A antiga cúpula de Caixanova enfróntase a outro xuízo por un buraco de 80 millóns para reflotar Alfageme

Julio Fernández Gayoso, no Congreso © Congreso dos Deputados

De novo ao banco dos acusados. Un mes despois de que a Audiencia Nacional acordase proceder contra a cúpula de Caixanova por un un presunto "delito societario continuado na súa modalidade de administración desleal de xestión do patrimonio social" no marco dunha das operacións inmobiliarias da vella caixa do sur galego fóra de Galicia por importe de algo máis de 40 millóns de euros, o mesmo tribunal propón xulgar o ex-presidente da entidade, Julio Fernández Gayoso; os ex-directores xerais Gregorio Gorriarán e José Luis Pego, e outras sete persoas investigadas ante a posible comisión de delitos de branqueo de capitais e delitos societarios en relación á concesión de préstamos á empresa Promalar para a compra da conserveira Alfageme. Todo ano e medio maís tarde de que os dous máximos responsables da desaparecida entidade pasasen pola cadea polo caso das indemnizacións millonarias

O xuíz propón xulgar a ex-cúpula de Caixanova por posible delito de branqueo de capitais e delitos societarios pola concesión de préstamos á empresa Promalar para a compra da conserveira Alfageme

É o xuíz do Xulgado de Instrución número 5 da Audiencia Nacional, José de la Mata, quen considera que os ex-directivos de Caixanova "deseñaron un mecanismo claramente expropiatorio da entidade financeira que foi moito máis aló da adopción de actos erróneos no exercicio das súas facultades de administración" e que isto provocou un prexuízo de 80 millóns de euros á entidade financeira. Entende que os seus actos poderían constituír un delito societario por administración desleal da xestión do patrimonio social ou apropiación indebida e branqueo de capitais.

"Deseñaron un mecanismo claramente expropiatorio da entidade financeira que foi moito máis aló da adopción de actos erróneos no exercicio das súas facultades de administración"

O auto que pon fin á instrución destaca que se simularon contratos que ocultaban a verdadeira natureza e a finalidade das operacións de financiamento concedidas a Promalar, fundada por Juan Lago, incluído no procesamento, que recibiu un primeiro préstamo de Caixanova de 60 millóns de euros e posteriormente outros dous, un de 9,25 millóns e outro de 5 millóns de euros.

En total, a entidade outorgou a Promalar préstamos por un importe de 135 millóns de euros. A operación perseguía reflotar a conserveira Bernardo Alfageme, para o que os ex-directivos deseñaron un mecanismo claramente expropiatorio da entidade financeira, que foi "moito máis aló da adopción de actos erróneos no exercicio das súas facultades de administración".

Entre outras irregularidades, o xuíz detectou que se taxaron leiras por 190 veces o seu valor real; nunha destas operacións, para cubrir o risco de 60 millóns concedido por préstamo hipotecario entregáronse en garantía terreos valoradas en 133 millóns, aínda que o seu valor real era de 2,5 millóns, segundo a información da axencia EFE que recolle eldiario.es.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.