A folga de entrega de leite é "unánime" en Galicia

Manifestación de gandeiros diante do Parlamento CC-BY-SA Óscar Antón Pérez

Está en marcha a folga de entrega de leite. Desde as doce desta noite, o paro convocado polos tres sindicatos maioritarios do sector (UUAA, XXAA e SLG) lévase a cabo nas explotacións galegas logo de que rematase sen acordo a reunión, con Xunta, industria e distribución presentes, na que se intentou atopar unha solución de última hora que a evitase. Nas primeiras horas o paro, segundo as centrais sindicais, está a ter un seguimento "unánime", xa que "ningún camión recolleu leite" nas 11.000 explotacións galegas, e transcorre "con normalidade", logo de que se baleirase algunha cisterna durante a noite e que se levasen a cabo accións de protesta, nas que tamén estaba presente a Fruga, como as que tiveron lugar diante do Parlamento galego ou no pleno da Deputación de Lugo.

Os portavoces das centrais -Roberto García, Francisco Bello e Xabier Gómez Santiso, respectivamente- subliñaron, en rolda de prensa, que esperan que esta medida de presión poida terminar "canto antes", entre este martes e o mércores, pois "cada día" supón, segundo recalcaron, "un suicidio económico" para os gandeiros. A pesar diso, advertiron de que, de non haber "un principio de acordo" nas próximas horas, o parón de entregas continuará de maneira indefinida.

"De non  haber un principio de acordo nas próximas horas, o paro de entregas continuará de xeito indefinido"

Así, esixiron unha solución "política" e valoraron as palabras do presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, no seu discurso na sesión de investidura, pero incidiron en que só lles vale un compromiso da industria e a distribución para poder vender o leite "en igualdade de condicións" co resto do Estado e, desta forma, cubrir os custos de produción.

Para iso, urxiron, por unha banda, acabar "co cártel" que, "de maneira artificial, abarata o prezo do leite en Galicia comprando máis caro que fóra"; e, por outro, prohibir a "venda a perdas" nos lineais coa utilización do leite como "produto reclamo".

Xa son 3 millóns de litros os que se deixaron entregar; os sindicatos estudan con ONG fórmulas para doar o leite

Segundo as cifras das organizacións sindicais, xa son 3 millóns de litros de leite os que se deixaron de entregar ás industrias. Os outros 3 millóns que configuran a produción total galega (cuxo valor ascende a 2 millóns de euros, aproximadamente) serán almacenados na tarde do martes, pois as instalacións das granxas teñen "capacidade" polo momento para non ter que tirar o produto.

No entanto, o secretario xeral de UUAA, Roberto García, avisou de que xa estudan con ONG e outras colectivos "fórmulas e mecanismos" para poder doar o leite se a paralización de entregas se prolonga, por exemplo, a través de máquinas expendedoras ou recibindo aos cidadáns nos tanques de frío. Iso, xa que a doazón directa está prohibida por un real decreto debido a razóns sanitarias e de hixiene, explicou.

No entanto, a Asociación de Empresarios de Ganadería produtora de leite galego criticou os sindicatos, aos que pediu que "deran exemplo" e que abandonasen "unha manobra que non resolve nada". Ademais, o voceiro deste colectivo, Xaquín López, nega que haxa  unha paralización do sector e asegura que as industrias recolleron produto desde as 00.00 horas até as 4 e di que o volverán facer a partir das once da noite.

A reunión, que durou máis de catro horas, non puido evitar que se convocase a folga de entregas

Logo da da xuntanza deste luns, que durou máis de catro horas, os líderes das organizacións sindicais recoñeceron, en declaracións aos medios, que existe "vontade" por parte da distribución para acabar cunha situación que é "dramática" para unhas 12.000 explotacións de leite en Galicia. Pero unha vez máis, acusaron a industria de "falta de compromisos concretos", polo que decidiron comezar unha folga que asumen que é "un suicidio económico" para as súas granxas, pero que é inevitable ante a situación desesperada do sector.

O paro pode supor que se deixen de vender unhas 6.000 toneladas de leite diarias e perdas por cada explotación duns 250 euros de media

Segundo os cálculos dos sindicatos, o paro pode supor que se deixen de vender unhas 6.000 toneladas de leite diarias e perdas por cada explotación duns 250 euros de media, aínda que a duración da folga irase determinando co paso do tempo, xa que agardan que "nas próximas horas" se produzan novos contactos e citas entre as partes para que se dean "pasos" que eviten que esta medida de presión se estenda "ás 48 ou 72 horas".

Os sindicatos recoñeceron que se aproximaron posturas coa conselleira Rosa Quintana, o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto e o de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, como intermediarios. De feito, avanzada a reunión, Álvarez Robledo abandonou a sala xunto aos responsables da distribución e, nunha dependencia próxima, debateron acerca das medidas e compromisos que ofrecer aos produtores lácteos.

Estes, a través dos secretarios xerais de UUAA, XXAA e SLG, agradeceron "a clara vontade de compromiso e colaboración" dos distribuidores, a disposición para "construír un escenario diferente" ao actual e a posibilidade de fixar un prezo nos lineais que permita, na cadea de valor, cubrir os custos de produción ás explotacións.

As grandes cadeas de distribución volveron prometer deixar de utilizar o leite como 'produto reclamo'

Aínda que non se deron cifras concretas, as grandes cadeas de distribución con presenza na autonomía galega si se comprometeron a deixar de utilizar o leite como produto reclamo, aínda que non é a primeira vez que ese compromiso é rachado aos poucos días, tal e como se pode comprobar en calquera gran supermercado.

Fronte a isto, Roberto García, Francisco Bello e Isabel Vilalba coincidiron nas críticas á industria, que non presenta "nada concreto" para pór remedio a un panorama no que os gandeiros cobran polo leite os valores máis baixos do Estado. "Só pedimos un prezo semellante ao que hai noutros lados, e existe a oportunidade para poder plasmalo nas próximas horas", destacou García.

Pola súa banda, Bello valorou o desenvolvemento dunha mesa de negociación "moi construtiva" -a deste luns sucede á celebrada hai cinco meses baixo a presidencia do titular da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo-. Con todo, subliñou que "debe haber pasos" por parte dos responsables das industrias "nas próximas horas" para "evitar" así "males maiores".

"A pelota está agora no tellado da industria", advirte os sindicatos

Por último, Villalba fixo fincapé en que "a pelota está agora no tellado da industria" e, aínda que admitiu que a folga de entrega é unha "medida moi dura" para os donos das granxas, resaltou que estes non poden asumir que se lles pague o produto por cantidades inferiores aos 34 ou 37 céntimos.

Expulsan do Parlamento a gandeiros que protestaron pola crise do sector

Durante as primeiras horas da folga, unha ducia de gandeiros foron expulsados do Parlamento, durante o discurso de investidura de Núñez Feijóo, logo de protestar pola grave crise pola que pasa o sector. O sindicalista Óscar Pose, de Unións Agrarias, foi identificado.

"Feijóo escoita, o sector está en loita", berraron os gandeiros, que se queixaron tamén de ter que "tirar o leite" que producen "65.000 familias". "E temos que morrer así", queixáronse. Ademais, luciron carteis que foron retirados pola seguridade, ao tempo que os gandeiros eran aplaudidos pola oposición no momento do seu desaloxo.

Xuntanza dos diferentes axentes do sector lácteo © SLG
Gandeiros protestan no pleno da Deputación de Lugo Dominio Público @PsoeLugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.