A Xunta aumenta o orzamento de Sanidade e Educación pero a metade do recortado dende 2009

Valeriano Martínez entrega o proxecto de Orzamentos ao presidente do Parlamento © Xunta

Logo dos anuncios do Goberno, agora os datos en detalle. O proxecto de Orzamentos Xerais da Xunta para 2017 vén de facerse público tras ser entregado ao Parlamento por parte do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. Tal e como anunciara o presidente Feijóo, as contas destinarán a maioría do incremento na súa capacidade a políticas sociais tras subir o presuposto case un 3,9% e superar os 9.000 millóns. Serán, para estas partidas, 200 millóns extras dos que 100 achegaranse a sanidade, 25 a política social e 64 ao ensino. 

Pero hai moito máis polo miúdo. O conxunto das partidas de gasto das novas contas públicas suman 10.550,7 millóns, o que supón que o Goberno galego manexará uns 513 millóns de euros máis que neste 2016. Dentro dese montante total inclúense 3.412,2 millóns de euros para sanidade e 2.209,4, o que implica un incremento, respectivamente de 102 e 61 millóns de euros a respecto dos anteriores orzamentos. No entanto, as políticas sanitarias aínda están dotadas con 134,4 millóns de euros menos que en 2009, e as educativas dispoñen de 195,1 millóns menos. En total, 329,5 millóns menos.

No resto de partidas que poden ser incluídas no ámbito social destaca o incremento de Acción Social nuns 27 millóns de euros, o que a deixa por riba tamén do ano 2009. Mentres, a cooperación para o desenvolvemento queda, con 4,5 millóns de euros, cun pequeno aumento de 300.000 euros, vivenda baixa case 5 millóns, ata os 70, emprego sobe 32 millóns até os 242 millóns e o apartado de "outros servizos sociais" aumenta menos de 2 millóns e queda nuns 102, aínda menos que hai dous anos. Así as cousas, o conxunto de partidas sociais gañan 220 millóns de euros a respecto de 2016, pero fican 500 millóns por baixo dos Orzamentos de 2009.

De repararármonos nas consellerías, as que máis crecen noso Orzamentos son as de Mar, que sobe un 10% até os 142 millóns, e a de Economía, Emprego e Industria, un 7,7%, con 434. Sanidade e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaparan case o 70% do presuposto do total de consellerías, con cadanseus 3.614 e 2.314 millóns, pero ambas aumentan por baixo do 3%, un 2,9% e un 2,85% respectivamente. 

Por departamentos, Sanidade aumenta en 101 millóns, ese 2,9%, até alcanzar os 3.614. É a consellería con máis capacidade de gasto, por diante de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que dispón de 2.314 millóns, 64,2 máis (o que representa o aumento do 2,85%). Mentres, Política Social, a terceira por contía, manexará o exercicio próximo 645 millóns de euros, 25 máis, o que supón incrementar o seu orzamento un 4%. Entre este tres consellerías suman 6.573 millóns, dos 8.623,3 con que contan todos os departamentos do Goberno galego (un 3,37% máis que en 2016), isto é: o 76,22% do total.

Os orzamentos de Sanidade e Educación medran menos do 3%; Mar e Economía, as consellerías que máis o incrementan

A continuación figura Medio Rural, con 520 millóns de euros, 15 máis, e unha suba do 2,97%; seguida de Economía, Emprego e Industria, para a que se reservan 434 millóns, 31 máis (+7,7%). Infraestruturas e Vivenda, cun orzamento de 351 millóns en 2017, ascende un 3,24%, 11 millóns máis en termos absolutos. Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Presidencia tamén repuntan máis do 3%: até 262 millóns a primeira (con 9 máis e un crecemento do 3,56%) e até 175 a segunda (6 millóns máis e un incremento do 3,55%). Mar, aínda que é a antepenúltima en cantidade de fondos, con 142 millóns, alcanza unha suba do 10%, tras engadir 13 millóns ás súas contas. Por último, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio queda con 3 millóns máis, até 112 (+2,75%) e Facenda agrega 2 millóns ao seu orzamento e sitúao en 55 (+3,77%).

Outras partidas

Alén do ámbito social, na trintena de partidas funcionais nas que se divide o orzamento hai de todo. Así, ámbitos como a pesca gañan máis de 10 millóns e a industria perde uns 6 millóns con relación ao ano anterior. No caso da I+D+i, a súa partida queda en case 132 millóns, o que supón un aumento de tan só 4 millóns con respecto a 2016. 

A partida de normalización lingüística fica igual que o ano pasado; son 15 millóns de euros menos que co no último ano do bipartito

O que non cambia é o caso da partida destinada á normalización lingüística, que tras perder case o 70% da súa dotación nos últimos anos queda exactamente igual que o ano pasado: 6,8 millóns fronte aos 21,8 que se orzaban en 2009. Son 15 millóns menos e é das poucas dotacións que non se incrementa, nin tan sequera un chisco. 

En canto á débeda pública, partida que neste ano chega aos 1.822,3 millóns de euros, 223 máis que en 2016, e que son 1.430 millóns máis alta que hai sete anos. 

 

Beneficios fiscais

Ademais, o conselleiro explicou tamén que os Orzamentos da Xunta para 2017 incluirán beneficios fiscais para familias, fogares e empresas por un importe de 391 millóns de euros, o que supón un aumento do 7,4% respecto ao actual exercicio. Os beneficios fiscais son unha estimación do impacto sobre os tributos autonómicos das medidas de política económica e social da Xunta.

En canto ao gasto por territorios, Valeriano Martínez este sábado que o obxectivo da Xunta é "seguir avanzando no reequilibrio territorial entre as provincias orientais e as atlánticas". Así, detallou que o gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense será de 3.522 e 3.355 euros, respectivamente. Mentres, o gasto per cápita da Administración autonómica na provincia da Coruña será de 2.457 euros, e de 2.728 euros na de Pontevedra. Isto supón que o gasto por habitante nas provincias orientais é un 33% superior ao gasto nas provincias atlánticas.

 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.