Alemaña ten unha estratexia para desfacerse dos europeos do sur pobres

Unha oficina de emprego en Alemaña © El Diario

Nunha das asembleas do movemento 15M en Berlín discutíase en decembro sobre se os españois podían recibir axudas do Estado alemán sen ter cotizado, ou se pola contra non tiñan dereito, a non ser que traballaran antes alí. Uns contaban os casos de coñecidos a quen a oficina de desemprego estaba a pagarlles o aluguer e un curso de alemán, así como un pequeno sustento de supervivencia ata que atopasen un traballo. Outros, pola contra, aseguraban que nas oficinas do paro lles negaran eses subsidios. Quen tiña razón? Teñen dereito españois, italianos, gregos e outros cidadáns da Unión Europea, en cuxos países non reciben axudas públicas, a recibilas en Alemaña sen teren cotizado?

Giulia Tosti ten 36 anos e naceu en Roma. Hai tres anos que veu a Berlín buscar traballo. En Italia estudara Historia da arte e xa coñecía Alemaña. Desenvolvíase en alemán porque gozara dunha bolsa Erasmus no ano 2000 nunha universidade de Hamburgo. Pouco despois de chegar, xa atopou o seu primeiro emprego nunha galería de arte, ao que seguiron moitos outros. Durante ese tempo, Giulia traballou como autónoma. “Vin de Italia pola situación política e económica. Foi moi difícil tomar a decisión”, asegura.

A limitación que o Goberno alemán formulou está en vigor desde febreiro de 2012 e foi entón cando lles comezaron a chegar cartas coas negativas aos cidadáns comunitarios que solicitaban os subsidios

Nun momento determinado, Giulia quedou sen novos contratos e decidiu solicitar as axudas para desempregados que existen en Alemaña, o chamado 'Hartz IV'. Foi á oficina de emprego, e a traballadora que a atendeu explicoulle que as axudas non contributivas, que serían ás que ela tería acceso por ser autónoma, xa non as concedían a persoas da Unión Europea. “Talvez deberías casar cun alemán rico”, soltoulle entre risos.


"Un golpe de sorte"

En 2011 o Goberno alemán decidiu, da noite para a mañá, que os nacionais doutros países da Unión deberían quedar excluídos do chamado Convenio de Asistencia Social e Médica da Unión Europea. A idea era evitar que se producise unha inmigración cara ao sistema de benestar alemán desde os países afectados pola crise, en especial do sur de Europa. Os países do Leste estaban en todo caso excluídos do devandito convenio.

A limitación que o Goberno alemán formulou está en vigor desde febreiro de 2012 e foi entón cando lles comezaron a chegar cartas coas negativas aos cidadáns comunitarios que solicitaban os subsidios. Outros, como o español Toni Chirrispe, xa os estaban recibindo.

A ministra de Traballo, Ursula von der Leyen, aseguraba hai uns días que “a nova calidade da inmigración é un golpe de sorte” para a economía alemá

Toni naceu en Cazorla e estudou en Granada. Ten 32 anos e chegou a Berlín en xaneiro de 2011. Tamén el residira antes en Alemaña cunha bolsa Erasmis. Toni é o inmigrante perfecto, segundo a ministra de Traballo, Ursula von der Leyen, que aseguraba hai uns días que “a nova calidade da inmigración é un golpe de sorte” para a economía alemá. Con iso non se refería aos miles de romaneses e búlgaros que nos últimos meses se mudaron a Alemaña fuxindo da miseria, senón aos mozos con estudos que chegan do sur de Europa.

Con todo, o Estado alemán comunicoulle a Toni por carta que non lle seguirían pagando o subsidio non contributivo que recibía, fundamental para a súa integración laboral no país, debido á limitación que establecera o Goberno. Toni é físico e realizou varias prácticas en empresas alemás. Pero nas prácticas non se cotiza. Até o momento non atopou un traballo adecuado á súa cualificación. Agora traballa como cociñeiro nunha escola infantil. Reside en Berlín, “porque é máis barato”, pero busca por toda Alemaña e xa viviu noutras cidades.


"Non sexa pesimista"

Pódese levar a xuízo a negativa da oficina de emprego ante o Tribunal da Seguridade Social (Sozialgericht). Na metade dos casos danlles a razón.

Cando Toni recibiu a carta, na oficina de emprego dixéronlle que o mellor sería que, sen traballo nin ingresos, “volvese a España”. Toni explicoulle á señora o alto que está o paro en España e as poucas perspectivas que vía e esta aseguroulle que “era demasiado negativo”. Que fose “optimista”.

En lugar diso, Toni atopou un grupo de activistas denominado a Rede Berlinesa contra a Limitación do Goberno alemán ao Convenio de Asistencia Social e Médica. Alí explicáronlle que as persoas na súa situación teñen a posibilidade de levar a xuízo a negativa da oficina de emprego ante o Tribunal da Seguridade Social (Sozialgericht). Na metade dos casos danlles a razón. Ademais, os custos xudiciais no caso de persoas sen recursos corren a cargo do Estado. Así que nada perdía ao tentalo. Gañou o xuízo e concedéronlle de novo as axudas.

Pero só por seis meses. Ao cabo dese tempo, débense solicitar de novo e é posible que volvan negalas e haxa que denuncialo de novo.  Sebastian Müller, portavoz da iniciativa e traballador social no barrio berlinés de Pankow, explica que a rede se formou en maio de 2012 porque “oíanse cada vez máis casos de sudeuropeos a quen lles estaban negando as axudas”.

"Unha limitación só se pode facer con novas medidas, pero o paro para non contribuíntes é algo que xa existía antes"

Segundo cálculos da devandita rede, son unhas 10.000 persoas as afectadas soamente en Berlín. Ademais, a limitación do Goberno podería ser ilegal por dúas razóns que son esgrimidas polos xuíces nas súas sentenzas. A primeira é que "unha limitación soamente se pode facer con novas medidas, pero o paro para non contribuíntes é algo que xa existía antes". A segunda razón é que "para deixar de acatar un convenio a nivel europeo o Goberno debería expolo ao Parlamento, onde debería votarse".

Unha oficina de emprego en Alemaña © El Diario

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.