As prestacións son a principal fonte de ingresos de case a metade dos fogares en Galicia

Xente paseando pola cidade de Vigo CC-BY Iván PC

A crise, o paro e a emigración cébanse con Galicia, unha poboación envellecida e que ve como os seus mozos marchan da terra en busca dun mellor futuro fóra. Os ingresos do traballo son cada vez os menos nos fogares galegos, onde moitas familias sobreviven grazas a algún tipo de prestación, que é a fonte principal de ingresos en case a metade das casas.

O 47% dos fogares galegos non teñen como ingreso fundamental o do traballo

Concretamente, e segundo a Enquisa de condicións de vida das familias publicada polo IGE, o 45,2% dos fogares galegos teñen como principal fonte de ingresos as prestacións, fronte ao 53% onde os ingresos do traballo seguen sendo os fundamentais. En concreto, o 47% das familias non teñen como ingresos básicos os que proveñen dun emprego, senón os que chegan de pensións ou subsidios, aos que hai que engadir o 1,8% de casas galegas onde os cartos que entran son maioritariamente de rendas da propiedade ou do capital, rendas de seguros ou transferencias doutros fogares.

A situación é ben diferente á que había antes do comezo da crise en 2008. A finais de 2007, case o 62% dos fogares galegos tiñan como principal fonte de ingresos os do traballo, fronte ao 37% que tiñan as pensións ou subsidios como fonte fundamental para a entrada regular de cartos na familia. En concreto, son case 100.000 máis os fogares (97.764) onde as prestacións se converteron no principal sustento familiar. Das 371.602 unidades familiares de 2007 até as 469.366 de finais de 2012, último dato dispoñible no Instituto de Estatística de Galicia (IGE).

En case 470.000 fogares galegos o principal ingreso chega das prestacións, 100.000 máis que antes do comezo da crise

As cifras, porén, non fan pensar que a situación mellorase no último ano. O número de parados rexistrados en Galicia, segundo os últimos datos do Goberno, sitúase nas 271.063 persoas e logo dun novo aumento no mes de decembro, fronte ao descenso no conxunto do Estado. Pero o peor dato é o das afiliacións á Seguridade Social. O país perdeu máis de 2.000 cotizantes no último mes do ano e case 13.000 en todo o ano.

Porque en Galicia hai na actualidade case o mesmo número de fogares onde só entran ingresos do traballo (34%), ingresos por prestacións (33,8%) ou ingresos de ambas as dúas fontes (31,2%). Non era tan así antes do comezo da crise, a finais de 2007, cando o 40% das familias tan só recibían ingresos que chegaban do mercado laboral, fronte ao 29,1% nos que só había ingresos por pensións e subsidios ou o 30% de casas onde as fontes eran as dúas.

Obviamente, a diferenza é grande entre os ingresos medios que supoñen nun fogar os que chegan do traballo se o comparamos cos que proveñen de subsidios ou pensións. Neste último caso, a cifra media é de 1.231 euros -168 euros máis que antes do comezo da crise-, mentres que na primeira situación, a cantidade media ao mes sitúase nos 2.209 euros, fronte aos 2.401 de finais de 2007.

 

Fogares segundo a principal fonte de ingresos (%)
Galicia Ingresos do traballo Ingresos por prestacións Outro tipo de ingresos
2007 61,7 37 1,2
2008 60 38,6 1,4
2009 58,5 39,9 1,6
2010 56,4 41,6 2
2011 55,9 42,2 1,9
2012 53 45 1,8

 

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.