As axudas ao lácteo baséanse no modelo andaluz e deixan fóra a maioría de granxas galegas

Explotación gandeira en Galicia © Sara Torreiro

O BOE publicou este pasado martes o real decreto polo que se establece o marco regulador das axudas directas de minimis para "compensar as dificultades económicas do sector lácteo" e que entran en vigor este mércores. Son as bases desa medida de 300 millóns de euros que anunciou o Ministerio de Agricultura durante a crise e as maiores mobilizacións dos gandeiros e coa que se pretendía paliar un chisco a precaria situación de milleiros de explotacións no Estado, nomeadamente en Galicia. Non obstante, nin as granxas galegas parecen ser as beneficiadas nin os beneficios son os que se anunciaran, xa que a orde tan só fala de 20 millóns. 

En Galicia percibirán axudas de 300 euros por vaca as granxas que cobrasen o litro a menos de 24,5 céntimos; en Andalucía, as que cobrasen menos de 31,5

Advertiuno este mesmo mércores o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, na sesión de control na que alertou da "discriminación" de Galicia. E advírteno tamén Unións Agrarias (UUAA) e Sindicato Labrego Galego (SLG) logo de analizar o decreto no BOE. Así, en Galicia percibirán as axudas de 300 euros por vaca aquelas explotacións que entre abril e xullo cobrasen o quilo de leite por baixo dos 24,5 céntimos, mentres que en Andalucía, poden beneficiarse dela todas as granxas que tivesen prezos de menos de 31,5 céntimos por litro no mesmo período. Para as axudas de 110 euros por vaca, no país esíxese que neses meses se cobrase menos de 27 céntimos, mentres que en Andalucía poderían cobrar aquelas que tivesen prezos de ata 34 céntimos. Unha "marxinación", segundo os dous sindicatos, que ten que ver co modelo que colle de exemplo o Ministerio de Agricultura

O que fai o Goberno central é empregar unhas referencias de custos de produción que o SLG considera "inaceptables" ao obviar conceptos esenciais como as amortizacións ou a necesidade de que os labregos teñan ingresos. Ademais, estas referencias non se basean en custos de produción medios ou nun tipo medio de granxa, senón que miran ao modelo andaluz, "xusto o que o Estado pon de exemplo" por estar preto dos centros de consumo, lembra Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG. 

O Estado "marxina" as explotacións galegas ao empregar unhas referencias de custos de produción que obvian conceptos esenciais e se fixan no modelo andaluz

Así, o Ministerio establece uns niveis de rendibilidade como baremos para conceder as axudas baseados nos datos da Rede Nacional de Granxas Típicas (Rengrati). Xa que logo, as explotacións con dereito ás axudas de 300 euros serían aquelas que cobren o leite por baixo da contía necesaria para ter un beneficio efectivo, pero a orde do BOE non computa entre isto nin as amortizacións en instalacións ou maquinaria nin as perdas patrimoniais ou de capital, no caso de que as houbera. No caso das axudas de 110 euros, serían para aquelas que perciban un importe menor ao prezo do leite necesario para alcanzar beneficio segundo conta de explotación, pero neste caso non se ten en conta ningunha remuneración para os gandeiros. "É demencial", denuncia Vilalba.

E parece selo porque as referencias non se basean en custos de produción medios ou nun tipo medio de granxa, senón que miran a un modelo moi diferente ao de Galicia, xusto onde o Ministerio recoñecía non hai moito que estaba o principal problema da crise láctea e o maior número de afectados. Porque en Galicia a media de vacas por granxa é de 31 e unha produción de 200.000 quilos, pero a referencia de Rengrati é a dunha explotación con entre 50 e 60 vacas e unha produción de entre 500.000 e 550.000 quilos. Ademais, segundo denuncia o SLG, "dáse por bo que as granxas con base territorial e uns supostos menores custos de produción cobren menos e mesmo teñan axudas inferiores"; isto fronte a granxas sen base territorial, que empregan o catering como sistema de alimentación e con menos UTAs e empregos, que é o tipo de granxa no que se basea o Estado para establecer os baremos de Andalucía. "En definitiva, penalízase a xeración de emprego, a alimentación en base á produción propia de forraxes e a xestión do territorio", asegura o sindicato. 

