A fábrica de armas da Coruña queda sen vixilancia e Defensa paraliza a súa produción

Fábrica de Armas da Coruña © Hércules de Armamento

Unha fábrica de armas sen vixilancia desde a medianoite do pasado martes. O servizo de seguridade que se mantiña alerta durante as 24 horas do día desde hai anos na factoría da Coruña interrompeu os seus labores. A empresa Segur Ibérica denuncia impagamentos por valor de medio millón de euros por parte de Hércules de Armamento, firma que agora xestiona o polémico proxecto nas instalacións de Santa Bárbara. O Ministerio de Defensa ordenoulle á concesionaria deter a produción armamentística de forma provisional ante a falta de garantías. 

A empresa de seguridade suspende o seu servizo tras denunciar impagamentos por valor de 500.000 euros

Os sindicatos UGT e USO alertaron do risco da ausencia de vixilancia xusto cando o Estado se atopa nun nivel de alerta antiterrorista de 4 sobre 5 e advertiron que nin a Policía nin a Garda Civil se fixeran cargo da seguridade dunha instalaións "cualificada de crítica e estratéxica ante calquera posible acción terrorista". Non foi no principio, pero policías nacionalis levaron a cabo xa algún labor preventivo nunha fábrica na que Hércules de Armamento debe asumir os gastos "correspondentes á vixilancia e mantemento do recinto, incluíndo todos os necesarios para previr riscos na seguridade das persoas e os bens". Así se aclara nas condicións do concurso público que a empresa gañou hai un ano. 

Defensa chama á calma logo de que sindicatos advertisen do risco de manter sen seguridade a instalación en plena crise terrorista

Desde Defensa chaman á calma e non consideran excesivamente grave a situación dunha fábrica na que, malia os anuncios de diversificación do negocio cara ao sector civil, o 45% da produción prevista neste ano está destinada ao armamento. Hércules de Armamento adebeda xa varias nóminas a algúns traballadores e a débeda que mantén coa subcontrata de seguridade acaba de engadirlle unha polémica máis a unha xestión cargada de eivas. 

Ramón Mejuto, máximo accionista da compañía, foi imputado por estafa logo da denuncia do seu antigo socio no proxecto, Juan José Gómez Rey. Mejuto colocou o seu fillo e fixo unha ampliación de capital tras botar o seu ex socio do consello de administración e deixalo sen poder na empresa. Gómez Rey, pola súa banda, denuncia a falsidade das contas presentadas. 

Os delegados do antigo comité de empresa de Santa Bárbara e os ex traballadores vinculados a UGT levan tempo denunciando a situación da fábrica, tamén nos xulgados. Sempre consideraron que Hércules de Armamento non era un proxecto solvente nin fiable e sospeitan de que a súa só fose unha operación para especular cos valiosos terreos no mercado inmobiliario. Os ex operarios sempre amosaron o seu apoio ao proxecto que saíu derrotado do concurso, o do grupo IFFE, e recorreran sen éxito a adxudicación. O voceiro do antigo comité de empresa, Roberto Teijido, denunciou ante Facenda a actual concesionaria por un suposto delito de falsidade documental e frause fiscal, unha investigación que segue en curso.  

Xulio Ferreiro amosa a súa "preocupación" e reclama un proxecto "viable e que dea traballo á xente" para Santa Bárbara

O Concello da Coruña, xa co PP, negara sempre unha posible recualificación de terreos, pero ese é un risco que nunca marcha, sobre todo se a situación económica da factoría segue sen recuperarse. O alcalde, Xulio Ferreiro, recoñece a súa "preocupación" e reclama un proxecto "viable". "O noso interese é que haxa un proxecto viable que dea traballo á xente e que convirta a fábrica nun centro de produción e riqueza", dixo, antes de se reunir en Madrid nos vindeiros días co secretario de Defensa para "solucionar" o problema. A Valedora do Pobo, pola súa banda, xa anunciou que pedirá ao executivo local e á Xunta un informe sobre os compromisos adquiridos. 

A asemblea de traballadores da CIG pide ás administracións que se impliquen para evitar o peche e censura "a quen anda traballando para que Hércules de Armamento peche"

Ao tempo, a CIG convocou unha asemblea de traballadores de Hércules de Armamento o pasado mércores tras a que manifestou a súa "máis firme e decidida decisión de defender os postos de traballo e a continuidade da actividade da fábrica fronte a calquera intento que pretenda o seu peche". Estes operarios reclaman á dirección "a pronta  normalización da situación socio-laboral" da compañía e fan un "chamamento a todas as administración" para "implicarse na solución de todos os problemas para evitar o peche da fábrica, a perda dos postos de traballo e de calquera actividade industrial de futuro".

Ademais, os traballadores lembran que moitos dos integrantes do actual cadro de persoal son tamén ex traballadores despedidos da antiga Fábrica de Armas e que, ao igual que "combateron a privatización e o posterior peche por parte de General Dynamics", tamén farán fronte "a quen anda traballando para que Hércules de Armamento peche e con iso perdamos de forma directa 155 empregos". "Referímonos aos que se autoarrogan a exclusiva condición de ex traballadores, ou mesmo ex comité de empresa, que levan boicoteando e facendo todo tipo de actuacións insólitas contra o reinicio da actividade industrial, importándolle ben pouco que con todo o que están facendo poidamos perder o noso traballo actual", rematan. 

Fábrica de Armas da Coruña © Hércules de Armamento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.