Afectados polas preferentes acusan o PP de deixalos "nas mans do banco" ao pasar as eleccións

Xulio Vicente, voceiro dos afectados do Baixo Miño CC-BY-SA Praza Pública

Estafadas, enganadas e agora tamén defraudadas. É como se senten as persoas afectadas polas participacións preferentes subscritas coas antigas caixas de aforro galegas e agora pertencentes a Novagalicia Banco. As autoridades da Unión Europea veñen de confirmar que o rescate bancario trae consigo unha quita nestes produtos financeiros que moitos pequenos aforradores galegos contrataron sen saber que o facían. Isto quere dicir, esencialmente, que no mellor dos casos recuperarán só unha parte dos seus aforros e, aínda por riba, non en líquido, senón en accións da entidade. Con este incerto panorama representantes de varias plataformas de afectados acudiron este venres ao Parlamento de Galicia para expoñerlles o seu problema ao PP e a AGE -teñen previstos encontros con todos os grupos-. Ao saíren da xuntanza cos conservadores o sentimento xeral era de indignación.

"O discurso do PP cambiou", resumía Xulio Vicente, da plataforma do Baixo Miño, ao rematar a reunión co voceiro popular, Pedro Puy, e coa deputada e ata a hai pouco máxima responsable do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro. "Na campaña electoral dicíannos que a arbitraxe", isto é, a fórmula extra xudicial para tentar a recuperación dos aforros, "era unha cousa que forzara o PP para que os galegos recuperásemos os cartos". "Pero agora din que estamos nas mans do banco, que é o que decide se continúa ou non" con esta vía, sempre condicionado "polo que lle permita Bruxelas", alerta.

"Negounos que, catro días das eleccións, nos prometera que se o PP gañaba habería arbitraxe para todos"

Pero non é esta circunstancia a que causa maior contrariedade entre os afectados, algúns en situacións de verdadeira desesperación, describen. "Nava Castro negounos na reunión" que, "catro días antes das eleccións", no Concello do Rosal "diante do alcalde e de seis afectados, nos prometera que se o PP ganaba as eleccións habería arbitraxe para todos". "Acábanolo de negar", reprocha, o que na súa opinión supón que Feijóo "xa está incumprindo" as súas promesas un día despois de ser reelixido presidente. "Nos mitins dixo que non nos ía deixar tirados e agora di que se o banco fai a quita, eles non poden facer nada". Pero Novagalicia Banco "está intervida no 93% polo Goberno español", que é "o mesmo que goberna en Galiza", polo que, ao seu xuízo, en última instancia "estamos nas mans do Goberno", Executivo do que tamén reclaman quedaren exentos de taxas xudiciais se levan a Novagalicia Banco ante a Xustiza.

O PP di facer "o que está na súa man"

Unha versión ben distinta do acontecido na xuntanza é a que se ofrece dende a outra banda da mesa, a do PP. Puy, que asegura que na súa formación están "plenamente concienciados do problema das persoas que foron vítimas" do "engano" e da "estafa", asegura que os conservadores, tanto dende o Parlamento como dende a Xunta, seguirán a facer "o que estea na nosa man" para "seguir coa vía da arbitraxe aberta para todos aqueles que a soliciten", sempre e cando "a entidade financeira acepte". Esta, asegura, é a única fórmula aceptada polas autoridades europeas e está "plenamente aberta".

O PP atribúe as queixas á "frustración" de non recuperar todos os aforros estafados

Ao ser cuestionado polas acusacións de cambio de criterio o popular evita desmentir os afectados: "ata onde eu sei, e ademais preguntei, díxoseme que non había ningún voceiro nin coordinador desa plataforma", porque nela todos os membros eran "iguais". "A petición unánime foi pedir que siga aberta a vía da arbitraxe" e así será, mantén, aínda que en todo caso enmarca as declaracións de Xulio Vicente "nunha situación de estafa cos aforros de toda a vida", na cal, "agás que un vaia a unha xuntanza na que lle din que o problema está solucionado", o resto de explicacións poden conducir a unha "certa frustración".

En calquera caso, semella que o PP terá que seguir escoitando as reivindicación das e dos afectados polas preferentes a pé de rúa, a comezar este sábado pola toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo. "Mañá temos concentración para empezar a recordarlle ao señor Feijóo" as súas reivindicacións, di o voceiro da plataforma do Baixo Miño, quen tamén aproveita para "pedirlles aos membros do PP, que manexan as forzas da orde", que a Policía teña o mesmo "comportamento exemplar" que eles amosan en todas as súas protestas.

AGE censura a "complicidade de Feijóo"

Tras a xuntanza co PP os afectados polas preferentes mantiveron outra con AGE, representada por Xosé Manuel Beiras, Yolanda Díaz e Antón Sánchez. Tras este encontro Alternativa asegurou a súa intención de "trasladar as iniciativas dos afectados ao Parlamento" e reclamar a constitución dunha comisión de investiación "específica" sobre as preferentes ou que, en todo caso, na comisión sobre as caixas este asunto sexa tratado "de xeito específico". "Ademais -afirman- estudarase a posibilidade de levar o tema das preferentes pola vía penal", din.

Do mesmo xeito, en opinión de Alternativa cómpre "denunciar" a "complicidade política do señor Feijóo, que xa coñecía a situación dende 2009" e tamén "cando encargou a auditoría" sobre a fusión das caixas, documento no que "xa se facía referencia ás preferentes". AGE, din, "trasladarán toda a información" proporcionada polos afectados e "presionará para que se lles dea unha solución xusta".

 

Xulio Vicente, voceiro dos afectados do Baixo Miño CC-BY-SA Praza Pública
Puy atende a prensa tras a xuntanza CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.