"Dáse por bo que as granxas con base territorial e uns supostos menores custos de produción cobren menos; penalízase a xeración de emprego e a xestión do territorio", denuncia o SLG

O caso é que, segundo a propia Rengrati, o prezo medio pagado polo leite no primeiro cuatrimestre deste ano en Galicia foi de 29,8 céntimos, fronte aos 36,5 de Andalucía; mentres que a caída do importe respecto ao cuatrimestre anterior nas granxas galegas foi do 9% fronte ao 3% das andaluzas.

Ademais, segundo datos de Medio Rural do mes de abril, en Galicia había máis de 2.500 explotacións cobrando por debaixo dos 26 céntimos e o valor do leite, como lembra o SLG, "aínda caeu máis". Ao tempo, o prezo medio para que unha granxa galega teña beneficios aproxímase aos 35 céntimos, segundo os datos de Rengrati, dependente dun Ministerio de Agricultura que agora di que as axudas destinadas ás granxas máis vulenerables beneficiarán a 1.700 explotacións en todo o Estado. Polo tanto, son moitos os gandeiros galegos que quedarán sen axuda ningunha. 

As axudas de 300 euros por vaca recaerán en 1.700 explotacións do Estado mentres en Galicia xa hai máis de 2.500 que cobran por baixo dos 26 céntimos

"Son axudas absolutamente discriminatorias ao deixar fóra moitas das granxas galegas que levan meses vendendo por debaixo de 26 céntimos e ao basearse nunhas referencias de custos de produción inacepables", insiste o SLG. Ademais, UUAA cre que este límite supón "unha mensaxe clara do que para o Goberno supón a partir de agora un prezo sostible" e que asegura que o límite imposto "supón deixar fóra do paquete de axudas case o 80% das explotacións galegas". 

"Resulta difícil xustificar niveis de custos de produción tan dispares nun mesmo Estado, cando os prezos que as granxas pagan por insumos como o gasóleo, a electricidade, as forraxes ou os pensos son semellantes", lembra o SLG, que advirte que as axudas "son francamente insuficientes e, por riba, inxustas, ao discriminar, unha vez máis, as granxas galegas". 

 

Sindicatos e BNG piden a Feijóo que reaccione

En Galicia, tal e como os gandeiros lembran e como detallaron expertos en Praza, o custo de produción dun litro de leite roldaría entre os 30 e os 31 céntimos por litro, iso sen incluír conceptos máis difíciles de calcular como as amortizacións de maquinaria e construcións da granxa e os gastos financeiros de hipotecas ou préstamos que teñen que afrontar as persoas propietarias da granxa. Poñer o límite en 24,5 céntimos deixa sen axudas a inmensa maioría das granxas que, aínda así, seguen sen cubrir os custos de produción. 

Nun comunicado, UUAA asegura que "esta realidade deixa claro que o único obxectivo das declaracións da ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina era mover a desmobilización dos gandeiros que participaban nas tratoradas e manifestacións". Pero ademais, o sindicato mostra tamén a súa "sorpresa" ao comprobar que dos 300 millóns de euros comprometidos polo Goberno "só aparecen reflectidos 20 millóns" na orde publicada no BOE. 

UUAA tamén solicita ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "faga presión en Madrid para que se melloren, vía corrección de erros, os enunciados desta orde". O sindicato lémbralle "o seu compromiso público de sumar 500 millóns de euros se o orzamento disposto polo Ministerio de Agricultura non era dabondo". Pola súa banda, o BNG preguntou ao xefe do Executivo galego se non considera que "Galiza é novamente discriminada”, cuestión á que non houbo resposta. 

Vacas dunha explotación galega © R.Reboiro
Primeiro tractor da tractorada CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.