de Vigo (Navalia), o presidente da Xunta confiou en que "máis pronto que tarde" empecen a concretarse "acordos" e "carga de traballo" para os estaleiros galegos. Case ao mesmo tempo, a empresa Pemex, presente no evento, asegurou que todos os seus proxectos están "en estudo" tras ser preguntado sobre a posibilidade de que a compañía contrate barcos con estaleiros galegos. 

Almunia puxo a pelota no tellado do Goberno central, que aínda non enviou unha proposta definitiva

Ademais, e logo da reunión entre Miranda e Almunia, o BNG conclúe que a Comisión suxire como alternativa ao tax-lease o modelo francés, co argumento de que ese modelo xa foi analizado e ten a garantía de que cumpre coas normas comunitarias en materia de competencia. Sen entrar a valorar porcentaxes, adiantou que o futuro sistema de incentivos deberán estar vinculados aos beneficios das empresas.

O BNG entende que a Comisión suxire o modelo francés como alternativa ao 'tax-lease'

Miranda tamén abordou con Almunia o expediente presentado contra o Estado español que paralizou a aplicación do tax-lease e, como consecuencia, freou a contratación de novos contratos de construción de buques. A eurodeputada nacionalista explicitou ante o comisario que "en ningún caso o sector pode asumir ningún tipo de sanción, posto que se limitou a facer uso dun sistema de bonificacións fiscais aprobado polo Goberno central", alegou a deputada.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.