Afectados polas preferentes confían na Fiscalía pero esixen "xa" unha "solución política"

Diante da sede da ex Caixa Galicia CC-BY-SA Praza

Satisfacción entre os afectados polas preferentes en Galicia. O anuncio da Fiscalía de que prepara unha demanda colectiva civil contra Novagalicia Banco aumenta algo as esperanzas das preto de 43.000 persoas que din sentirse “estafadas” pola entidade galega. Adicae (Asociación de Usuarios de Bancas, Caixas e Seguros), que canaliza moitas das reclamacións, amosa tamén a súa “esperanza” pola nova e anuncia que se persoará no proceso, achegando toda a información que ten no seu poder para intentar demostrar que as antigas caixas “actuaron con mala fe” e que “aplicaron cláusulas abusivas” aos seus clientes abusando da súa confianza.

“É unha luz no túnel porque se se mete o fiscal, supoñemos que isto terá que chegar a bo porto”, asegura Antonio Rodríguez, un dos membros da Plataforma de Afectados polas preferentes do Morrazo, que explica con crueza como “xente que coñecía de toda a vida” o convenceu para contratar un produto que lle definiron como depósito a prazo fixo. “Como vou desconfiar eu dun produto que disque me asegura un xuro dun escaso 2,5% e que me ofrece un antigo compañeiro de colexio?”, engade este veciño de Cangas, que lembra como ante a negativa de NCG Banco de devolverlle os cartos, os empregados sempre se escudaban “na fusión e na intervención do FROB”. “Abusaron da confianza de clientes de toda a vida e así, persoa a persoa, marcharon cos meus aforros e cos de milleiros de galegos”, sentencia.

"As caixas sempre lle botaban a culpa á fusión ou á intervención do FROB para non dar solucións"

"Se prospera a denuncia e temos unha sentenza que cremos que é a solución definitiva para o problema, porque nos terían que devolver o diñeiro", destaca un compañeiro da plataforma do Morrazo, Luciano Villar, en declaracións ás axencias. Mentres, Argimiro Martínez, da asociación do Baixo Miño, amosa a súa alegría pola decisión da Xustiza, algo que ve normal porque “todo o que fixeron as entidades foi un atraco a man armada”.

Eugenia Mariño, técnica de Adicae en Compostela, leva semanas colgada ao teléfono atendendo chamadas de afectados nos que agora ve “máis esperanza” tras o anuncio da demanda por parte da Fiscalía. A súa asociación apoiará “con toda a documentación que poida” unha denuncia colectiva que consideran “totalmente lexítima” porque sempre defenderon que “un problema global e desta magnitude require dunha solución tamén global”. En Galicia, e só tendo en conta os afectados de NCG Banco, preto de 43.000 persoas afectadas pola emisión de 1.100 millóns de euros, dos cales 1.000 se corresponden a clientes minoristas. Xente que, de media, arriscaba uns aforros de non máis de 15.000 euros.

Ademais, unha directiva europea obriga a que os bancos sometan aos seus clientes a un exame para asegurarse de que saben o que están a contratar. É a denominada informacón precontratual dos riscos que asumen. O único que se facilitaba en NCG Banco era un folleto que case nunca se entregaba e que non aclaraba demasiado. "Se o cliente non quería arriscar, como era na maioría dos casos, non se lle podían ofrecer estes produtos", lembra a Asociación de Usuarios de Banca.  

A emisión das preferentes de NCG Banco ascende a 1.100 millóns de euros, 1.000 deles corresponden a pequenos aforradores

Tanto Adicae como os afectados reclaman “unha solución política” e unha “maior implicación dos gobernos galego e central”, pero rexeitan as propostas feitas nos últimos días desde a Xunta ou o Executivo en Madrid. “Sabemos que a saída ten que ser política e que os políticos teñen que posicionarse e deixar de propoñer, ao igual que algunhas entidades, que as preferentes se convertan en accións... Se os afectados quixesen accións, xa as terían comprado. O que queren son os cartos”, insiste Mariño, de Adicae, que critica que o ministro De Guindos anuncie agora unha normativa para evitar “estes timos” cando “todo o mal xa está feito”.

Os afectados confían na Fiscalía pero non no tempo que poida durar o proceso: "Queremos unha solución xusta e no tempo axeitado"

Pero a demanda da Fiscalía non acaba cos temores nin coas reivindicacións. Nin moito menos. Tal e como advirte Adicae “o preito pode durar cinco ou seis anos”. “O que nós demandamos é unha solución dentro do panorama de reestruturación financeira que se está a producir; as preferentes son un activo tóxico que debe sanearse e os afectados deben ter unha solución xusta e no tempo axeitado”, recorda a asociación de usuarios de banca, que teme que a demanda se alongue demasiado no tempo.

Por todo isto, Adicae e as distintas plataformas de afectados continúan coas mobilizacións e este mesmo xoves 24 están convocados en varias vilas e cidades do país fronte ás oficinas de NCG Banco para protestar. Entre as 11.30 e 12, Compostela, A Coruña e Vigo, entre outras localidades, recibirán centos de clientes das antigas caixas que, entre 2003 e 2009 “foron enganados”. “Foi un abuso feito a mala fe, as caixas sabían a quen lles colocaban estes produtos: a minoristas e aforradores de toda a vida, xente traballadora que confiaba na entidade e da que se aproveitaron”, sentencia Eugenia Mariño. O día 2 de xuño, na Coruña, unha manifestación a nivel galego e que pretende ser masiva percorrerá as rúas desde a praza de Ourense. 

Diante da sede da ex Caixa Galicia CC-BY-SA Praza

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.