A loita en Alcoa mantén o emprego ata o verán e abre a porta a alternativas industriais e laborais

Traballadores de Alcoa, en Madrid agardando o final das negociacións © RebeliónAluminio

Alcoa e os sindicatos alcanzaron na madrugada deste mércores un preacordo a última hora nas negociacións do ERE para as plantas da Coruña e Avilés. O persoal gaña case seis meses máis de tempo ao manterse o emprego ata o vindeiro 30 de xuño. Se daquela aparece un comprador, este terá que subrogar todos os contratos e manter os traballadores; de non habelo, a multinacional botará a metade dos operarios, aínda que nunhas condicións mellores das ofrecidas nun principio: con 60 días por ano traballado. O resto, quedarían a expensas dos "compromisos" do Goberno central para alternativas industriais e laborais nas comarcas afectadas.

A actividade nas plantas manterase ata o 30 de xuño, con parte dos operarios traballando e o resto participando en plans de formación

Segundo o comunicado dos comités de empresa, Alcoa garantiu "dotar dunha cantidade de 20 millóns de euros a cada planta para a mellora das instalacións das series de electrólise e posible rearranque destas". Farao co obxectivo de deixar as fábricas nas mellores condicións para un posible investidor, logrando os traballadores 8 millóns máis dos que compromotera a multinacional nas últimas negociacións. 

Xa que logo, Alcoa manterá a actividade das plantas nas fundicións e na torre de pasta da Coruña, traballando nestas áreas 114 operarios na Coruña e 91 en Avilés. Durante un mes, ademais, levarase a cabo a parada ordenada e programada das cubas de electrólise, coa colaboración do persoal. 

Rematados estes traballos nas cubas, os operarios implicados neles seguirán dados de alta na Seguridade Social e percibindo o seu salario, participando en plans de formación profesional financiados por Alcoa. 

O Goberno aclara que non ten o "compromiso" de manter o 100% de emprego de non atopar investidor, pero si "o máximo número de traballadores" nos posibles proxectos alternativos

No preacordo alcanzado aclarábase que o Goberno central debía "adquirir un compromiso" que os comités vían "fundamental": "O mantemento do 100% do emprego a data de 1 de xullo de 2019 no caso de que non exista ningún investidor para as plantas que garantan o seu funcionamento máis aló do 30 de xuño de 2019". 

Esa é a data clave. O preacordo, tal e como aclara Alcoa, ofrece solución a uns 355 empregados das dúas plantas, entre recolocacións e prexubilacións. Quedarían 268 traballadores pendentes. Pero o Goberno central xa aclarou que no pacto formal e asinado non hai compromiso do mantemento do 100% dos empregos nin de asumilos de non atoparse investidor, se non de facer todo o posible para buscar saída a eses preto de 270 operarios a través de proxectos de reindustrialización e de alternativas nas comarcas afectadas, mesmo con iniciativas non estritamente no ámbito do aluminio, "como o caso de Vestas e Cemex". 

Mobilización de persoal de Alcoa na Coruña © CCOO-Galicia

Así o aclarou Raúl Blanco, secretario xeral de Industria, na rolda de prensa para explicar o preacordo, no que advirte do "compromiso pleno" do Estado e das comunidades "no mantemento da capacidade industrial, na busca dun investidor, na atracción de proxectos industriais achegados á actividade de Alcoa e no mantemento do máximo número de empregos asociados a estes proxectos". 

Pola súa banda, a secretaria de Estado de Emprego, Yolanda Valdolivas, amosou a súa "satisfacción" por un escenario "inimaxinable hai uns días" e cunha situación de presente e de futuro "moito máis favorable que hai tan só unhas horas". Con todo, aclarou tamén que o compromiso do Goberno é o de "apoiar, tutelar e axudar" na busca desa "reindustrialización e busca de oportunidades" para as comarcas afectadas, ademais de na busca dese investidor. "Quédanos aínda moito traballo por facer", dixo. 

O Executivo central amosa a súa "satisfacción" por un escenario "inimaxinable hai uns día" e "moito máis favorable que hai unhas horas"

"Se traballamos todos xuntos, hai as máximas garantías de que o impacto se minimice ao máximo, como sucedeu en ocasións moi recentes con Vestas ou Cemex. Farase na mesma liña", engadiu. 

Con este preacordo, os traballadores de Alcoa obteñen tamén mellores condicións das ofrecidas nun principio no caso de que non chegase o investidor nin ningún dos proxectos alternativos callase nestes seis meses. 

O pacto prevé  recolocacións nas plantas de San Cibrao, vinculadas a un plan de baixas incentivadas en Cervo e que tería que ser aceptado polos representantes do persoal na Mariña. Crearíanse ata 106 vacantes que poderían ser ocupadas por traballadores da Coruña e de Avilés.

No caso de non chegar investidor nin alternativas industriais, os traballadores despedidos serían indemnizados con 60 días por ano traballado, sen límite e unha achega extra de 10.000 euros

Ademais, as prexubilacións serían obrigatorias para todos os empregados de 53 anos ou máis, con entre o 70 e 78% do salario bruto, unha medida que podería afectar uns 36 traballadores na Coruña. En canto aos empregados máis novos e que non está incluído en ningún dos casos anteriores, no caso de ser despedido recibiría unha indemnización bruta de 60 días de salario por ano de servizo sen límite de anualidades e cunha achega extra de 10.000 euros brutos. Tamén se prevén medidas de recolocacións externas, así como convenios especiais coa Seguridade Social. 

Este preacordo, que deberá ser ratificado polo persoal das plantas, pon fin a tres meses de loita e negociacións. As últimas todo este pasado martes, tensas, longas e esgotadoras. Ás portas do lugar de reunión, traballadores e familiares agardaron durante horas unha solución e houbo momentos de tensión, como cando á noite persoal das plantas galega e asturiana intentaron cortar a estrada, sendo retidos por axentes da policía. 

O persoal lamenta que non se garanta ao 100% o emprego por parte do Goberno central. En Marea lembra que "a intervención é posible" e pídelle a Pedro Sánchez "un compromiso con Alcoa e co sector industrial do país e co futuro da area metropolitana da Coruña". Ana Pontón, voceira do BNG, di non avalar un preacordo que non garante a continuidade dos traballadores e advirte do "inverno industrial" que sofre Galicia e cunha Xunta "que non está á altura". Fernández Leiceaga, portavoz parlamentario do PSdeG, valora que se gañe tempo e espera que se dea "unha solución ás demandas do persoal". 

A CIG anunciou xa que non asina o preacordo porque "non garante o mantemento dos empregos nin que se reinicie a actividade de electrólise".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.