A cifra real do desemprego en Galicia achégase aos 300.000 parados

Oficina de emprego CC-BY-NC-SA UGT

Os datos do emprego relativos ao mes de febreiro foron moi negativos. Foi o segundo peor mes de febreiro da serie dispoñible facilitada polo Ministerio de Empleo. Máis de 121.000 novos desempregados en todo o Estado e un incremento doutras case 3.400 persoas en Galicia. Non é posible verificar o efecto da reforma laboral cos datos de febreiro, pero si se aprecia que a redución de emprego non temporal (máis caro) non se está compensando con contratos máis baratos. Por primeira vez desde xaneiro de 2008 (os datos máis antigos que difunde o Estado) o número de contratos formalizados un mes baixou do millón de exemplares. Un golpe durísimo que se suma á caída de cotizantes á Seguridade Social, que xa ten menos de 17 millóns de contribuíntes.

En Galicia hai cando menos 291.496 persoas en situación de desemprego e anotadas nos servizos de colocación

Oficialmente, e así consta na nota de prensa, en Galicia hai 274.675 desempregados rexistrados. Son 26.396 persoas máis que no mes de febreiro do ano pasado tras un incremento interanual do 10,63%. Unha suba que supera a taxa estatal, do 9,6%. O mercado laboral galego rexistrou, xa que logo, un peor comportamento que o da media española en valores relativos. Pero, alén das cifras oficiais, en Galicia hai cando menos 291.496 persoas en situación de desemprego e anotadas nos servizos de colocación. Ata 16.821 persoas non constan como paradas malia que si o están, e buscan un posto de traballo de maneira activa.

Trátase dos galegos que ben cobran a"eventuais agrarios subsidiados" ben son apartados de xeito aleatorio da listaxe oficial polos departamentos de colocación de cada comunidade autónoma. En base a unha lei de Jesús Caldera, as delegacións do antigo Inem poden clasificar a un desempregado dentro dunha categoría que se chama "demandantes de emprego non ocupados" se consideran que este precisa un curso de formación.

Jesús Caldera CC-BY-NC-SA Fundación Ideas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.