"As traballadoras de Extel viron que a única maneira de conseguir cambios era mobilizándose"

O persoal de Extel entregará "carbón para a Dirección" da empresa © CGT

O persoal de Extel na Coruña está chamado á folga este venres 4 de xaneiro. Este call center, que funciona como subcontrata de Movistar, emprega na cidade herculina a unhas 700 persoas, a maioría mulleres. Ao igual que no resto de empresas do sector do telemarketing, as teleoperadoras de Extel sofren unha gran precariedade nos seus contratos, baixos salarios, malas condicións laborais e grandes dificultades para conciliar a súa vida familiar. 

"Por ter salarios baixos ou por ser un sector feminizado, as problemáticas laborais no telemarketing teñen moita menos repercusión que un conflito laboral en Alcoa"

O sector do telemarketing, que suma unhas 8.000 traballadoras en Galicia, viviu nos últimos anos importantes mobilizacións, algunhas motivadas polas negociacións dun novo convenio colectivo, noutros casos por conflitos laborais xerados nalgunha empresa concreta, como foi o caso do propio Extel cando presentou un ERE hai dous anos ou Atento, hai tan só uns meses. Aquel ERE executado en novembro de 2016 acabou con máis dun cento de despedimentos en Extel, que puideron chegar a ser o dobre.

O pasado 5 de decembro o 90% do persoal de Extel na Coruña secundou a folga convocada para esixir unhas condicións laborais e uns salarios dignos. Un mes despois, está convocada unha nova xornada de paros. Este mesmo xoves representantes sindicais da CGT levaron a cabo un reparto de carbón para que as traballadoras llo entreguen aos responsables da subcontrata, ao berro de "carbón para a Dirección". Falamos con Adrián García, delegado do sindicato.

Que é o que motiva esta nova convocatoria de folga?

Hai moitos motivos, relacionados coas condicións laborais que vimos denunciando. Pero neste caso o detonante da folga foi o despedimento inxustificado dunha traballadora. Vén sendo habitual que a empresa realice algún despedimento nos últimos días do ano. A nós o o que nos anoxa é que, en paralelo, a empresa se dedica a facer campañas de recollida de alimentos e xoguetes para lavar a súa imaxe, mentres esta compañeira foi despedida o día de Noiteboa, sen previo aviso e dunha maneira deshumanizada, a través dun garda de seguridade.

Como vai ser a folga?

A folga é de 24 horas e afecta a todo o cadro de persoal. Non hai servizos mínimos porque todas as subcontratas que traballan para Movistar teñen a capacidade de desviar as chamadas dun lado para outro: se interesa que haxa máis ou menos carga de traballo en cada central, conséguese.

Cal é a situación laboral das traballadoras de Extel na Coruña?

A situación en Extel é moi semellante á doutras empresas do sector do telemarketing, comezando pola incerteza que sofren as traballadoras, xa que o contrato máis habitual é o de obra e servizo, que pode rematar en calquera momento. Ademais, baixos salarios, dificultade para conciliar, moitas xornadas a tempo parcial, cambios aleatorios de departamento, falta de formación e un gran desgaste mental e de saúde para o persoal. 

A empresa impuxo de maneira unilateral un sistema de retribucións variables que está a dar lugar a moitos conflitos, a que as traballadoras teñan que levar elas mesmas un reconto dos obxectivos conseguidos e a reclamar nos xulgados parte dos complementos, que non foron pagados pola empresa. Tamén tivemos que chegar aos tribunais para que a xustiza recoñecese o dereito dos traballadores e traballadoras de Extel a conciliar a súa vida laboral e familiar.

"Hai unha gran presión, o que leva a que moitas compañeiras teñan que acudir medicadas ao traballo, ou que deriva en situacións que rematan en baixas por estrés ou por algunha enfermidade"

O sector é o paradigma da precariedade. Por un motivo ou por outro, por ter salarios baixos ou por ser un sector feminizado, as problemáticas laborais no telemarketing teñen moita menos repercusión que un conflito laboral en Alcoa, por exemplo

É un traballo duro?

Hai unha carga excesiva de traballo, entre chamada e chamada non hai tempo de descanso, continuamente entran as chamadas sen parar. Hai unha gran presión, o que leva a que moitas compañeiras teñan que acudir medicadas ao traballo, ou que deriva en situacións que rematan en baixas por estrés ou por algunha enfermidade. Ti pensa que cando unha persoa chama ao 1004 e a súa chamada queda moito tempo en espera, despois ese cliente expresa a súa rabia contra a operadora que o atende.

"Cando unha persoa chama ao 1004 e a súa chamada queda moito tempo en espera, despois ese cliente expresa a súa rabia contra a operadora que o atende"

Canto cobra nestes momentos unha teleoperadora?

Unha teleoperadora está cobrando un salario medio de 700 ou 800 euros. Despois hai unha serie de retribucións variables que dependendo da empresa e da traballadora poden ir dos 10 aos 200 euros, grandes diferenzas que xeran unha gran competitividade por parte das traballadoras para poder chegar a certos obxectivos e así completar o teu salario de miseria. Ademais, moitos destes incentivos están suxeitos a unha gran arbitrariedade. A valoración que o cliente pode facer do servizo de atención unha vez rematada a chamada repercute directamente no salario da traballadora que o atendeu. E moitas veces unha valoración negativa non ten que ver coa atención que lle deu a teleoperadora e si co conxunto do servizo.

"A empresa trátanos cada vez máis como números e non como persoas"

Ata agora as mobilizacións convocadas están tendo un gran seguimento. A pesar da gran precariedade contractual ou precisamente por ela?

É certo que as mobilizacións están tendo moito éxito. Vimos de dous procesos de mobilización colectiva que afectaron a todo o cadro de persoal: primeiro por un ERE e despois por unha modificación substancial das condicións de traballo. Iso foi un punto e aparte: as traballadoras viron que a única maneira de poder conseguir certos cambios era mobilizándose, parando, non indo a traballar, e iso levou a que as folgas cada vez tivesen maior repercusión, cunha gran dose de valentía pola súa banda, e tamén por estar xa fartas desta situación. Ven que a empresa nos trata cada vez máis como números, e non como persoas.

Como é a relación entre o persoal e a empresa? E entre a empresa e os sindicatos?

A relación que ten a empresa coas traballadoras é moi mala. Ignora completamente as súas solicitudes e protestas, cun total desprezo de calquera reclamación que poida vir do persoal. Están rotas tamén as relacións entre a compañía os sindicatos, e para comezar Extel non cumpre os acordos aos que chegara co Comité de Empresa.

Manifestación contra o ERE de Extel na Coruña, hai uns meses Dominio Público @MareasEnComun

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.