A Xustiza obriga a Abanca a devolver os cartos cobrados de máis a milleiros de clientes con cláusulas chan

Oficina de Abanca nunha cidade galega CC-BY-SA CIG

O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña estimou a demanda colectiva presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) contra Abanca na que reclamaba a devolución dos cartos cobrados de máis aos clientes con préstamos hipotecarios con cláusulas chan subscritos con anterioridade a maio de 2013. A maxistrada ordena na sentenza á entidade bancaria que lles restitúa aos prexudicados as cantidades indebidamente abonadas (cos intereses correspondentes) en aplicación das cláusulas declaradas nulas en virtude da sentenza do Tribunal Supremo do 9 de maio de 2013. Ademais, o ditame obriga á imposición das costas xudiciais á entidade bancaria demandada.

A sentenza non é firme e Abanca pode interpoñer un recurso de apelación nos vindeiros 20 días. A través de ACOUGA ao redor dun milleiro de persoas afectadas pola incorrecta aplicación da cláusula chan presentaron recurso contra o banco. Porén, a propia sentenza deixa claro que desta devolución de cartos se poderá beneficiar calquera persoa que tivese unha cláusula chan con Caixa Galicia, Caixanova ou Novacaixagalicia en préstamos hipotecarios subscritos antes de maio do 2013, independentemente de que presentara ou non recurso nesta ocasión.

ACOUGA cualifica de "histórica" a sentenza "para os 1.300 asociados adheridos á demanda colectiva" e en xeral "para milleiros de afectados". O secretario xeral da entidade, Xoán Antón Pérez-Lema, destacou pola súa banda que o ditame terá un impacto de millóns de euros e sinalou que "é a sentenza xudicial emitida na Galicia con efectos económicos a respecto de máis consumidores". Segundo a Unión de Consumidores de Galicia, máis de 35 de cada 100 hipotecas asinadas en España inclúen unha cláusula solo, unha porcentaxe que aínda foi máis alta nos anos da burbulla inmobiliaria. ACOUGA, pola súa banda, calculaba que entre 70.000 e 100.000 persoas contrataron hipotecas con estas cláusulas solo en Galicia.

ACOUGA cualifica de "histórico" o ditame, que podería beneficiar a máis de 70.000 persoas en Galicia

A sentenza coñecida este venres reafirma que "a falta de transparencia da cláusula chan determina a súa nulidade absoluta por ter carácter abusivo". Os préstamos eran ofertados como préstamos con interese variable, pero establecíase un solo do 3%, que durante moitos anos foi moi superior ao interese que os clientes deberían pagar de acordo coa evolución do mercado (o Euríbor situouse durante moitos anos moi por debaixo desa porcentaxe).

Xoán Antón Pérez-Lema destaca que "é a sentenza xudicial emitida na Galicia con efectos económicos a respecto de máis consumidores"

A demanda colectiva foi admitida a trámite polo xulgado en febreiro de 2016. En decembro dese ano o Tribunal de Xustiza da Unión Europea confirmou a nulidade das cláusulas e a obriga de reintegrarlles aos consumidores, con carácter retroactivo ilimitado, o diñeiro cobrado de máis. Con todo, xa nese momento Pérez-Lema recomendaba que as persoas afectadas reclamasen por vía xudicial as cantidades ás que tiñen dereito, por entender que "a solución extraxudicial permitiralles aos bancos demorar os pagos e ofertar a modo de rebaixas fórmulas de compensación que prexudicarán aos afectados". “Á banca en xeral non lle interesa unha solución integral e rápida do asunto; prefiren diluír os efectos prexudiciais para eles ao longo de varios exercicios”, sinalaba.

 

Integrantes da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios © ACOUGA
Mobilización contra as cláusulas-solo © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.