A Coruña aproba a Renda Social Municipal

Silvia Cameán, este luns no pleno © Concello da Coruña

O pleno municipal da Coruña aprobou este luns inicialmente o proxecto de Renda Social Municipal proposto polo Goberno local, dirixida ás persoas en situación de vulnerabilidade que non reciben a RISGA e que vai acompañada de itinerarios de inclusión social a cargo dos servizos sociais municipais. De feito, o Concello prevé contratar once novos traballadores e traballadoras sociais, que complementarán coa súa achega profesional o esforzo económico realizado con esta acción, que se prevé que dará cobertura a preto de 1.000 familias na Coruña.

Marea Atlántica e PSdeG-PSOE votaron a favor da ordenanza, mentres de PP e BNG se abstiveron, aínda que tamén este grupo saudou a aprobación da renda e centrou as súas críticas nalgúns aspectos técnicos da ordenanza. Polo grupo municipal socialista Silvia Longueira tamén sinalou algúns puntos que lle gustaría mellorar, pero ofreceu “un voto de confianza a un proxecto necesario” pois “moitas persoas esperan esta ferramenta”. 

O alcalde Xulio Ferreiro destacou que a norma é "unha desas políticas que retratan un goberno municipal", unha "política para un tempo histórico"

O alcalde Xulio Ferreiro destacou que a norma é "unha desas políticas que retratan un goberno municipal", unha "política para un tempo histórico". "É o caso da renda social municipal, que combate unha das grandes pandemia da nosa época: a desigualdade crecente, que tamén afecta, e moito, á nosa cidade", engadiu. O rexedor salientou así mesmo o carácter dialogado da ordenanza, na que participaron todos os grupos políticos presentes na corporación e as entidade sociais da cidade: "É, posiblemente o proxecto máis querido deste Goberno municipal, pero hoxe xa non é só un proxecto deste Goberno". Ferreiro sinalou que a renda significará "unha oportunidade" para as mil familias coruñesas ás que chegará este ano: "unha oportunidade para gañar autonomía e construír unha vida de seu, que é o que todas e todos merecemos e o que todas e todos queremos para nós e a nosa xente". 

De igual xeito, a concelleira Silvia Cameán destacou que "cando se fai xustiza social faise historia, porque a sociedade avanza", engadindo que "o que podía parecer unha quimera convírtese hoxe nunha realidade, unha ferramenta que axude ás persoas”. "Debemos sentir orgullo todas por ser capaces de construír unha norma que fará da Coruña unha cidade máis amable e habitable", concluíu Cameán.

Silvia Cameán: "O que podía parecer unha quimera convírtese hoxe nunha realidade, unha ferramenta que axude ás persoas”

A Renda Social Municipal era un dos puntos do programa de 99 propostas presentado por Marea Atlántica e, sen dubida, un dos máis importantes. Casualmente, a prestación apróbase xusto cando se celebra o primeiro aniversario da toma de posesión de Xulio Ferreiro como alcalde da cidade, unha coincidencia que foi celebrada pola formación tanto nas redes sociais como a través de varias intervencións no propio pleno. A medida foi recibida de forma favorable pola meirande parte das entidades sociais da cidade que traballan con persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade.

 

As rendas da Coruña e Compostela, ferramenta contra os novos tipos de pobreza

O xoves será a quenda do Concello de Santiago, que tamén levará ao pleno a súa proposta

O xoves será a quenda do Concello de Santiago, que tamén levará ao pleno a súa proposta, que ademais dunha Renda Municipal de Garantía Básica incorpora unha serie de cinco prestacións de rescate social "de carácter extraordinario e puntual" para cubrir necesidades básicas (alimentación, vestido, aloxamento...) ou para paliar a pobreza enerxética e colaborar co equipamento básico de vivenda.

As dúas prestacións queren ser un complemento á RISGA, á que só poden acceder aquelas persoas que carecen de calquera ingreso

Renda Social Municipal coruñesa coma a Renda Municipal de Garantía Básica compostelá teñen unha contía semellante, fixada en ambos os dous casos no 100% do IPREM (532,51 euros mensuais), unha cantidade que se incrementa en función do número de integrantes da unidade familiar. As dúas prestacións queren ser un complemento á RISGA, á que só poden acceder aquelas persoas que carecen de calquera ingreso. Porén, como sinalaban hai uns días en conversa con Praza tanto Xosé Cuns (EAPN-Galicia) coma Marta Capeáns (COTSG), nos últimos anos estamos a asistir ao crecemento de novas modalidades de pobreza, mesmo entre persoas que teñen un emprego, pero con contratos a tempo parcial ou con grandes doses de precariedade e salarios baixos, persoas que si teñen ingresos, pero non os suficientes para poder facer fronte ás súas necesidades básicas.

Máis de 15 mil familias coruñesas e máis de 4 mil compostelás din chegar a final de mes con "moitas dificultades"

Tanto na Coruña coma en Compostela ao redor de un de cada cinco fogares ingresa menos de mil euros mensuais. E unha proporción semellante de persoas se atopa en risco de pobreza ou exclusión social. Máis de 15 mil familias coruñesas e máis de 4 mil compostelás din chegar a final de mes con "moitas dificultades". E entre as dúas urbes suman máis de 26 mil parados e paradas. Aínda así, o número de solicitudes anuais da RISGA (a pesar de incrementarse nos últimos anos) non supera as 783 na Coruña e as 129 en Santiago de Compostela.

  A Coruña Compostela
Fogares que ingresan menos de 1000 euros mensuais 19.037 (18,6%) 7.992 (21,1%)
Taxa de risco de pobreza ou exclusión social 19,2% 17,5%
Fogares con "moitas dificultades" 15.674 (15,3%) 4.382 (11,6%)
Número de persoas desempregadas 18.500 7.500
Solicitudes de RISGA 783 129
Solicitudes de Axudas de Inclusión Social (AIS) 291 49

 

As rendas sociais noutras cidades do Estado

As rentas sociais municipais da Coruña e Compostela son pioneiras no Estado. Outras cidades, como Barcelona, preparan iniciativas semellantes

As rentas sociais municipais da Coruña e Compostela son pioneiras no Estado. Outras cidades, como Barcelona, preparan iniciativas semellantes. No caso barcelonés, a renda municipal complementaria buscaría compensar os ingresos das unidades familiares ata chegar a ao redor de 600 euros mensuais. En febreiro o goberno local compromteuse a presentar, nun prazo máximo de seis meses, un estudo sobre a proposta. Outras localidades de máis pequeno tamaño, como Sestao, dispoñen de prestación equiparables.

Pleno municipal da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.