A banca mantén máis de 486.000 millóns no BCE sen que flúa o crédito

Mario Draghi e Jean Claude Trichet © ECB

O Banco Central Europeo (BCE) puxo en marcha unha operación que foi bautizada no sector como a barra libre de liquidez. A LTRO (long-term refinancial operations) concedeu medio billón de euros á banca que ían destinados, en principio, á chamada economía real. Pero devandita barra foi só libre para as propias entidades de crédito. Os sectores produtivos ou as familias son economía real pola dureza dos seus padecementos, non por resultar beneficiarias dese gran bufet libre.

O propio BCE vén de difundir unha complexa enquisa realizada entre máis de cen entidades financeiras da Unión Europea, que evidencia que a situación non vai mudar malia que xa se estea a prepara un novo reparto de liquidez masivo. Fálase doutro billón de euros entre os expertos do sector financeiro europeo. Algo disto se vai traducir nun mellor acceso ao crédito por parte das empresas ou os fogares? Non. Unha cuarta parte da banca europea asegura que reducirá aínda máis o volume de préstamos concedidos debido a, inciden, un escenario de maior desconfianza na economía.

Costa comprender que dese medio billón de euros prestados á banca europea máis de 486.000 millóns de euros estean agora mesmo depositados no mesmo BCE

Segundo esta enquisa, os créditos caerán nun 25%, taxa que se elevará ata un 29% no caso dos fogares. Neste último caso veráse afectado o sector inmobiliario, en tanto son os préstamos hipotecarios os que maior volume de crédito reclaman das entidades de crédito. Os préstamos ao consumo (para costear compras menores) caerá outro 11%.

'Credit crunch'

Malia que a reforma financeira que prepara o Goberno de Mariano Rajoy pretenda, como di, facer que circule máis o crédito entre os sectores produtivos, o certo é que Europa se enfronta na actualidade a un dobre problema: un panorama recesivo (de caída da actividade económica, como a que xa rexistrou España no derradeiro trimestre de 2011) e o chamado credit crunch. Este é un termo financeiro que se refire a unha excepcional dificultade da economía de obter financiamento.

Costa comprender, xa que logo, que dese medio billón de euros prestados á banca europea máis de 486.000 millóns de euros estean agora mesmo depositados no mesmo BCE. A LTRO ten un tipo de xuro do 1%, e os depósitos do Banco Central Europeo páganse ao 0,25%. Unha situación que estrangula o crédito e pon de manifesto que os bancos non confían nos propios bancos.

Sucursal de UBS en Londres © UBS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.