A Audiencia Nacional investiga a Méndez e varios directivos da extinta Caixa Galicia

Rótulo nunha sucursal da antiga Caixa Galicia CC-BY-SA Merixo

A Audiencia Nacional investiga a José Luis Méndez e varios ex-directivos da extinta Caixa Galicia. A causa aberta xorde a instancias do FROB e ten que ver cunha ruinosa operación inmobiliaria para a entidade en Roquetas de Mar (Almería) pola que a entidade financeira tería concedido un crédito de 15 millóns de euros avalado cuns terreos que foran valorados en 30 millóns cando en realidade non sumaban nin 30.000 euros, ao ser un deles non urbanizable e o outro estar taxado nuns 25.000 euros. 

A Audiencia Nacional investiga a Méndez e varios ex-directivos de Caixa Galicia por unha ruinosa operación inmobiliaria en Almería

Tal e como adiantou La Voz de Galicia, entre os investigados atópase Méndez, quen fora director xeral da caixa durante 30 anos. Librárase da condena a cárcere dos ex-directivos de Novacaixagalicia polas indemnizacións millonarias logo de liscar da escena pública en 2010, ao comprobar o Banco de España a lamentable situación na que se atopaba a entidade que dirixía, pero pactando antes unha indemnización de 18 millóns de euros e numerosos privilexios. E evitou tamén a investigación cando o mesmo tribunal que agora abriu causa contra el arquivara a denuncia presentada pola CIG ante a Fiscalía en relación ás devanditas indemnizacións e á valoración da caixa fusionada. 

Agora si está a ser investigado, xunto a antigos directores de oficina, responsables de crédito e asesores xurídicos de Caixa Galicia, e todos eles terían declarado xa, aínda que o delicado estado de saúde que argumentou Méndez para adiar a primeira data á que foi convocado fai dubidar sobre se a súa declaración foi por escrito ou presencial. 

Méndez librárase da condena polas indemnizacións ao xubilarse xusto antes da fusión e pactar un retiro con 18 millóns de euros

Segundo o diario coruñés, a investigación iniciouse en 2016 e foi dirixida pola mesma fiscal -Pilar Melero- que dirixiu a que acabou cos antigos directivos das caixas na cadea, incluído o seu homólogo en Caixanova, Julio Fernández Gayoso, que saíu meses despois. O caso acabou en mans da xuíza Carmen Lamela, que hai meses abriu unha peza propia e chamou a declarar a parte da antiga cúpula de Caixa Galicia, a que dirixiu a entidade entre 2005 e 2009. 

A causa investiga aquela polémica operación urbanística en Andalucía, na época na que a febre do ladrillo se apoderou das caixas galegas alén do Padornelo. Os terreos que avalaron aquel préstamo concedido a finais de 2004 -e que acabou sendo de 20 millóns de euros- non tiñan o valor que se lles atribuíra. Un deles foi cifrado por Tasa Galicia -taxadora na que participaba Caixa Galicia- cun valor de case 24 millóns de euros, pero os infeormes periciais indican que non era urbanizable senón protexido. O outro superaba os 6 millóns de euros de taxación pero os informes xudiciais deixárono en menos de 26.000 euros. 

Os terreos que avalaran un crédito de 20 millóns foron taxados en 30 malia que o seu valor real non chegaba aos 30.000 euros

O caso avanza agora apañando información documental e pode durar meses. É o primeiro que chega a un xuíz da Audiencia Nacional, pero non o único procedemento aberto, nin contra Caixa Galicia nin contra Caixanova, cuxos antigos directivos, Julio Fernández Gayoso e José Luis Pego, tamén declararon por outras pescudas iniciadas.  

Agora, e logo da condena a outros ex-directivos das antigas caixas galegas, José Luis Méndez enfróntase á posibilidade de acabar sentando no banco dos acusados. O veterano directivo retirárase da escena pública e de todos os seus cargos apenas dous meses antes da unión que acabou rescatada con 9.000 millóns de euros públicos. A chegada á idade de xubilación foi a explicación oficial dun retiro entre presións do Banco de España que non foi en balde. Levou consigo uns 18 millóns de euros entre indemnización, plan de pensións e outras compensacións. Aínda que estas cifras son manexadas na esfera pública dende hai anos, os seus detalles seguirán ocultos no que dependa de Abanca, a entidade herdeira das antigas grandes caixas, resultante da compra de Novagalicia Banco por parte do venezolano Banesco.

Abanca negouse a revelar ao Parlamento a indemnización de José Luis Méndez tras deixar a caixa por "confidencialidade"

Coa reapertura da comisión de investigación ás caixas no Parlamento galego, e aínda que o PP procura un peche rápido dos traballos e se negou a novas comparecencias -entre elas, a do propio Méndez-, si accedera a incorporar algunha documentación adicional. Entre os papeis incluídos no novo plan de traballo figura a petición do BNG para acceder a "toda a documentación relativa á indemnización de Méndez, incluíndo as actas dos órganos de dirección e goberno de Caixa Galicia ao respecto", así como unha lista de "bens e activos" cedidos ou vendidos a directivos das caixas ou as súas familias. Abanca respondeu a esas peticións con senllas negativas amparándose na necesidade de respectar a lexislación en materia de confidencialidade bancaria e protección de datos.

Méndez, na comisión das caixas en xuño de 2013 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.