A peaxe da AP-53 será a que menos baixe de todo o Estado en 2016

Vehículos detidos a máis dun quilómetro da peaxe de Teo, preto de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Cinco céntimos. Será o impacto máximo que perciban os condutores e condutoras que, a partir deste venres, pasen polas cabinas de peaxe das autoestradas estatais en Galicia, isto é, a autoestrada do Atlántico (AP-9) e a que une Santiago e Dozón (AP-53), que ademais será a que experimente o menor desconto porcentual de todo o Estado. Tras anos de subidas continuadas o Ministerio de Fomento vén de informar de que dende o 1 de xaneiro entrará en vigor unha revisión á baixa das tarifas das autoestradas que dependen da Administración Xeral do Estado, unha minúscula rebaixa do 0,6% que, no caso do vial que vai da capital de Galicia ata a comarca do Deza -continúa ata Ourense libre de peaxe- fica no 0,1%.

Mentres concellos de toda a contorna, encabezados por Santiago e Lalín, esixen que Fomento promova descontos substanciais neste vial -percorrelo enteiro seguirá roldando os 6 euros-, o Estado abéirase no Real Decreto que no ano 2011 lle permitiu á concesionaria da AP-53, en desenvolvemento dunha lei do Goberno de Aznar, subir os prezos para compensar os investimentos en determinadas obras na autoestrada. Así as cousas, a compañía que agora depende dun fondo soberano do Goberno de Malaisia apenas percibirá na súa conta de resultados unhas reducións que atinxirán a un único tramo para os turismos e a dez para os vehículos pesados.

A rebaixa das peaxes, que só afecta a certos treitos da AP-9 e da AP-53, é de apenas cinco céntimos

No caso da AP-9 os cambios son o resultado de aplicarlle á tarifa a mesma variación media que a do índice de prezos ao consumo dos últimos doce meses a respecto do ano anterior e compensar este factor coa evolución dos tráficos, que nesta autoestrada xa comezou a remontar tras caer dende o inicio da crise. No seu caso as persoas usuarias percibirán a baixada de cinco céntimos en sete tramos e os prezos seguirán como estaban en todos os demais.

A Autoestrada do Atlántico aplicará esta redución do 0,6% nas peaxes mentres, como os seus tráficos, os ingresos nas cabinas de portaxe continúan a subir. Despois de aumentar xa nos dous últimos anos, no primeiro semestre de 2015 nas arcas de Audasa entraron 62,3 millóns de euros por peaxe, un 5,13% máis que no mesmo período do ano anterior, segundo os datos depositados pola compañía na Comisión Nacional do Mercado de Valores. 

Recortes de persoal

Mentres incrementaba un 5% a recadación por peaxes Audasa seguiu reducindo persoal ata acadar un novo mínimo histórico

Neste contexto, a empresa admite un "claro relanzamento nos niveis de tráfico", que ao seu xuízo responde "en gran medida" á "situación de recuperación da crise económica que caracterizara a economía española nos últimos anos". Este optimismo cadra, non obstante, cunha nova redución de persoal ata mínimos históricos. Tras rematar 2014 con 225 persoas no seu plantel, no primeiro semestre do presente exercicio esta cifra descendeu ata 221, unha vintena menos que nos anos 90, cando a autoestrada tiña cen quilómetros menos que na actualidade.

Estes recortes de persoal están vinculados, en boa medida, á extensión das cabinas de peaxe automática, que a empresa denomina "vías de pago fácil". A mediados de 2015 Audasa tiña xa instaladas 44 destas máquinas na súa autoestrada e a súa previsión e seguilas incrementando. A empresa asegura que este sistema de pagamento ten "boa acollida" entre as persoas que empregan a autoestrada aínda que, segundo datos da propia Audasa, oito de cada dez vehículos non as utilizan.

Vista dun treito da AP-53 © Acega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.