A gran cooperativa láctea sumará xa máis socios antes de botar a andar en 2017

Reparto de leite na Alameda de Santiago © OPL

A unión de Feiraco, Xallas, Os Irmandiños e Melisanto é só o principio. O pulo indispensable destas grandes cooperativas vén de poñer a andar a gran sociedade cooperativa do sector lácteo galego, que estará activa o próximo 1 de xaneiro. Daquela, á marxe das catro impulsoras, estarán xa integradas outras moitas sociedades interesadas no proxecto presentado este pasado luns.

Varias cooperativas, á marxe das catro fundadoras, están xa "ás portas" da entrada na integración

Así o asegura en declaracións a Praza José Montes, presidente de Feiraco, que aclara que son varias as cooperativas galegas lácteas que están "ás portas" da nova Integración Cooperativa Galega -nome provisional á espera dun definitivo- e coas que manterán  unha xuntanza no vindeiro mes de novembro. Será xusto despois de que o próximo 31 de outubro, tal e como está previsto, as asembleas das catro cooperativas impulsoras do proxecto aproben en asemblea a unión nesta cooperativa de segundo grao.

A partir de aí, e tal e como xa aseguraran na presentación os presidentes das catro sociedades, a nova sociedade queda "aberta" á incorporación de novas cooperativas galegas, moitas delas tan só á espera de cumprir cos requirimentos mínimos que se lles esixen para poder integrarse: un capital mínimo de 2 millóns de euros

O obxectivo é que todas as cooperativas lácteas que cumpran os requisitos acaben integrando o gran grupo galego

Segundo aclara José Montes, o novo gran grupo lácteo galego botará a andar en 2017 xa cun bo número de cooperativas integradas, á marxe das catro que conformaron un proxecto impulsado por Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias). Son, precisamente, as integrantes desta asociación a base sobre a que se irá engordando o novo grupo. Máis de 190 cooperativas, das que habería que obviar, "polo momento", aquelas non dedicadas ao sector lácteo ou de forraxe e pensos. Do resto, como asegura o presidente de Feiraco, o obxectivo é que se acaben por unir todas, moitas delas xa nesta fase inicial para comezar a actividade no vindeiro xaneiro.

Coa eterna aspiración de crear á fin o gran grupo lácteo galego, esta integración cooperativa semella un paso na boa dirección. A produción conxunta das catro sociedades impulsora ascende aos 413 millóns de litros de leite -o 20% de toda a de Galicia-, pero esta porcentaxe aumentarase axiña coa inclusión doutras empresas que só teñen que superar os trámites. Ademais, entre as catro fundadoras producen tamén 240.000 toneladas de pensos e sumarían 4.240 socios e uns 430 traballadores. Feiraco controlará, polo momento, o 45,3% do capital; os Irmandiños, o 30,7%; Melisanto, o 12,6%; e Xallas, o 11,4%. Ademais, a facturación conxunta foi de case 200 millóns de euros no pasado ano.

O obxectivo fundamental desta Integración Cooperativa Galega é darlles ás explotacións que as compoñen maior competitividade e eficiencia a través da integración de servizos e de xestión de compras co obxectivo de abaratar custos e soportar mellor as variacións nos prezos do leite.

Instalacións de Feiraco © Feiraco

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.