Así facilita a reforma laboral do PP o ERE de Extel

Protesta das traballadoras de Extel na Torre de Hércules © CIG

As traballadoras de Extel na Coruña levaron a cabo este martes unha nova xornada de folga, cun seguimento case total segundo os sindicatos. Ademais, o persoal realizou unha acción de protesta na Torre de Hércules, na que rodearon o monumento, despregando varias faixas ao seu pé. Ao igual que sucedera en anteriores mobilizacións, na protesta participaron representantes de varias forzas políticas, entre elas o Partido Popular, a través das concelleiras Lucía Canabal e Rosa Lendoiro.

Este feito volveu ser criticado por parte dos sindicatos, lembrando que son as últimas reformas laborais, sobre todo a de 2012, as que facilitan e permiten a presentación de expedientes de regulación de emprego coma o aplicado en Extel. Antes da reforma, a presentación dun ERE necesitaba dunha autorización administrativa que, no caso de non estar de acordo as partes, supuña a desestimación do expediente. Iso obrigaba ao empresario a negociar previamente cos representantes dos traballadores e, polo tanto, a unha redución dos despedimentos ou a unha suba das indemnizacións ofrecidas. Agora xa non é necesaria esa autorización administrativa, substituída por un procedemento xudicial de control do ERE. No caso de non haber acordo, o ERE execútase igualmente. A reforma do 2012, polo tanto, xeneralizou a indemnización de 20 días para os despedimentos por causas obxectivas. A reforma de 2010, pola súa banda, reducira xa a indemnización por causas económicas de 45 a 20 días por ano traballado.

Antes da reforma de 2012, a presentación dun ERE necesitaba dunha autorización administrativa que, no caso de non estar de acordo as partes, supuña a desestimación do expediente

O ERE presentado por Extel no mes de setembro buscando reducir o número de traballadoras e traballadores en 355 persoas (205 na Coruña) a aludía a "causas produtivas e organizativas" para xustificar a medida. As causas produtivas fan referencia a "cambios na demanda dos produtos ou servizos que a empresa pretende colocar no mercado", e poden ser invocadas pola empresa aínda tendo beneficios, como é o caso de Extel.

A empresa (Extel Contact Center) é parte de Adecco S.A. (radicada en Suíza) e pechou o exercicio 2015 con beneficios de 1,5 millóns de euros. En 2014, os seus beneficios foron de 1.6 millóns. En total ingresa cada ano máis de 80 millóns de euros. cun pequeno descenso (do 2,5%) no último exercicio, no que tamén se reduciu o resultado de explotación (un 21,8%) ata os 2,3 millóns. 

Extel pechou o exercicio 2015 con beneficios de 1,5 millóns de euros

A pasada semana, o pleno municipal da Coruña aprobou por unanimidade unha moción de apoio ao cadro de persoal de Extel. Na moción, o conxunto da Corporación comprometeuse a pedir publicamente tanto a Extel como ao seu principal cliente, Movistar, que aclaren onde se vai a prestar o servizo de atención ao cliente “xa que as chamadas non desaparecerán dun día para outro”. Mediante esta moción, a Corporación solicitaba ademais publicamente “a derrogación das últimas reformas laborais que permiten que unha empresa poida iniciar un expediente de regulación de emprego sen contar coa autorización da autoridade laboral competente, permitindo así que dunha maneira unilateral e sen unha firme acreditación, os e as traballadoras poidan perder os seus postos de traballo”, salientou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema.

O PP votou a favor dunha moción que pide derrogar as dúas últimas reformas laborais

Durante o debate da moción produciuse un intenso debate entre Lema e as bancadas populares, despois de que o PP lle demandase á Marea "maior confrontación" neste tema e afirmase que o PP "leva tempo ofrecendo" unha modificación da última reforma laboral.

 

As concelleiras do PP na Coruña Lucía Canabal e Rosa Lendoiro, este martes na protesta das traballadoras de Extel © PP A Coruña
Protesta das traballadoras na Torre de Hércules © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.